quarta-feira, setembro 17, 2014

Apupan ao Rei, a Feijóo, a Wert e a Vázquez por inaugurar o curso nun centro público mentres se desmantela o sistema educativo - Vídeo


A CIG-Ensino denuncia que se limitou o dereito de manifestación durante a visita do monarca español ao centro Ben-Cho-Shey de Ourense

CIG-Ensino denunciou esta mañá, no decurso da concentración convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público coincidindo coa inauguración do curso escolar no centro Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar, a hipocrisía das institucións que participaron no acto: Monarquía, Xunta, Ministerio e Consellaría de Educación.


Veñen inaugurar o curso, nun centropúblico, institucións que son precisamente as artífices do seu desmantelamento”, afirmou Anxo Louzao.

O secretario nacional da CIG-Ensino denunciou ademais que malia ter solicitado e concedido, en tempo e forma, o permiso de concentración, a policía impediu ás persoas congregadas diante do centro Ben-Cho-Shey colocarse en fronte do propio colexio.

Louzao explica que as e os asistentes á mobilización foron desprazados varios metros para que cando pasara a comitiva “os señores monarcas non nos viran”.

Pero o máis grave é que un grupo dunhas 40 ou 50 persoas foron retidas a un quilómetro de distancia e non se lles permitiu avanzar até que non pasaron os reis. Unha actuación policial coa que a CIG-Ensino considera que se conculcaron os seus dereitos fundamentais, nomeadamente o dereito á liberdade de expresión.

A pesar disto, a Plataforma conseguiu o seu obxectivo, desenmascarar este tipo de actos que Louzao cualificou como “propagandísticos, cargados de cinismo e hipocrisía”, ao que engadiu que “non nos pasa desapercibido que sexa a monarquía española quen veña inaugurar o curso a Galiza porque tanto esta institución, como o ministro de Educación,ou a consellaría, están ao servizo da españolización, da defensa dos intereses do ensino privado, clasista e confesional”.

Para a CIG-Ensino é “unha tomadura de pelo, un sarcasmo e unha provocación” que se inaugure ademais o curso nun concello e nun centro “ao que se lle negou no seu día a ampliación dunha unidade e porén simultaneamente,se concertaba con dous centros privados no mesmo concello”.

O portavoz da plataforma e secretario nacional de CIG-Ensino tamén considerou outra provocación que para o acto oficial se escollera precisamente un centro que leva o nome de Ben-Cho-Shey, “unha persoa da historia do noso país que tiña ideais diametralmente opostos ao que poden representar as institucións e persoas que están inaugurando este curso”, dixo.

Con esta mobilización a Plataforma e a CIG tiñan ademais como obxectivo denunciar a posta en marcha dun curso escolar conflitivo, pola supresión de 63 unidades no ensino público mentres se amplían en 79 as unidades no privado concertado e pola aplicación da LOMCE, que introduce novos recortes na ensinanza pública, pon en tea de xuízo a igualdade de oportunidades e o dereito á educación.

A este respecto Louzao denunciou o “cúmulo de despropósitos” da consellaría, pola publicación dos currículos cando xa estaba comezado o curso e a actitude do propio conselleiro de Educación “sobre o que pesa máis o seu posicionamento ideolóxico, a súa submisión absoluta aos mandatos de Madrid e a defensa dunha visión retrógrada e reaccionaria do ensino que o seu deber de estar ao servizo dun sistema educativo galego de calidade, que defenda a normalización lingüística e que garanta unha praza e un ensino de calidade a todas e todos os cidadáns galegos”.

Publicado en CIG-Ensino | 16.09.2014

__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon