segunda-feira, agosto 25, 2014

Mobilización obreira no casco histórico de Santiago de Compostela para evidenciar o rexeitamento ás políticas sociais e económicas representadas por Angela Merkel e Mariano Rajoy - Vídeo


Centos de persoas mobilizáronse en Compostela con motivo da visita de Merkel e Rajoy | Un desmesurado dispositivo policial impediu o acceso de manifestantes con faixas, bandeiras e cartaces á Praza da Quintana


Centos de persoas trasladáronse até o casco histórico de Santiago de Compostela para evidenciar o rexeitamento ás políticas sociais e económicas representadas por Angela Merkel e Mariano Rajoy, que este luns estiveron de visita oficial na Galiza. Unha mobilización cidadá marcada por un desmesurado dispositivo policial e a prohibición de acceder ás inmediacións da catedral con bandeiras, pancartas ou calquera outro elemento que se puidese identificar como parte dunha protesta.

Pouco antes das 11:00 da mañá (hora da convocatoria), ducias de persoas do colectivo de pensionistas e emigrantes retornados/sa permanecían retidos/sa polas forzas de seguranza nunha das entradas da Quintana de Vivos, ao prohibirlles o acceso á Praza por levaren consigo faixas e cartaces. Tampouco puideron entrar na Quintana as compañeiras e compañeiros da CIG que levaban bandeiras da central nacionalista e da patria; e, de feito, os axentes mesmo impedían os/as manifestantes acceder á Praza da Quintana dende Praterías.

Malia o desmesurado dispositivo policial, ás once horas, un bo número de persoas concentrábanse no emblemático lugar ao berro de “Fóra Troika da Galiza”, mentres se montaba un pequeno teatro cunha dominadora Angela Merkel e un submiso Mariano Rajoy, disposto a executar cada unha das ordes da chanceler alemá.

Uns trinta minutos despois, a protesta saía da Quintana e dirixíase pola rúa da Conga, coa intención de chegar até o Obraidoro. A altura do edificio do antigo Banco de España produciuse un primeiro encontro coa policía, que pretendía parar o avance da manifestación. Poucos metros despois, a marcha quedaba retida nada máis encetar a Rúa de Fonseca. Alí, entre berros reclamando democracia e liberdade de expresión, producíronse momentos de tensión entre a cabeza da mobilización e os axentes que impedían o paso, que mesmo chegaron a golpear a varias das e dos manifestantes.

“Mercenarios do capital financeiro”

Finalmente, a protesta dirixiuse á Praza de Fonseca onde rematou coa intervención dos representantes dalgúns dos colectivos presentes, entre eles, o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, que cualificou a mobilización de “exercicio de dignidade”. Neste senso, explicou, coa convocatoria preténdese amosar o rexeitamento á presenza na Galiza da chanceler alemá e do presidente do goberno español “mercenarios ao servizo do capital financeiro”.

Seixo denunciou o modelo de social e económico que ambos representan: “unha Unión Europea profundamente antidemocrática  -non hai máis que ver o tratamento que se nos deu por parte da policía, intentando que non puideramos manifestarnos-; e unha UE na que se fomentan políticas regresivas, de recorte de dereitos, que vai no camiño de tentar desmantelar o chamado estado de benestar en beneficio do capital financeiro”.

Unha Unión Europea, criticou o Secretario Xeral da CIG, que permite especular coa débeda pública, mentres se leva aos estados da periferia a unha situación de quebra, obrigándoos a asumir políticas laborais e sociais profundamente regresivas.  “Esta é unha Unión Europea ao servizo dos mercaderes, do capital especulativo; non unha UE ao servizo da clase traballadora, na que se respecten os dereitos das nacións que formamos parte da mesma”.

Por iso, Seixo incidiu en que “non se pode permitir que os máximos responsábeis desas políticas tan antisociais que proveñen da UE paseen pola nosa cidade sen que se haxa unha manifestación clara de rexeitamento ao que son e ao que representan”.


https://www.youtube.com/v/4T3SJcPqgSI%26amp;rel=0%26amp;fs=1

Fonte: Avantar.

_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon