luns, outubro 06, 2014

"Que se agocha tras a Unión Europa? Unha aproximación crítica" - Caderno da Fundación Moncho Reboiras


A Fundación Moncho Reboiras vén de publicar en formato electrónico o caderno de análise "Que se agocha tras a Unión Europa? Unha aproximación crítica". Este traballo, do que son autores Manuel Mera (coordenador) e Xabier P. Igrexas, pretende dar resposta --con vocación divulgativa-- ás principais preguntas sobre a UE, o euro e a Troika.

Nel se explica a orixe histórica e desenvolvemento do chamado proceso de construción europea do que nacerían a actual UE e máis euro, como funcionan as institucións europeas e a súa incidencia sobre a soberanía dos Estados e dos povos, o papel internacional que desempeña a Unión, a que chamamos Troika e os denominados "rescates", así como os tratados de libre comercio trasatlántico que, arestora, está a negociar Bruxelas cos EUA e Canadá. Mais tamén se aborda que papel lle corresponde ao noso país, Galiza, dentro do marco da UE e o euro.

Todas estas cuestións forman parte do debate aberto a nivel social e político no que se formulan opcións como a saída da moeda única ou mesmo o abandono da propia Unión Europea, como fórmulas que poden permitir a recuperación (ou conquista) da soberanía política e económica como elemento indispensábel que posibilite un cambio nas políticas contra a crise.

A obra, de 32 páxinas de extesión, afastada de chaves académicas ou excesivamente teóricas, está pensada como como un instrumento que permita ao conxunto do pobo formarse unha idea xeral, con rigor mais tamén cun indisimulado enfoque crítico, de que é o que realmente se agocha tras a Unión Europea. Xa que logo, convidámosvos activamente a lelo e tamén a que o difundades na vosa contorna.

O caderno foi elaborado como parte dos traballos das II Xornadas Internacionais Comprendermos a Crise, que a Fundación Moncho Reboiras realizou coa colaboración do Concello de Pontevedra os pasados 11 e 12 de abril nesa cidade, baixo o título "Europa na encrucillada: crise sistémica, euro e Unión Europea".

Enlaces:
  • Presentación do caderno na web da Fundación Moncho Revoiras | Ir a Web.
  • Caderno: "Que se agocha tras a Unión Europa? Unha aproximación crítica". |Acceder/Baixar.

Enviado por:
Xabier P. Igrexas
-xabiergz@gmail.com-
6 de outubro de 2014 12:10

Unha aperta. Xabier P. Igrexas
www.contradiscurso.net

__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon