O presidente de Rusia, Vladímir Putin, asinou un decreto para prohibir ou restrinxir a entrada dos produtos dos países que se uniron ás sancións contra Rusia.
O decreto "sobre a aplicación de determinadas medidas económicas especiais para garantir a seguridade da Federación de Rusia" foi asinado este mércores polo mandatario ruso, segundo informa o sitio web do Kremlin.
Está previsto que as medidas recentemente aprobadas teñan unha vixencia dun ano.
A partir deste mércores queda prohibida ou restrinxida a entrada ao territorio ruso de produtos agrícolas, alimentos e materias primas orixinarios dos países que se uniron á política de sancións de Washington e Bruxelas.
As medidas acordadas polo Kremlin aplícanse concretamente aos Estados que "decidiron impoñer sancións económicas contra as persoas xurídicas e (ou) físicas rusas ou se uniron a esta decisión", consta no documento. Deste xeito, Rusia pecha o seu mercado aos produtos de EE.UU., a UE, Xapón, Australia e Canadá.
O presidente ruso deu instrucións ao Goberno para determinar os produtos que non poden ser importados desde os países que adoptaron sancións contra Moscú. O Goberno ruso xa está elaborando a lista dos produtos agrícolas e alimenticios cuxa entrada ao seu territorio pode quedar prohibida, afirmou a voceira do primeiro ministro ruso, Natalia Timakova.
Este martes, Putin transmitiu instrucións ao Goberno para preparar unha resposta "cautelosa" ás sancións de Occidente. "Hai que actuar con moito coidado co fin de apoiar aos produtores nacionais e non prexudicar aos consumidores", subliñou o presidente.
Coñeceuse até o momento, que quedará prohibida a importación de todos os produtos agrícolas e cárnicos de EE.UU.
O 29 de xullo pasado a Unión Europea acordou impoñer a Rusia sancións económicas que afectan á súa industria petroleira e de defensa, produtos de dobre uso e tecnoloxías sensíbeis. As sancións entraron en vigor o 1 de agosto.
(Con información de RT)
Fonte: http://www.cubadebate.cu/ | 06.08.2014
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon