Amosando publicacións coa etiqueta Abusos da Banca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Abusos da Banca. Amosar todas as publicacións

luns, febreiro 03, 2014

A banca privada multiplica os seus beneficios tras o "rescate" público, ... por Xabier P. Igrexas

Por Xabier P. Igrexas [*]
03.02.14


Malia que no discurso oficial se teña incorporado o termo recuperación, a economía real fica moi afastada desa perspectiva. Quen si ten vigorosos e zumentos brotes verdes é o grande capital financeiro. De feito en 2013 as principais entidades bancarias do Estado español multiplicaron por catro os seus beneficios en relación ao ano anterior. O Banco Santander, BBVA, Caixa Bank, Banco Popular e Sabadell, sumaron lucros por importe de 7.674 millóns de euros.

O dato deuse a coñecer apenas uns días despois de que o pasado 22 de xaneiro finalizara o "rescate" da banca española, financiado entre outros a cargo dun préstamo europeo por importe de 41.300 millóns de euros. Préstamo asegurado polo Estado e que provocou, condicionado polo memorando de entendemento subscrito polo Goberno español, a vaga de duros recortes en servizos públicos esenciais como sanidade e educación. Mais ese préstamo é unha pequena parte das axudas públicas destinadas ao reflote e saneamento da banca privada. O economista Juan Torres cifra o alcance real do rescate en como mínimo 275.000 millóns de euros, sumando as axudas á capitalización, avais e protección de activos, axudas á liquidez e a compra directa de activos bancarios. Cantidade que o propio Torres eleva a 1,3 billóns de euros, de se contabilizar tamén os préstamos do Banco Central Europeo e máis os avais derivados de garantir todos os depósitos de até 100.000€.

Os datos verifican na práctica a denuncia de que o rescate da banca tan só pretendía asegurar as contas de resultados das entidades, a cargo de fondos públicos, apuntalando o circuíto financeiro no que o grande capital se reproduce con enormes lucros. De feito a regulación bancaria acometida, grosso modo, apenas supuxo un estímulo para a maior concentración e centralización de riqueza nun cada vez menor número de entidades. Así, a ofensiva contra as caixas de aforro para alén de forzar a desaparición práctica das únicas entidades financeiras de carácter semipúblico, favoreceu a súa absorción pola banca privada, endóxena ou exóxena. Tanto do mesmo sucedeu con aqueles bancos de menores dimensións e que mantiñan unha operativa máis sensíbel e apegada ao territorio no que estaban asentados. Precisamente os grandes beneficiados deste proceso, como se deduce do dato co que encetabamos, son as grandes entidades que articulan o oligopolio bancario español.

Logo da inxección de inxentes cantidades de recursos públicos, e a pesar dos seus beneficios en plena crise, non se percibe ningún efecto concreto desa intervención en beneficio da economía real. O tecido produtivo continúa esmorecendo, entre outros factores pola falta de crédito bancario. Outro tanto sucede coas economías domésticas, co agravante de que entidades rescatadas ou apuntaladas con recursos públicos continúan a practicar, día si e día tamén, desafiuzamentos contra familias traballadoras no que xa constitúe un xenocidio hipotecario. Entrementres cebamos a banca privada con cartos públicos, as persoas estafadas polo calote das participacións preferentes continúan a esperar recuperar os seus aforros, ou no mellor dos casos víronse forzadas a renunciar a parte deles nos procesos de arbitraxe. Traballadoras e traballadores financiando bancos con quitas sobre os seus propios aforros!

Os 7.674 millóns de euros que tiveron por beneficio os grandes bancos, veñen a ilustrar que a crise non o é para todos. E que ao cabo, esta provocou unha radicalización da loita de clases, na que polo momento o capital vai gañando, alargando a fenda social e empobrecendo a amplas capas do pobo. Outro conto sería se en lugar de "rescatar" a banca, financiándoa a fondo perdido á nosa costa, apostaramos decididamente pola súa nacionalización. De telo feito hoxe estaríamos a socializar eses importantes beneficios.

[*] Xabier Pérez Igrexas, -Vigo 1984, é articulista colaborador de opinión en diferentes medios de comunicación, leva unha interesante web: www.contradiscurso.net . En twitter:  https://twitter.com/contradiscurso | Activista político e social. ☭ Comunista. ★ Nacionalista. Implicado en @SermosGaliza. Membro do Consello Nacional da Federación de Banca, Aforro, Seguros, Oficinas e Telemárketing da CIG e  da Dirección Comarcal da @CIGVigo. Responsábel de Acción Social do @BNGVigo . Conta en facebook: https://www.facebook.com/contradiscurso.

Artigo publicado en: noticiasgalicia.com.

Enviado por:
Xabier P. Igrexas
-xabiergz@gmail.com-
3 de fevereiro de 2014 10:38

____________

venres, outubro 28, 2011

Hoxe Venres 28 de Outubro: Concentración "Contra os Abusos da Banca", pola mañá en Caranza, ás 11:30h frente a sucursal da Caixa Galicia


As Mesas de Converxencia e Acción - Rede de Converxencia Social "Praza Pública" de Ferrol, convocan unha acción para denunciar e protestar ante o comportamento abusivo das Entidades Financieiras.

CONCENTRACIÓN CIDADÁ
VENRES 23 DE OUTUBRO, ÁS 11:30 HS
ANTE A SUCURSAL DE CARANZA
DE NOVA GALICIA BANCO (Caixa Galicia)
RÚA JUAN DE AUSTRIA

En Caranza:
Farase unha escenificación dos abusos das entidades crediticias, de como especulan co noso diñeiro, impóñenos comisións e condicións abusivas, sanéanse cos cartos públicos e reparten entre as súas cúpulas directivas escandalosas fortunas.

Blogue:
http://rededeconverxenciasocial.blogspot.com/

Correo de Contacto:
mesasdeconverxenciaferrolterra@gmail.com

Mapa: Lugar onde vai ter lugar a Concentración.


Visualizar o mapa ampliado


Enviado por:
Colectivo A Revolta
-a.revolta.de.trasancos@gmail.com-
26 de outubro de 2011 09:37
http://a-revolta-de-trasancos.blogspot.com/
_________________