Desde En Marea queremos trasladar, neste final de 2015, o compromiso colectivo por facer, entre todas e todos, de 2016 un ano de cambio e ruptura co vello. Un ano, polo tanto, onde fagamos da democracia, da soberanía popular e da xustiza social o centro de toda a vida política e institucional.
Queremos tamén aproveitar esta mensaxe para agradecer de novo aos centos de miles de galegos e galegas que o 20 de decembro deron o seu apoio a En Marea. Dixemos que o cambio non había quen o parara. E tras o 20D para En Marea o cambio non para. En primeiro lugar porque ficou constatado que o sistema bipartidista que leva imperando nas últimas décadas, grazas a un sistema electoral inxusto e a un pacto constitucional esgotado, que non representa a unha maioría social que nen sequera a puido votar, é xa historia. En segundo lugar porque ninguén pode negar xa que estamos inmersos nun novo ciclo político no que o diálogo e a asunción da diversidade sociopolítica existente no Estado serán os eixos fundamentais para dar resposta ás necesidades da maioría social.
Neste contexto, En Marea traballa desde xa para abrir os diálogos necesarios para consolidar un cambio fundamentado na democracia e nos dereitos sociais e, polo tanto, para tratar de evitar un goberno encabezado polo Partido Popular ou por sectores como Ciudadanos, que a todas luces son máis do mesmo: recortes, austeridade, desigualdade.
Para este cambio no Estado, as nosas coordenadas son claras. Cómpre agora saber se outras forzas, e de forma especial o PSOE, escolle mudar o rumbo das súas políticas ou pola contra permitir que o Partido Popular continúe a impoñer políticas ultraliberais en contra das maiorías sociais. É pois hora de escoller. E o PSOE debe escoller entre manterse como un dos dous partidos dinásticos para que todo siga igual ou sumarse as demandas dunha grande parte da cidadanía. Demandas que transformaron xa gobernos de grandes vilas e concellos no noso pais o 24M e que agora esixen un xiro radical no xeito de entender o goberno do Estado a vida institucional.
É intención de En Marea, pois entendémola coherente co compromiso programático establecido coas máis de 408 mil persoas que depositaron o seu voto por esta opción, cooperar activamente na configuración de calquera alternativa que recupere os dereitos sociais e políticos a prol da maioría social, que defenda os recursos e os bens comúns, que rescate a democracia e con ela a cidadanía e que asuma que tanto as persoas como os pobos teñen dereito a decidir o seu futuro, reflictíndose así a realidade plurinacional até hoxe irracionalmente negada do Estado español.
http://enmarea.gal/
info@enmarea.gal
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
05 de janeiro de 2016 15:56
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon