"Seguiremos pola senda reformista". Mariano Rajoy culminou a súa reunión informal coa chanceler alemá en Santiago sacando peito polas "reformas estruturais", os recortes aplicados polo seu Goberno desde 2011. "Non nos deixaremos levar pola autocompracencia" agora que "empezamos a ver os froitos das reformas que acometemos", garantiu o xefe do Goberno de España ante Angela Merkel. Entre eses froitos, parece, está un posto para Luis de Guindos na presidencia do Eurogrupo, ratificado nun encontro no que Compostela e Galicia tiveron o papel de mero pletó.
Tras un paseo por un tramo do Camiño de Santiago e unha cea nunha cara marisquería da capital galega Merkel e Rajoy compareceron xuntos ante a prensa para, esencialmente, asegurar que a receita de pasar a tesoira non só funciona, senón que é, en palabras do presidente español, a "única forma de preservar os niveis de protección social que a sociedade española merece". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, seguiu dende a primeira fila dos asentos da prensa como o seu xefe de filas explicou que non é o momento de "acabar coas políticas de austeridade", senón de seguir por un camiño que xa deriva nunha "mellora substancial da economía".
A chanceler parabeniza a Rajoy polas dúas "duras reformas"A chanceler, que minutos antes se fundira nunha aperta coa imaxe do Apóstolo Santiago na catedral compostelá -a visita foi adiantada media hora para evitar a coincidencia coas protestas cidadás-, comparte "a opinión de Mariano Rajoy". É un "malentendido" que "para o crecemento se precisen máis cartos". "Non é certo", afirma entre felicitacións a Rajoy polas "duras reformas" aprobadas e o "gran ímpeto" á hora de aplicalas. O Executivo do PP, di a líder alemá, "creou os alicerces" para que o Estado marche ben cun crecemento económico que é "o primeiro indicio" de que se poderá diminuír o paro.
Apoio a De Guindos, sen veto para Cañete
Entre os resultados tanxibles que Rajoy saca dos actos nos que Galicia e o seu goberno exerceron como meros espectadores -Feijóo tivo un papel secundario en todo momento e na rolda de prensa abordouse a actualidade estatal e a catalá, pero non a galega- figura o apoio para dirixir a zona euro a quen hoxe é ministro de Economía e, antes, dirixente de Lehman Brothers ata que o xigante financeiro crebou. Luís de Guindos "foi un ministro de Economía excelente en tempos difíciles", sinala Merkel, por iso "cando remate o prazo do actual apoiaremos a súa candidatura".
De Guindos, ex directivo de Lehman Brothers, terá apoio de Merkel para dirixir o EurogrupoMerkel é menos entusiasta en relación coa entrada de Miguel Arias Cañete na nova Comisión Europea, a outra petición de Rajoy para a novo organigrama comunitario. Das palabras da chanceler despréndese que o cabeza de lista dos populares españois non sufrirá o veto alemán, pero que sexa ou non comisario dependerá do presidente, Jean Claude Juncker, que xa ten sobre a súa mesa unha carta de Rajoy "propóndoo como candidato", lembrou ante Merkel.
A Policía cargou con dureza contra a protesta anti troikaProtestas e cargas policiais
O intercambio de eloxios, os paseos, o ritual apostólico e as promesas de cargos e recortes producíronse nunha Compostela tomada pola Policía, que se empregou a fondo para que as protestas non estragasen a foto. Nin sequera Darío Rivas, fillo do alcalde de Castro de Rei (Lugo) asasinado polos franquistas en 1936, púidose achegar a Merkel para entregarlle unha carta na que pedía que Alemaña se desculpase pola colaboración co golpe de Franco.
A carta de Rivas tivo que quedar na recepción do Hostal dos Reis Católicos, onde se celebraba a rolda de prensa. Máis lonxe, nas rúas adxacentes, tivo que quedar a manifestación anti troika apoiada pola CIG e apoiada por organizacións da oposición galega como AGE e o BNG. A protesta, que tentou sen éxito achegase á Praza do Obradoiro, terminou reprimida por unha carga policial na que, entre outros, resultou lesionado o portavoz municipal do Bloque, Rubén Cela.
Por David Lombao | @davidlombao , publicado no xornal Praza Pública 27 de Agosto de 2014 | Licenza Creative Commons by-sa.
Recomendamos ver a noticia en Praza Pública, con comentarios, anexos, novas relacionadas, reportaxe e crónica do día en que Merkel e Rajoy "visitaron" Compostela.
Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon