luns, agosto 11, 2014

O sector naval en declive bipartidista, ... Por Xosé Manuel Galdo-Fonte

Por Xosé Manuel Galdo-Fonte [*]
10.08.2014


A decadencia que no último terzo de século reduciu a mínimos o outrora boiante sector naval da Ria de Ferrol, tivo o seu factor desencadeante na actitude entreguista do bipartidismo político do PP e o PSOE, que mais que apostar pola defensa dos intereses xenuínos, optaron por asumir como propios os ditados da competencia europea, contribuíndo con iso o actual desastre comarcal.

Nun ámbito político onde moito se promete e pouco se cumpre, a ninguén debe sorprender que sexa o engano quen toma carta de protagonismo, e polo tanto, que todo propósito de solución sexa en se mesmo un referente de nula credibilidade.

Complexidade que agrava toda situación, máxime, cando o referente de maquinación máis que atender a unha excepción puntual é a rutina de trinta anos dunha historia interminable que ten por principal protagonista ao conxunto do sector naval, e os peores actores da repartición adxudicados aos estaleiros da Ría de Ferrol, que tras un deseñado proceso de desmantelamento e unha vertixinosa caída de actividade, de non mediar recondución, por mais esperanza que se queira enxergar ao abeiro da inminente extinción do veto que pesa sobre o sector, veranse abocados irremediablemente ao cuarto plan de axuste sectorial cuxa repercusión poñerá en serio perigo a continuidade e o futuro de ambas as dúas factorías.

Iso será así porque a sorte xa está botada, toda vez que tal decisión foi considerada e asumida polos membros do bipartito, en aceptación consensuada por esixencia imposta a esta dualidade política polos mais influentes membros do club europeo, en contrapartida a referendar a nosa integración no marco da Unión.

Admisión, que dito sexa de paso supuxo a destrución de boa parte do tecido produtivo industrial, no contexto dun atrapallado proceso de desindustrialización, cuxa repercusión, levou implícito o cesamento paulatino da actividade de construción naval ata o seu total declive, que como consecuencia daquela desastrosa negociación, despois de mil avatares e un forzado tránsito en dirección contraria, debátese actualmente na conxuntura dunha eclipse total.

É por iso que resulta dunha insolencia sen precedentes que os directos colaboradores das limitacións impostas ao sector, a sabendas das prohibicións aceptadas no seu día, teñan a ousadía de solicitar resolución da Comisión Europea sobre a viabilidade da construción do dique flotante, cando politicamente como parte implícita eran coñecedores de antemán do carácter negativo de toda resolución sobre o particular.
Unha censurable manobra, cuxa finalidade, non foi outra que evadir responsabilidades e poder así proseguir sen consecuencias a asistida repetición do engano electoral ao que nos teñen habituados tras a ambigüidade inculpatoria de despistar a súa perversidade no soporte que propicia a distancia de Bruxelas, ou na conexa práctica das non menos repetidas cerimonias de confusión.

Con todo, no tan levado e traído asunto do dique flotante, sen demérito ningún, hase de deducir que o seu matiz de relevancia non deixa de ser unha simple anécdota en contraste coa enraizada insolvencia política dos distintos gobernos alternantes, que en suma, foron a verdadeira raíz do problema como pon de manifesto toda falta de alternativa na eventualidade de tres longas décadas de incesante deterioración do sector, que desvela así mesmo a falta de eficiencia dunha clase política que contra todo prognóstico dedicouse a validar cos seus actos os prexuízos dunha leonina lexislación comunitaria que favorable aos intereses doutros estados membros, fixeron que as crises continuadas do sector naval na bisbarra fosen causa e efecto da funcionalidade bipartidista, por canto, nese esquema, toda condición de alternancia mais que funcionar como unha oportunidade para o cambio, operou en exclusiva como garantía dun basto intercambio de intereses políticos e partidistas.

Por conseguinte, os que en sucesión de gobernabilidade dispuxeron de sobradas oportunidades para darlle un xiro á situación, e no transcurso da época en vez de proceder en consecuencia optaron por consumar a total deterioración da actividade, empregando medidas que ademais de non garantir a supervivencia das factorías, fixeron inviable toda posibilidade de recuperación; de aí que en correspondencia coa súa manifesta deslealdade, o desafío a formular non ten de consistir en esixirlles o que non queren asumir, senón en promover vía electoral o decaemento da súa primacía política, pois só coa erradicación do bipartidismo daranse as condicións indispensables para que faga efecto un cambio a positivo no contexto deste sector estratéxico. 

Xa que logo, toda solución aos grandes problemas do sector, pasan irremediablemente por un radical cambio de rumbo onde non ten cabida o simulacro, como tampouco, os protagonistas da historia do fracaso poden seguir exercendo como interlocutores do futuro, pois neste novo ciclo alternativo ao bipartidismo, a renovación ten de ser a clave que permita de forma eficaz emendar a actual situación de deterioración como paso previo á apertura de negociacións conducentes a corrixir as arbitrarias restricións impostas por Europa a este sector.

Publicado no seu blogue persoal o 8 de Agosto de 2014.

Pode-se ler un interesante artigo relacionado: "Poñamos que falo de Ferrol", publicado no seu blogue o 4 de Abril 2014.

[*] Xosé Manuel Galdo-Fonte, foi traballador de ASTANO e sindicalista, perante varias lexislaturas foi concelleiro polo BNG en Fene, posteriormente pasou ao mundo empresarial, formando parte da Iniciativa Empresarial del Noroeste que se integrou en 2007 en IEN por Europa, da cal formou parte da súa xunta directiva. É articulista e analista político, os seus artigos están publicados na maioría dos xornais galegos tanto impresos como dixitais.

Blogue:
http://galdo-fonte-xm.blogspot.com.es/
Conta facebook:
https://www.facebook.com/galdofonte
Conta no twitter | @galdofonte:
https://twitter.com/galdofonte
Escritos publicados no no Diario de Ferrol:
http://www.diariodeferrol.com/opinion/autor/000045/xose-manuel-galdo-fonte
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon