martes, outubro 14, 2014

Tres notas sobre a II Asemblea Nacional de Anova, ... Por David Rodríguez Rodríguez


Por David Rodríguez Rodríguez [*]
14.10.2014


1. Como calquera forza de creación recente Anova viviu durante estes dous últimos anos un proceso de decantación inevitable. Calquera proxecto novo encara un primeiro tempo de aluvión, confrontación e eslarecemento ideolóxico. Quen non entendeu que isto é o que se estaba a producir durante os convulsos dous primeiros anos de Anova (e xa veremos se isto rematou ou non) ten en Podemos unha moviola na que poderá asistir á repetición da película: aluvión, confrontación e esclarecemento. Por outra banda, nada hai máis absurdo que comparar a unha forza nova con outras totalmente constituídas e asentadas. Ambas teñen problemas -pois só os mortos non teñen problemas- pero trátanse de problemas diferentes; unha adoece de hiperactividade interna e contradicións agudas; as outras, de esclerose e medo, moito medo.

2. O sector que queda cunha representación residual nos órganos de dirección estaba, de facto, fóra da organización dende hai tempo. Non se identificaba co proxecto de Anova (non en van repetían, un tras outro, todos os tics propios da “cultura BNG” da que procedían) e, cando o facía, facíao dende posturas cínicas e liquidadoras de Anova como a defendida nesta AN para que Anova renunciase a presentarse ás municipais en aras dun pretendido apoio ás candidaturas cidadás; como se en todos os pequenos concellos deste país fose haber candidaturas cidadás semellantes ás das cidades. Anova é un proxecto creado para activar e ensanchar no posible a rebelión cívica contra o réxime do 78 no Estado Español e contra a ditadura económica de estruturas supranacionais tipo UE ou FMI e non para resucitar o PSG nin estúpidas dialécticas de guerra fría que hai tempo que non rexen. Unha das conclusións que cabe tirar da II AN é que Anova non vai ser o Partido Socialista polo devecía o sector hoxe nucleado por Cerna. Tampouco, obviamente, vai ser un Partido Comunista. Se Anova quere ser fiel a si mesma debería ser unha ferramenta útil para a Unidade Popular nun tempo no que a derrota de TODA a esquerda a TODOS os niveis é absoluta, e útil, tamén, para enfrontar os novos retos que a realidade empírica e material nos impón: a crise climática e os recursos limitados que fan caducar as vellas concepcións socialdemócratas e comunistas do progreso, a organización e o desenvolvemento das sociedades. A eventual reprodución fractal das leas imbéciles entre menxeviques e bolxeviques no amplo e variado espectro que hoxe ocupa a CN de Anova significará un paso seguro cara a destrución do proxecto. E unha nova proba a favor da propensión do ser humano á estulticia.

3. Xosé Manuel Beiras tardou en percibir o que sucedía en Anova. Pero finalmente percibiu. A Beiras debémoslle o impulso inicial para crear unha ferramenta que puidese vogar nun fin de ciclo multinivel. Leu con grande lucidez e celeridade os cambios que estaban acontecendo na sociedade galega e española dende o estoupido do 15M, leu tamén o carácter sistémico e a gravidade real da crise económica que padecemos e leu o estancamento no que se atopaba o nacionalismo galego (ese que nega tal estancamento e ridiculiza os cambios ao tempo que convoca, tarde e a rebufo, “asembleas abertas” á última moda). A alguén tan dotado para a lectura non se lle pode escapar que un capítulo con entidade propia na crise da esquerda galega (e estatal) durante os últimos lustros ten que ver coa reprodución no seu seo da mecánica imperante a nivel xeral tendente a reducir á mocidade ben ao “peterpanismo” durante os tempos de vacas gordas, ben á precariedade -é dicir, á non emancipación- nos tempos de vacas fracas. Un quere pensar que o paso dado a prol da coportavocía é indicativo de que se é consciente de que compre rachar canto antes o tapón que freaba o acceso das novas xeracións aos postos de mando e non que se trata dunha manobra de dilación que, por outra banda, é bioloxicamente inviable.


O Funambulista Coxo
Publicado o 14 de Outubro de 2014 no blogue:
ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.

Enviado por:
Inácio GZ

-inaciogz@gmail.com
14 de outubro de 2014 23:20
______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon