mércores, agosto 27, 2014

De fondo as Eleccións Municipais de Maio de 2015: Xa hai en marcha unha iniciativa de manifesto unitario en Ferrol coa proposta de constitución dunha "Marea Ártabra"


Xa hai en marcha unha iniciativa de manifesto unitario en Ferrol (con aspiracións de que sexa referencia para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal), circulando polos correos coa proposta de constitución dunha "Marea Ártabra", co que se pretende recabar apoios para "alentar un proceso asembleario que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social promovendo candidaturas de unidade para as vindeiras eleccións municipais, subliñando a importancia que teñen os Concellos como espazos de participación, transformación e emancipación, proceso que necesariamente debe culminar coa convocatoria dunha grande asemblea cidadá, un proceso para un novo suxeito político do que saia un programa e unha candidatura do pobo e para o pobo".

Nunha parte do manifesto din: "Precisamos dunha marea cidadá que poña por diante as persoas e acabe cos privilexios dos de arriba." ... "Somos quen de organizarnos contra o poder corrupto, ...". Desde Ártabra 21 consideramos de interese facer público esta iniciativa que aínda está recabando apoios de persoas que consideren necesario poñer por diante ás persoas e acabar cos privilexios dos de arriba, ... organizarse, "avanzar en rebeldía e tomar o poder para devolver a Ferrol as cores da cultura, da industria, do asociacionismo e do cooperativismo, un Ferrol participativo e con políticas orientadas por e para a xente do común".

MANIFESTO

O vindeiro mes de maio están convocadas as eleccións municipais e en Ferrolterra preséntasenos unha ocasión única para construír, dende abaixo, alternativas de goberno municipal que estean á altura das circunstancias. As mobilizacións que se veñen producindo nos últimos anos como reacción ao desmantelamento progresivo de dereitos e liberdades custosamente conquistados son o síntoma dunha sociedade que non atura máis desigualdade. A sociedade é consciente de que a alianza perfecta de intereses entre o poder económico e o bipartidismo harmónico son a causa de todos os males que estamos a padecer.

Si, o problema está na acción política de quen nos goberna pero a solución tamén esta aí, na política, nos gobernos. Precisamos dunha marea cidadá que poña por diante as persoas e acabe cos privilexios dos de arriba. Tan simple como reivindicar para a maioría social o que é da maioría social. Ferrolterra é unha bisbarra de tradición de loita obreira e de forte calado sociocultural. Somos quen de organizarnos contra o poder corrupto, así o demostramos na historia, en marzo do 72 e en todas as loitas por recuperar dereitos que nos pertencen, batallas nas que moitos e moitas sufriron cadea, tortura, represión ou incluso morte. Reivindiquemos o noso pasado de vitoria do pobo fronte ao poder, traiamos a dignidade ao noso presente, e comecemos a tecer un futuro novo, construído entre todos e todas, onde cada voz teña o mesmo valor ca outra.

Os gobernos que nos rexen dan as costas ao sufrimento e á desesperación dos nosos veciños e veciñas, que non soportan máis desindustrialización, máis malgasto, máis agresións medio ambientais, máis política social baseada na caridade, máis precarización do emprego e da vida mesma. Fronte a esta política que quere converter a nosa comarca nun camposanto industrial, nunha paisaxe futurista desértica, a cidadanía de Ferrolterra debe ter a capacidade de organizarse, de avanzar en rebeldía e tomar o poder para devolver a Ferrol as cores da cultura, da industria, do asociacionismo e do cooperativismo, un Ferrol participativo e con políticas orientadas por e para a xente do común.

É a hora de abrir as xanelas e deixar paso á Marea Ártabra, unha marea de aire novo, a marea do pobo de Ferrol, da inmensa maioría que sufre os recortes de dereitos, unha marea das xentes que queren varrer do mapa e para sempre a política dos que gobernan para uns poucos e xestionar e rexer nós mesmos/as os nosos destinos.

Porque somos maioría as persoas que queremos alcaldías que veñan a servir á cidade e non a servirse da cidade, que pensamos que os cargos públicos deben estar ao servizo dos e das cidadáns e non dos seus partidos, que queremos un Concello que defenda os intereses estratéxicos da cidade, que temos a certeza de que unha alternativa común, unha candidatura cidadá e plural a partir do protagonismo directo dos veciños e das veciñas pode devolver o Concello á cidadanía.

Por iso, nós, compoñentes desta marea ártabra, queremos alentar un proceso asembleario que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social promovendo candidaturas de unidade para as vindeiras eleccións municipais, subliñando a importancia que teñen os Concellos como espazos de participación, transformación e emancipación, proceso que necesariamente debe culminar coa convocatoria dunha grande asemblea cidadá, un proceso para un novo suxeito político do que saia un programa e unha candidatura do pobo e para o pobo.
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon