xoves, setembro 11, 2014

O Ateneo Ferrolán, co apoio dunha parte moi importante do tecido asociativo e cultural da cidade, convoca unha concentración o próximo martes día 16 de Setembro, para esixirlle ao goberno municipal que asuma as responsabilidades contraidas e se encargue dos gastos do traslado e almacenamento do patrimonio da entidade por mor das obras de rehabilitación do edificio que realizou o Concello


Convocatoria dunha Concentración de Apoio ao Ateneo Ferrolán


O Ateneo Ferrolán, co apoio dunha parte moi importante do tecido asociativo e cultural da cidade, convoca unha concentración o próximo martes día 16 de Setembro, ás 8 da tarde na Praza do Concello, diante do Pazo Municipal, para esixir-lle ao goberno municipal que  asuma as responsabilidades contraidas e se encargue dos gastos do traslado e almacenamento do patrimonio da entidade por mor das obras de rehabilitación do edificio que realizou o Concello.

MANIFESTO

O mércores 17 de setembro, ás 11:30 horas, nos xulgados de Ferrol vaise celebrar un xuizo pola demanda da empresa Mudanzas Felix, S.L. contra o Ateneo Ferrolán, reclamando o pagamento de 39.000 euros, importe do traslado e almacenamento do patrimonio do Ateneo Ferrolán co gallo das obras de rehabilitación da sede da entidade. O traslado e almacenamento da biblioteca, hemeroteca e enseres do Ateneo non foi unha iniciativa desta entidade, senón que se fixo por esixencia do Concello de Ferrol e da dirección de obra, co compromiso de que o Ateneo nunca tería que facer un desembolso económico para o que non tiña capacidade financeira. O desenvolvemento das obras coincidiu co cambio de goberno municipal e rematadas éstas, o novo goberno do Partido Popular negouse a asumir o pagamento deste gasto, quedando o servizo prestado pola empresa impagado, o patrimonio do Ateneo retido, aumentando mes tras mes a débeda e dando, finalmente, lugar á reclamación da empresa Mudanzas Felix, S.L. contra o Ateneo.

Esta gravísima situación enmárcase nunha política de acoso ao Ateneo por parte do grupo de goberno do Concello de Ferrol, que se ven concretando no reparto do edificio que era sede do Ateneo Ferrolán (instalando alí a outras entidades), no confinamento do Ateneo Ferrolán nos pisos terceiro e baixo cuberta do edificio, na desaparición dos elementos identificativos do Ateneo no exterior do edificio e da negativa a conceder calquera axuda económica a Ateneo, mesmo as que se mantiveran en anos anteriores e con gobernos municipais de moi diverso signo político.

O Ateneo é unha entidade molesta para un goberno municipal autoritario, que non acepta a discrepancia nin tampouco as expresións de cultura participativas e populares que caracterizan ao Ateneo de Ferrol, en colaboración con boa parte do tecido asociativo e das creadoras e creadores da cidade. Por outra banda, esta cultura popular e participativa pon en evidencia a nefasta política cultural do Concello de Ferrol, que despilfarra enormes recursos económicos sen ningún sentido. Unha política cultural asentada no papanatismo que prima o foráneo fronte ao local, que inviste auténticas fortunas na rehabilitación de edificios que despois permanecen infrautilizados, e que externaliza a xestión dos espazos culturais a través dunha desas empresas especializadas na xestión de servicios municipais.

Mentres eles nos dan productos de consumo cultural de escasa calidade, nós reivindicámonos como un pobo que foi, é e será sempre creador de cultura. Unha cultura popular e na nosa lingua, unha cultura reivindicativa e rebelde, que o tecido cultural desta cidade mantén a través de institucións tan sinaladas como o Ateneo Ferrolán. Unha entidade que leva traballando máis de tres décadas na nosa cidade, cun balance tremendamente positivo de actividades e de servizos para a cidadanía, como o servizo de biblioteca e hemeroteca que aínda hoxe continúa ofrecendo, malia que parte dos seus fondos están inadecuadamente almacenados en contenedores nun polígono industrial.

Setembro 2014

Para apoiar o Manifesto:
Este foi consensuado e xa hai adheridas diferentes entidades e que aínda se pode asinar enviando un correo electrónico a: secretaria@ateneoferrolán.org.
--
Un lugar de encontro para a cultura.
Ateneo Ferrolán, fundado en 1879.
www.ateneoferrolan.org

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.:  +34 981 357 970 |
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | FERROL (A Coruña)

BLOG: http://ateneo-ferrolan.blogspot.com/

Tamén no Facebook: http://www.facebook.com/pages/Ateneo-Ferrolan/134569549934117

Séguenos en Twitter: @ateneoferrolan

Campaña de APOIO e DEFENSA do Ateneo. Patrimonio da cidade
APOIA e DIFUNDE!

https://www.facebook.com/pages/Salvemos-o-Ateneo/1430118530577463?ref=hl

http://salvemosoateneo.blogspot.com.es/p/o-ateneo.html

Faite soci@! Colabora con nos!
Para axudas e aportacións económicas:
CC en Cajamar-Cajarural Cooperativa. Titular Ateneo Ferrolán.
ES72-3058-6402-9527-2000-5350

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-secretaria@ateneoferrolan.org-
11 de setembro de 2014 20:11
___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon