Amosando publicacións coa etiqueta Xabier P. Igrexas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xabier P. Igrexas. Amosar todas as publicacións

mércores, xaneiro 06, 2016

Catro apontamentos após o 20D, ... Por Xabier P. Igrexas

Por Xabier P. Igrexas [*]
06.01.2016


No que atinxe a Galiza, os resultados do 20D foron malos. Tanto polo feito de que o PP de Feijóo resiste ben -dado o contexto- como primeira forza, como polos resultados colleitados polo nacionalismo galego artellado arredor de Nós-Candidatura Galega. A coalición de Podemos con EU, Anova e as “mareas” das cidades, logrou dar un novo sorpasso ao PSdeG, asestando un duro golpe en núcleos como Vigo, onde pasou de primeira forza en maio (cunha inesperada e histórica maioría absoluta para Caballero) a terceira, por detrás do PP.

Mais para alén dos datos, dos resultados, da súa tradución en aritmética parlamentar, cómpre analizar o escenario político aberto após o 20D sen ollar eses comicios como unha foto fixa e isolada do seu contexto (pretérito e futuro).

Para o nacionalismo galego, o resultado foi moi duro, xa que supuxo a perda dos dous escanos logrados polo BNG nas anteriores eleccións e a súa exclusión do Congreso, logo de dúas décadas de inxente e vizoso traballo en defensa do país, e singularmente das súas clases traballadoras. Sei que entre as deputadas electas de “En marea - Podemos” hai persoas encadradas en forzas que tamén se reivindican nacionalistas. Porén, a principal diferenza entre Nós-Candidatura Galega e En Marea era, precisamente, que a primeira apostaba por alargar e reforzar a presenza galega ao servizo do país e da súa transformación, e a segunda aspiraba (lexitimamente) a facer a súa achega ao proxecto de reforma de España sob a lideranza de Podemos. Non son, como é obvio a mesma cousa.

Nos últimos días amoréanse as análises de urxencia, os chamados á reflexión e tamén as vellas apelacións a refundacións/reinvencións para “corrixir” o rumo do nacionalismo galego. Con certeza, esa dinámica manterase nas vindeiras semanas e meses. Non pasa nada. A cousa é que o debate sexa sereno, argumentado e que as análises superen o limiar superficial do inmediato. Cómpre pois tanto liberarse do shock post-lectoral (quen o teña) como evitarmos o ensimesmamento da paralizante adicción ao diván. A mesma noite electoral, nun deses apontamentos que apresuran as redes sociais, afirmaba que unha das tarefas era sabermos ler “coa necesaria autocrítica” os resultados do 20D. Logo reparei en que esa propia afirmación sintomatiza parte do problema, por enunciar algo que debera ser sobradamente obvio.

Esa reflexión, e o conseguinte debate, terán que ser colectivos e colexiados. As decisións que tivermos que adoptar, adoptarémolas -coma sempre- con plena democracia, practicando o asemblearismo. Mais é lóxico e razoábel que a deliberación, por a chamar dalgunha maneira, transcenda os límites orgánicos e se realice tamén a nivel público. Algo sano se se fai con responsabilidade e tranquilidade. É mesmo positivo, xa que de optarmos pola autocensura, as únicas voces e opinións que se han escoitar serán as dos benególogos, que paradoxalmente sempre coinciden (desde fóra) en que nos equivocamos, optemos por unha tese ou pola contraria. Hai algo peor que un debate mal xestionado: o silencio dos cemiterios. Esa unanimidade viscosa que impide o indispensábel contraste de posicións e de matices, sob o que calquera proxecto transformador debe formular as súas teses, análises e propostas.

Folga sinalar que esta cuestión, os resultados do 20D e -sobre todo- o novo escenario político, será un dos principais eixos sob os que discorrerán os debates que han desembocar na Asemblea Nacional Ordinaria que o Bloque realizará, previsibelmente, o vindeiro marzo. Dalí sairán as conclusións. Xaora, sen ánimo de concluír nada, hai varios apontamentos que acho preciso formular en voz alta para os termos (ou non) en conta. Os que vou enunciar deseguido.

Primeiro, o problema non era a marca BNG. Os obxectivos fixados e que fundamentaron a decisión colectiva de apostarmos nunha candidatura nacionalista de base ampla, que sobardase os límites do propio BNG, prescindindo da súa sigla como “marca electoral”, eran precisamente ampliar o apoio popular a unha proposta política nidiamente galega e en chave galega, que desde un inequívoco compromiso coas clases populares, servise de ferramenta para o noso povo ter voz (e voto) en Madrid, ampliando en consecuencia a actual (até ese momento) presenza institucional do nacionalismo galego no Congreso coa aspiración de contarmos cun grupo parlamentar galego e de obediencia galega. Cos resultados na man non se lograron ningún dos dous resultados, mais ese fracaso refuta unha das teses máis repetidas nos últimos anos: que o problema do BNG era o propio BNG. Cunha candidatura ampla, xenerosamente plural, e baixo unha nova marca o resultado foi o que foi. Iso significa que termos optado por manter a marca garantía un outro resultado? Non. Pero, visa en grande medida que de térmolo feito estes non ían ser peores. Para matinar, non cuestionando o que foi senón para pensarmos en chave de futuro.

Serva o anterior para entender, que inda non o fixer, que se ben forzas emerxentes como Podemos xogan cunha forte escenificación, alimentada a eito polos media do mainstream español, non se reducen a iso. Desde unha radical discrepancia, habemos recoñecer que a chave do éxito de Podemos en grande medida é discursiva. De contido e de narrativa/relato. Neste senso, as caracterizacións que infantilizan o povo, converténdoo en culpábel dos seus propios problemas ou mesmo en parte do problema, por optar (electoralmente) por outras escollas en troca de por nós, erran máis unha vez e non contribúen a unha análise clarificada e clarificadora. Podemos soubo facer da confluencia unha cuestión instrumental, ao servizo do seu proxecto, e non un obxectivo en si propio como algúns sectores teñen defendido aquén do Padornelo.

Segundo, o contexto (social e político) é volátil até o paroxismo. É unha derivada inherente a todo proceso de descomposición, como o que atravesa o rexime político español, en profunda crise desde hai varios anos. A dependencia de Galiza tamén atinxe o marco e a axenda política. Certo que é un feito propiciado e agravado por quen desde o país, e mesmo desde posicións “nacionalistas”, ten apostado en que o futuro da nosa nación se resolva reformando España. A democracia televisiva é unha expresión inda máis insuficiente e limitante que a propia democracia formal (burguesa) en si. Non se trata de responsabilizar apenas ás tertulias dun ou doutro resultado, e menos de empregar este factor para xustificar un revés electoral propio, mais é obxectivábel a súa importancia determinante para poder entendermos os resultados do 20D, quer na Galiza urbana, quer na rural, quer na costa, quer no interior. O nacionalismo galego apenas resistiu algo mellor o embate naqueles enclaves nos que é forza de goberno, pois ese parámetro impediu que o arrase do novo “voto útil” fose maior.

Terceiro, a Historia non é unha liña recta. Tampouco a recente. Xa que logo, resultan chocantes algunhas intervencións públicas de dirixentes da fronte afirmando que debemos analizar o devalar electoral dos últimos quince anos. Chocan, pois así afirmado parecera que non teñamos analizado nada desde o ano 2001, ou que non se acometeran correccións e rectificacións nas sucesivas asembleas nacionais. Choca, ademais por incluír implícitamente a tese de que os maus resutlados do nacionalismo en 2015 partillan exactas causas cos maus resultados de quince anos antes. Como se nada tivese mudado, no mundo, no Estado, no país e no propio Bloque.

Cuarto, e último, o proxecto non é unha mercadoría. De aí que non poidamos abordar o seu (re)deseño ou actualización atendendo ás tendencias de demanda no mercado electoral. Ese atallo está máis que comprobado que conduce sempre ao abismo da claudicación, e non é nin tan sequera garantía de éxito electoral.

Xa que logo, o 20D o nacionalismo galego perdemos. Si. Mais non nos derrotaron. Porque os proxectos de transformación poden verse freados no carreiro electoral, mais non esmorecen nel a non ser pola vía da capitulación/autoliquidación. As eleccións só son letais para propostas posibilistas a curto, para o reformismo anano.

O nacionalismo galego ten por diante a tarefa de actualizar, de anovar no sentido de profundizar, o seu proxecto estratéxico, de optimizar a proposta política na que se substancia (programa), de precisar a folla de rota sob a que se desenvolver e de fortalecerse a nivel organizativo e tamén no campo da loita das ideas. Non son tarefas novas, son os reptos permanentes que debe encarar calquera causa política que aspira a mudar radicalmente a realidade, removendo os  estreitos marcos do “posíbel”, para facer realidade os cambios precisos. Fico certo de que con ese norte no compás, acertaremos para avanzar no camiño de facer realidade o horizonte emancipador dunha Galiza ceive e sen explotación á que aspiramos os milleiros de mulleres e homes que acreditamos no  BNG. Farémolo, con autocrítica, con debate, con contraste e cos cambios precisos, si. Mais tamén desde a profunda convicción nos nosos principios, con coherencia a proba de bombas, sen renuncias, nin dilucións.

Porque a cuestión non é como agiornarmos o Bloque para que máis electorado nos vote, senón en como logramos convencer, sumar e organizar máis povo arredor da nosa proposta política, ao proxecto de liberación nacional e social de Galiza. Sabemos da dificultade dese camiño, mais tamén de que non cabe outro. Coa seguridade de que a dificultade da tarefa non a fai menos necesaria. Ao contrario.

[*] Xabier Pérez Igrexas (Vigo 1984), activista sindical, político e social. Membro da CIG e do BNG, ocupando responsabilidades no ámbito comarcal. Participa en Sermos Galiza. Publica artigos de opinión en diferentes medios. Autor do blogue www.contradiscurso.net, en twitter @contradiscurso e no facebook.com/contradiscurso.

Publicado no Terra e Tempo.  | 04.01.2016

Enviado por:
Xabier P. Igrexas
-xabiergz@gmail.com-
4 de janeiro de 2016 10:50

_______________

venres, xaneiro 01, 2016

Non haberá novas eleccións xerais: seguirá a gobernar a #Troika, ... Por Xabier P. Igrexas

Por Xabier P. Igrexas [*]
01.01.2016


Gobernará a Troika. No Estado español seguirá a mandar o grande empresariado e a banca, o capital. Eis a única certeza sobre quen ocupará a Moncloa após os resultados das eleccións xerais do 20D. O bipartidismo sistémico, PP-PSOE, retrocedeu, si. Porén, o principal cambio nese bloque é que pasa a se formular en tridente con Ciudadanos. Así a Troika continúa a ter maioría absoluta no Congreso, con 253 escanos.

O grupo de Rivera veu ocupar a estreita marxe que separaba a dereita conservadora e neoliberal (PP) do social-liberalismo (PSOE). Ciudadanos engade un toque hipster e moderno a ese eixo, unificado sob a partilla de posicións arredor de temas fundamentais: unidade (nacional e –sobre todo– de mercado) de España; pertenza á UE e o euro; aliñamento internacional imperialista coa OTAN. Os tres temas sob os que se traza a divisoria entre forzas sistémicas (incluídas as reformistas) e transformadora.
"PP, PSOE  e Ciudadanos partillan posicións arredor de temas fundamentais: unidade de España; pertenza á UE e o euro; aliñamento internacional imperialista coa OTAN"
Fronte a ese triplete sistémico, a distancia de Podemos (e compañía) desas posicións é relativa e non pasa dalgúns matices. Como na Syriza grega. A mesma distancia, escasa no substancial, que separou historicamente a socialdemocracia da dereita conservadora. Porque fica xa máis que sobradamente demostrado que non cabe transformación nin mudanza real, de non (re)mover os principais marcos que limitan a situación actual. As únicas apostas nesa dirección son os proxectos soberanistas que formulan a ruptura desde Catalunya, Euskal Herria ou Galiza. O bipartidismo a catro, era e é unha escolla entre puro continuísmo ou cambio aparente para que nada mude.

Podemos e Ciudadanos fracasaron no seu obxectivo principal: teren opcións de encabezar un goberno dun ou doutro signo. Con todo, a ausencia de maiorías absolutas e a imposibilidade dunha grande coalición á alemana entre PP e PSOE (polo rexeitamento na base votante do PSOE que o ameazaría con pasokizalo), dálles a ambas as dúas caras da ‘nova política emerxente’ un peso nada desprezábel para condicionar a conformación do executivo e, sobre todo, a axenda lexislativa.

PSOE

O 20D desbotou que Iglesias ou Rivera relevasen a Rajoy. O PP, malia o retroceso, ficou como primeira forza e conserva enteiros para optar a un segundo mandato. A chave está, pois, no PSOE de Pedro Sánchez.
"O aparello que dirixe o PSOE na sombra prefire que Rajoy goberne, liquidando a Pedro Sánchez"
O aparello que dirixe o PSOE na sombra, integrado pola vella guardia felipista e tamén por vellas e novas baronías, prefire que Rajoy goberne, para desta maneira limitar as consecuencias da nova aritmética parlamentar. Trátase de escoller a opción máis segura para a Troika e para a oligarquía española. O PP non terá problema en seguir a impor recortes a golpe de real decreto, mesmo fronte a oposición no Congreso. Rajoy demostrou nos últimos catro anos que o PP é impermeábel á mobilización social. Pero non o é, tanto, un PSOE cuxo voto ‘duro’ é moito máis volátil e crítico.

Outro dos atrancos na carreira de Pedro Sánchez á Moncloa é a trama interna no PSOE. O actual Secretario Xeral está xa condenado. El sábeo. Como sabe que o único salvoconduto que lle resta para se manter á fronte do partido pasa por se investir Presidente. Por iso, precisamente, Susana Díaz tenta dinamitar esa opción. A líder andaluza fai valer o seu peso determinante a nivel electoral, mais tamén no grupo parlamentar socialista (onde a maioría dos asentos son andaluces), para forzar o finiquito de Sánchez e así deixar aberta a vía pola que, máis cedo que tarde, deixar de ser a ‘tapada’ para ser ‘lideresa’.
Novos comicios

Ao marxe destas tramas palaciegas, propias de aparellos de xestión de poder, o único escenario que parece arestora desbotábel é o dunhas novas eleccións.
"Uns novos comicios só beneficiarían potencialmente a Podemos"
Uns novos comicios só beneficiarían potencialmente a Podemos. O PP podería recuperar parte do voto trasvasado a Ciudadanos. E o PSOE, con total seguridade, pasaría a terceira forza perdendo opción de alternancia e véndose condenado a apoiar ao PP ou investir a Pablo Iglesias.

Non parece, pois, que as urnas se vaian abrir de novo. A única incógnita é se o novo primeiro ministro español apelidarase Rajoy ou Sánchez. A disxuntiva perfecta para a clase dominante, pois para ela será unha vitoria segura. A banca sempre gaña, non só nos casinos.

[*] Xabier Pérez Igrexas (Vigo 1984), activista sindical, político e social. Membro da CIG e do BNG, ocupando responsabilidades no ámbito comarcal. Participa en Sermos Galiza. Publica artigos de opinión en diferentes medios. Autor do blogue www.contradiscurso.net, en twitter @contradiscurso e no facebook.com/contradiscurso.

Publicado no Blogue Persoal "ContraDiscurso" | 30.12.2015

Enviado por:
Xabier P. Igrexas
-xabiergz@gmail.com-
30 de dezembro de 2015 17:13

_______________

venres, xaneiro 09, 2015

Gañarmos consistencia face novos e vellos espellismos, ... Por Xabier P. Igrexas - Cómpre fuxirmos da abstracción puramente identitarista, e en coherencia coa histórica análise que o nacionalismo popular ten feito da dependencia do noso país

Por Xabier P. Igrexas [*]
09.01.2015


Encetamos novo ano. Temos por diante 365 novos días para facermos avantar o proxecto de radical transformación política, económica e social que para o noso povo propoñemos desde o nacionalismo galego. Porén, facelo exixe antes de máis nada botar un intre a ollada atrás.

Vén de comezar o sétimo ano da vixente crise sistémica do capitalismo. Unha crise mundial, violenta como poucas sobre todo na inmediatez dos seus efectos económicos e sociais. Unha crise sistémica que puxo en evidencia ao capitalismo como un sistema irreversibelmente fallido. De facermos caso das prognoses máis estritas no campo da economía marxista a actual recesión como pouco será moi longa e demorada no tempo, malia poder presentar picos de serra con sinais conxunturais de recuperación. Outras análises apuntan a que o sistema, que non vai implosionar por si propio como algúns inxenuamente parecen agardar, podería agudizar a súa metástase estrutural, radicalizando inda máis a loita de clases e os desequilibrios territoriais desbocando o Imperialismo galopante.

Ao fío disto último, ollamos o pasado ano e os anteriores como o escenario mundial está sometido a enormes tensións. O rearme belicista dos polos imperialistas, as pugnas entre as principais potencias e un incipiente confronto entre bloques económicos (que nada ten a ver co contraste da chamada guerra fría entre o mundo socialista e o eixo capitalista), permiten albiscar un cenario tremendamente inestábel, onde as fronteiras do posíbel e do imposíbel, do que criamos que podía pasar ou non, vanse desdebuxando. Liñas nos mapas aparentemente consolidades son agora discutidas con milleiros de mortos. O fascismo pasou dun estado latente a un paulatino espertar, espoleado coma sempre pola incerteza da crise e polos intereses da clase dominante. Ucraína, Siria, a rexión Asia-Pacífico, a bomba de reloxería do oriente próximo e a ameaza do retorno da dereita proimperialista ao poder na América Latina, son algúns dos focos desta tensión.

Neste senso, a correlación de forzas a nivel mundial continúa a nos ser desfavorábel. E os bloques alternativos como o ALBA ou as novas alianzas que de feito puxeron fin ao mundo unipolar (BRICS) non acaban de se configurar como alternativas ao occidente capitalista nucleado arredor dos EUA-UE e os seus aliados. A nosa realidade non está isolada deses fenómenos, por distantes que nos puideran parecer. Moi ao contrario, as tendencias internacionais son un factor de grande importancia para compredermos que acontece nos ámbitos inmediatamente máis próximos. A principiar por unha Unión Europea que ten recruecido o seu papel imperialista e a súa concepción como instrumento ao servizo do grande capital monopolista, até chegarmos ao propio Estado español, que movido pola inercia europea ten producido unha notábel recentralización política e económica ao servizo da mellor e maior concentración de riqueza.

Patria e clase, soberanía e socialismo

Galiza carente de soberanía política, e sometida por iso ao seu rol forzosamente periférico no marco do Estado e da UE, fica dirixida institucionalmente por un goberno autonómico que fixo enfraquecer até a máis grave das anemias o xa ultralimitado marco competencial. Omisión. Ese é o termo que define a nula acción de goberno da Xunta de Feijóo, que ten convertido a adminsitración galega nunha mera aparataxe burocrática para a xestión ao ditado -e máis ao servizo- dos intereses fixados desde a metrópole española. Nunca en tempos recentes significamos tan pouco politicamente. Nunca como agora o autogoberno foi menos efectivo. Demostración de que o modelo autonómico, en tanto que “concesión” dun Estado que mantén ao servizo da sacrosanta unidade de mercado un férreo control e tutela sobre a capacidade de decidir -de verdade-  sobre os principais aspectos que rexen a realidade do noso país,   foi un efémero espellismo. Demostra tamén que ao marxe do anterior, a correlación de forzas non é baladí nin cando falamos de institucións cun cativo alcance na toma de decisións. A maioría absoluta do PP no Pazo do Hórreo fixo empequenecer até a caricatura o Parlamento galego.

Mais con todo, non é o devalar da figurada institucionalidade autonómica o máis grave dos problemas que aqueixan ao noso povo. Resultado dos efectos da crise e das políticas de saqueo social que padecemos (ditadas polo grande capital a través da Troika, executadas sen remorsos polo Executivo español e asumidas sen chistar pola Xunta de Feijóo), a situación dos e das galegas roza sen esaxeramos a emerxencia social. O brutal desemprego e o empobrecemento de amplas capas -consecuencia do retallamento en salarios, pensións e prestacións, ameazan a mesma subsistencia material de un cada vez maior número de compatriotas.

Os efectos da loita de clases, onde o capital vigorou a súa vantaxe histórica face o proletariado, son tan evidentes que baten con puño de ferro no noso nariz. É por iso que cómpre fuxirmos da abstracción puramente identitarista, e en coherencia coa histórica análise que o nacionalismo popular ten feito da dependencia do noso país, enraizar o noso reclamo soberanista como peza indispensábel para facer viábel a radical transformación que o noso povo precisa, e que inexorabelmente só pode transitar polo vieiro da ruptura co Estado español, coa Unión Europea e co paradigma capitalista, rumo a construción de noso e para nós dunha sociedade nova, xusta e igualitaria, libre de explotación. Cara a Galiza ceive que para o ser de verdade só poderá ser socialista. O que veño de apuntar non é apenas unha proclama. É o enunciado sintético, ou se se quixer esquemático, dun horizonte estratéxico que cómpre definirmos de vez nunha proposta política tamén de longo alcance, que precisa substanciarse tamén nunha folla de rota para o inmediato. Sen dogmatismos infantís, mais sen medos paternalistas. Con honestidade revolucionaria e con vocación de masas.

Gañarmos consistencia

Ninguén descoñece que vivimos nun contexto tremendamente cambiante, inestábel, sometido a enormes tensións en todos os eidos, como antes se describiu de maneira sucinta. Unhas condicións obxectivas que inciden, coma sempre, na subxectividade social, na percepción, nas tendencias, nos procesos. Pasamos de nos laiar da despolitización a padecermos unha nova caste de hiperpolitización aparente e oca, onde a política mutou nun talk show televisivo. Onde o debate se reduciu ao curral das tertulias dos mass media. Co povo convertido no relato informativo nunha masa deforme e invertebrada,  representada a golpe da demoscopia, coa que se fixan representatividades en función da cotización electoral (prevista ou simulada) nun novo e delirante mercado de futuros, onde as audiencias dos “novos líderes”  entronizados pesan máis que os votos.

Incertezas, confusión, medos, carraxe, fartura, indignación, desafección... Son moitos e variados os ingredientes deste explosivo maremágnum social, que non apunta a se resolver nun estalido social senón a se frustrar, unha vez tras outra, en novos e vellos espellismos. Poñer a orella para escoitar o ruxe ruxe na rúa confirma, lamentabelmente, esa radiografía.

Precisamente neste panorama a nosa aposta debe ser por gañarmos consistencia, en troca de nos limitar a “competir” con novos e vellos fenómenos. Consistencia non apenas para salvar os mobles, senón para afianzar a misión histórica da alternativa política que o nacionalismo galego pretende representar. Non se trata xa que logo de darmos nervosos golpes de leme en función de itinerarios e percorridos alleos. Non se trata de mimetizar, nin moito menos de simular mímese. Hai que se arrepor á tendencia dominante que dita a preeminencia das formas, do aparente, sobre o fondo. Dos significantes sobre os significados. Do como sobre o que. Hai que rachar co desprezo ao discurso que latexa en todas as fórmulas de oportunismo escénico.

Consistencia significa non subscribir en ningún grao o engano das saídas máxicas, das receitas que valen para todo, do mesianismo adanista de quen inventa cada día a roda da política cunha fórmula máis simplista (e alienante) que o anterior. Consistencia exixe como xa se apuntou definir horizontes estratéxicos, concretos, e tracexar a rota cara a súa consecución nunha proposta política a curto, medio e longo, tendo claros os principios e máis, sobre todo, o suxeito social, o que é incompatíbel con facer do calendario electoral o marco cronolóxico que determina a nosa acción política. Sen negar a importancia dos comicios deste ano e dos que virán nos seguintes, é imprescindíbel erguermos a nosa ollada para alén da conxuntura, do inmediato.
A consistencia pasa por nos sacudir de modas impostas e comprender que o que o noso povo agarda de nós non é () preguntas, nun diálogo franco, senón sobre todo algunha certeza, en forma de propostas e respostas. Consistencia é conceptuar a correlación de forzas no seu sentido máis amplo e concretizar en termos obxectivábeis as chaves que definan a acumulación (para alén dos resultados electorais), como apuntei nun artigo anterior ao fío das experiencias latinoamericanas. [Ir a web]
Consistencia que só lograremos cunha maior solidez e alcance nas propostas, co reforzo das nosas estruturas organizativas (concibidas como instrumento ao servizo do povo para a transformación da realidade) e cunha maior axitación e proselitismo que nos permitan incidir na conciencia social. Consistencia para enfrontar todos e cada un dos reptos que esta complexa etapa histórica nos vai poñer no camiño.

[*] Xabier Pérez Igrexas (Vigo 1984), activista sindical, político e social. Membro da CIG e do BNG, ocupando responsabilidades no ámbito comarcal. Participa en Sermos Galiza. Publica artigos de opinión en diferentes medios. Autor do blogue www.contradiscurso.net, en twitter @contradiscurso e no facebook.com/contradiscurso.

Publicado no Terra e Tempo | 09.01.2015 | Onde se poden ler os comentarios.

Enviado por:
Xabier P. Igrexas
-xabiergz@gmail.com-
9 de janeiro de 2015 10:31

_______________

luns, outubro 06, 2014

"Que se agocha tras a Unión Europa? Unha aproximación crítica" - Caderno da Fundación Moncho Reboiras


A Fundación Moncho Reboiras vén de publicar en formato electrónico o caderno de análise "Que se agocha tras a Unión Europa? Unha aproximación crítica". Este traballo, do que son autores Manuel Mera (coordenador) e Xabier P. Igrexas, pretende dar resposta --con vocación divulgativa-- ás principais preguntas sobre a UE, o euro e a Troika.

Nel se explica a orixe histórica e desenvolvemento do chamado proceso de construción europea do que nacerían a actual UE e máis euro, como funcionan as institucións europeas e a súa incidencia sobre a soberanía dos Estados e dos povos, o papel internacional que desempeña a Unión, a que chamamos Troika e os denominados "rescates", así como os tratados de libre comercio trasatlántico que, arestora, está a negociar Bruxelas cos EUA e Canadá. Mais tamén se aborda que papel lle corresponde ao noso país, Galiza, dentro do marco da UE e o euro.

Todas estas cuestións forman parte do debate aberto a nivel social e político no que se formulan opcións como a saída da moeda única ou mesmo o abandono da propia Unión Europea, como fórmulas que poden permitir a recuperación (ou conquista) da soberanía política e económica como elemento indispensábel que posibilite un cambio nas políticas contra a crise.

A obra, de 32 páxinas de extesión, afastada de chaves académicas ou excesivamente teóricas, está pensada como como un instrumento que permita ao conxunto do pobo formarse unha idea xeral, con rigor mais tamén cun indisimulado enfoque crítico, de que é o que realmente se agocha tras a Unión Europea. Xa que logo, convidámosvos activamente a lelo e tamén a que o difundades na vosa contorna.

O caderno foi elaborado como parte dos traballos das II Xornadas Internacionais Comprendermos a Crise, que a Fundación Moncho Reboiras realizou coa colaboración do Concello de Pontevedra os pasados 11 e 12 de abril nesa cidade, baixo o título "Europa na encrucillada: crise sistémica, euro e Unión Europea".

Enlaces:
  • Presentación do caderno na web da Fundación Moncho Revoiras | Ir a Web.
  • Caderno: "Que se agocha tras a Unión Europa? Unha aproximación crítica". |Acceder/Baixar.

Enviado por:
Xabier P. Igrexas
-xabiergz@gmail.com-
6 de outubro de 2014 12:10

Unha aperta. Xabier P. Igrexas
www.contradiscurso.net

__________________

luns, febreiro 03, 2014

A banca privada multiplica os seus beneficios tras o "rescate" público, ... por Xabier P. Igrexas

Por Xabier P. Igrexas [*]
03.02.14


Malia que no discurso oficial se teña incorporado o termo recuperación, a economía real fica moi afastada desa perspectiva. Quen si ten vigorosos e zumentos brotes verdes é o grande capital financeiro. De feito en 2013 as principais entidades bancarias do Estado español multiplicaron por catro os seus beneficios en relación ao ano anterior. O Banco Santander, BBVA, Caixa Bank, Banco Popular e Sabadell, sumaron lucros por importe de 7.674 millóns de euros.

O dato deuse a coñecer apenas uns días despois de que o pasado 22 de xaneiro finalizara o "rescate" da banca española, financiado entre outros a cargo dun préstamo europeo por importe de 41.300 millóns de euros. Préstamo asegurado polo Estado e que provocou, condicionado polo memorando de entendemento subscrito polo Goberno español, a vaga de duros recortes en servizos públicos esenciais como sanidade e educación. Mais ese préstamo é unha pequena parte das axudas públicas destinadas ao reflote e saneamento da banca privada. O economista Juan Torres cifra o alcance real do rescate en como mínimo 275.000 millóns de euros, sumando as axudas á capitalización, avais e protección de activos, axudas á liquidez e a compra directa de activos bancarios. Cantidade que o propio Torres eleva a 1,3 billóns de euros, de se contabilizar tamén os préstamos do Banco Central Europeo e máis os avais derivados de garantir todos os depósitos de até 100.000€.

Os datos verifican na práctica a denuncia de que o rescate da banca tan só pretendía asegurar as contas de resultados das entidades, a cargo de fondos públicos, apuntalando o circuíto financeiro no que o grande capital se reproduce con enormes lucros. De feito a regulación bancaria acometida, grosso modo, apenas supuxo un estímulo para a maior concentración e centralización de riqueza nun cada vez menor número de entidades. Así, a ofensiva contra as caixas de aforro para alén de forzar a desaparición práctica das únicas entidades financeiras de carácter semipúblico, favoreceu a súa absorción pola banca privada, endóxena ou exóxena. Tanto do mesmo sucedeu con aqueles bancos de menores dimensións e que mantiñan unha operativa máis sensíbel e apegada ao territorio no que estaban asentados. Precisamente os grandes beneficiados deste proceso, como se deduce do dato co que encetabamos, son as grandes entidades que articulan o oligopolio bancario español.

Logo da inxección de inxentes cantidades de recursos públicos, e a pesar dos seus beneficios en plena crise, non se percibe ningún efecto concreto desa intervención en beneficio da economía real. O tecido produtivo continúa esmorecendo, entre outros factores pola falta de crédito bancario. Outro tanto sucede coas economías domésticas, co agravante de que entidades rescatadas ou apuntaladas con recursos públicos continúan a practicar, día si e día tamén, desafiuzamentos contra familias traballadoras no que xa constitúe un xenocidio hipotecario. Entrementres cebamos a banca privada con cartos públicos, as persoas estafadas polo calote das participacións preferentes continúan a esperar recuperar os seus aforros, ou no mellor dos casos víronse forzadas a renunciar a parte deles nos procesos de arbitraxe. Traballadoras e traballadores financiando bancos con quitas sobre os seus propios aforros!

Os 7.674 millóns de euros que tiveron por beneficio os grandes bancos, veñen a ilustrar que a crise non o é para todos. E que ao cabo, esta provocou unha radicalización da loita de clases, na que polo momento o capital vai gañando, alargando a fenda social e empobrecendo a amplas capas do pobo. Outro conto sería se en lugar de "rescatar" a banca, financiándoa a fondo perdido á nosa costa, apostaramos decididamente pola súa nacionalización. De telo feito hoxe estaríamos a socializar eses importantes beneficios.

[*] Xabier Pérez Igrexas, -Vigo 1984, é articulista colaborador de opinión en diferentes medios de comunicación, leva unha interesante web: www.contradiscurso.net . En twitter:  https://twitter.com/contradiscurso | Activista político e social. ☭ Comunista. ★ Nacionalista. Implicado en @SermosGaliza. Membro do Consello Nacional da Federación de Banca, Aforro, Seguros, Oficinas e Telemárketing da CIG e  da Dirección Comarcal da @CIGVigo. Responsábel de Acción Social do @BNGVigo . Conta en facebook: https://www.facebook.com/contradiscurso.

Artigo publicado en: noticiasgalicia.com.

Enviado por:
Xabier P. Igrexas
-xabiergz@gmail.com-
3 de fevereiro de 2014 10:38

____________