mércores, xaneiro 06, 2016

Catro apontamentos após o 20D, ... Por Xabier P. Igrexas

Por Xabier P. Igrexas [*]
06.01.2016


No que atinxe a Galiza, os resultados do 20D foron malos. Tanto polo feito de que o PP de Feijóo resiste ben -dado o contexto- como primeira forza, como polos resultados colleitados polo nacionalismo galego artellado arredor de Nós-Candidatura Galega. A coalición de Podemos con EU, Anova e as “mareas” das cidades, logrou dar un novo sorpasso ao PSdeG, asestando un duro golpe en núcleos como Vigo, onde pasou de primeira forza en maio (cunha inesperada e histórica maioría absoluta para Caballero) a terceira, por detrás do PP.

Mais para alén dos datos, dos resultados, da súa tradución en aritmética parlamentar, cómpre analizar o escenario político aberto após o 20D sen ollar eses comicios como unha foto fixa e isolada do seu contexto (pretérito e futuro).

Para o nacionalismo galego, o resultado foi moi duro, xa que supuxo a perda dos dous escanos logrados polo BNG nas anteriores eleccións e a súa exclusión do Congreso, logo de dúas décadas de inxente e vizoso traballo en defensa do país, e singularmente das súas clases traballadoras. Sei que entre as deputadas electas de “En marea - Podemos” hai persoas encadradas en forzas que tamén se reivindican nacionalistas. Porén, a principal diferenza entre Nós-Candidatura Galega e En Marea era, precisamente, que a primeira apostaba por alargar e reforzar a presenza galega ao servizo do país e da súa transformación, e a segunda aspiraba (lexitimamente) a facer a súa achega ao proxecto de reforma de España sob a lideranza de Podemos. Non son, como é obvio a mesma cousa.

Nos últimos días amoréanse as análises de urxencia, os chamados á reflexión e tamén as vellas apelacións a refundacións/reinvencións para “corrixir” o rumo do nacionalismo galego. Con certeza, esa dinámica manterase nas vindeiras semanas e meses. Non pasa nada. A cousa é que o debate sexa sereno, argumentado e que as análises superen o limiar superficial do inmediato. Cómpre pois tanto liberarse do shock post-lectoral (quen o teña) como evitarmos o ensimesmamento da paralizante adicción ao diván. A mesma noite electoral, nun deses apontamentos que apresuran as redes sociais, afirmaba que unha das tarefas era sabermos ler “coa necesaria autocrítica” os resultados do 20D. Logo reparei en que esa propia afirmación sintomatiza parte do problema, por enunciar algo que debera ser sobradamente obvio.

Esa reflexión, e o conseguinte debate, terán que ser colectivos e colexiados. As decisións que tivermos que adoptar, adoptarémolas -coma sempre- con plena democracia, practicando o asemblearismo. Mais é lóxico e razoábel que a deliberación, por a chamar dalgunha maneira, transcenda os límites orgánicos e se realice tamén a nivel público. Algo sano se se fai con responsabilidade e tranquilidade. É mesmo positivo, xa que de optarmos pola autocensura, as únicas voces e opinións que se han escoitar serán as dos benególogos, que paradoxalmente sempre coinciden (desde fóra) en que nos equivocamos, optemos por unha tese ou pola contraria. Hai algo peor que un debate mal xestionado: o silencio dos cemiterios. Esa unanimidade viscosa que impide o indispensábel contraste de posicións e de matices, sob o que calquera proxecto transformador debe formular as súas teses, análises e propostas.

Folga sinalar que esta cuestión, os resultados do 20D e -sobre todo- o novo escenario político, será un dos principais eixos sob os que discorrerán os debates que han desembocar na Asemblea Nacional Ordinaria que o Bloque realizará, previsibelmente, o vindeiro marzo. Dalí sairán as conclusións. Xaora, sen ánimo de concluír nada, hai varios apontamentos que acho preciso formular en voz alta para os termos (ou non) en conta. Os que vou enunciar deseguido.

Primeiro, o problema non era a marca BNG. Os obxectivos fixados e que fundamentaron a decisión colectiva de apostarmos nunha candidatura nacionalista de base ampla, que sobardase os límites do propio BNG, prescindindo da súa sigla como “marca electoral”, eran precisamente ampliar o apoio popular a unha proposta política nidiamente galega e en chave galega, que desde un inequívoco compromiso coas clases populares, servise de ferramenta para o noso povo ter voz (e voto) en Madrid, ampliando en consecuencia a actual (até ese momento) presenza institucional do nacionalismo galego no Congreso coa aspiración de contarmos cun grupo parlamentar galego e de obediencia galega. Cos resultados na man non se lograron ningún dos dous resultados, mais ese fracaso refuta unha das teses máis repetidas nos últimos anos: que o problema do BNG era o propio BNG. Cunha candidatura ampla, xenerosamente plural, e baixo unha nova marca o resultado foi o que foi. Iso significa que termos optado por manter a marca garantía un outro resultado? Non. Pero, visa en grande medida que de térmolo feito estes non ían ser peores. Para matinar, non cuestionando o que foi senón para pensarmos en chave de futuro.

Serva o anterior para entender, que inda non o fixer, que se ben forzas emerxentes como Podemos xogan cunha forte escenificación, alimentada a eito polos media do mainstream español, non se reducen a iso. Desde unha radical discrepancia, habemos recoñecer que a chave do éxito de Podemos en grande medida é discursiva. De contido e de narrativa/relato. Neste senso, as caracterizacións que infantilizan o povo, converténdoo en culpábel dos seus propios problemas ou mesmo en parte do problema, por optar (electoralmente) por outras escollas en troca de por nós, erran máis unha vez e non contribúen a unha análise clarificada e clarificadora. Podemos soubo facer da confluencia unha cuestión instrumental, ao servizo do seu proxecto, e non un obxectivo en si propio como algúns sectores teñen defendido aquén do Padornelo.

Segundo, o contexto (social e político) é volátil até o paroxismo. É unha derivada inherente a todo proceso de descomposición, como o que atravesa o rexime político español, en profunda crise desde hai varios anos. A dependencia de Galiza tamén atinxe o marco e a axenda política. Certo que é un feito propiciado e agravado por quen desde o país, e mesmo desde posicións “nacionalistas”, ten apostado en que o futuro da nosa nación se resolva reformando España. A democracia televisiva é unha expresión inda máis insuficiente e limitante que a propia democracia formal (burguesa) en si. Non se trata de responsabilizar apenas ás tertulias dun ou doutro resultado, e menos de empregar este factor para xustificar un revés electoral propio, mais é obxectivábel a súa importancia determinante para poder entendermos os resultados do 20D, quer na Galiza urbana, quer na rural, quer na costa, quer no interior. O nacionalismo galego apenas resistiu algo mellor o embate naqueles enclaves nos que é forza de goberno, pois ese parámetro impediu que o arrase do novo “voto útil” fose maior.

Terceiro, a Historia non é unha liña recta. Tampouco a recente. Xa que logo, resultan chocantes algunhas intervencións públicas de dirixentes da fronte afirmando que debemos analizar o devalar electoral dos últimos quince anos. Chocan, pois así afirmado parecera que non teñamos analizado nada desde o ano 2001, ou que non se acometeran correccións e rectificacións nas sucesivas asembleas nacionais. Choca, ademais por incluír implícitamente a tese de que os maus resutlados do nacionalismo en 2015 partillan exactas causas cos maus resultados de quince anos antes. Como se nada tivese mudado, no mundo, no Estado, no país e no propio Bloque.

Cuarto, e último, o proxecto non é unha mercadoría. De aí que non poidamos abordar o seu (re)deseño ou actualización atendendo ás tendencias de demanda no mercado electoral. Ese atallo está máis que comprobado que conduce sempre ao abismo da claudicación, e non é nin tan sequera garantía de éxito electoral.

Xa que logo, o 20D o nacionalismo galego perdemos. Si. Mais non nos derrotaron. Porque os proxectos de transformación poden verse freados no carreiro electoral, mais non esmorecen nel a non ser pola vía da capitulación/autoliquidación. As eleccións só son letais para propostas posibilistas a curto, para o reformismo anano.

O nacionalismo galego ten por diante a tarefa de actualizar, de anovar no sentido de profundizar, o seu proxecto estratéxico, de optimizar a proposta política na que se substancia (programa), de precisar a folla de rota sob a que se desenvolver e de fortalecerse a nivel organizativo e tamén no campo da loita das ideas. Non son tarefas novas, son os reptos permanentes que debe encarar calquera causa política que aspira a mudar radicalmente a realidade, removendo os  estreitos marcos do “posíbel”, para facer realidade os cambios precisos. Fico certo de que con ese norte no compás, acertaremos para avanzar no camiño de facer realidade o horizonte emancipador dunha Galiza ceive e sen explotación á que aspiramos os milleiros de mulleres e homes que acreditamos no  BNG. Farémolo, con autocrítica, con debate, con contraste e cos cambios precisos, si. Mais tamén desde a profunda convicción nos nosos principios, con coherencia a proba de bombas, sen renuncias, nin dilucións.

Porque a cuestión non é como agiornarmos o Bloque para que máis electorado nos vote, senón en como logramos convencer, sumar e organizar máis povo arredor da nosa proposta política, ao proxecto de liberación nacional e social de Galiza. Sabemos da dificultade dese camiño, mais tamén de que non cabe outro. Coa seguridade de que a dificultade da tarefa non a fai menos necesaria. Ao contrario.

[*] Xabier Pérez Igrexas (Vigo 1984), activista sindical, político e social. Membro da CIG e do BNG, ocupando responsabilidades no ámbito comarcal. Participa en Sermos Galiza. Publica artigos de opinión en diferentes medios. Autor do blogue www.contradiscurso.net, en twitter @contradiscurso e no facebook.com/contradiscurso.

Publicado no Terra e Tempo.  | 04.01.2016

Enviado por:
Xabier P. Igrexas
-xabiergz@gmail.com-
4 de janeiro de 2016 10:50

_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon