domingo, novembro 02, 2014

De fondo as Eleccións Municipais de Maio de 2015: Sobre o asalto da praza ao palacio municipal


Desde Ártabra 21 convidamos a ler e analizar a editorial de Somos Ninguén (ideas para o común), publicada no seu sitio-e o pasado 13 de Outubro, as compañeir@s fan unha completa reflexión que consideramos de interese para quen rexeita o Capitalismo como modelo social, cultural e económico e aposta pola transformación social, por un outro mundo posíbel e necesario. Paga a pena parar-se con este texto que pasamos a transcribir a continuación. E se non é moito pedir, de paso, ler o moi actual 'Chamamento aos electores da Comuna de París de 1871' que está transcrito con anterioridade.

Sobre o asalto da praza ao palacio municipal

A aparición de iniciativas cívicopolíticas en distintas urbes e vilas de Galiza, dirixidas a que a praza entre tamén nos palacios municipais, é un síntoma de que a cidadanía se move, é crítica, non traga. Cualidades extraordinarias para aqueles pobos que rexeitan o neoliberalismo como cultura de vida, os narcóticos do bipartidismo e que receitan grande coalicións para resolver os problemas dos seus, non dos nosos.

Unha das reflexións máis interesantes xurdidas ao fío da efervescencia política que vive o país reside no compromiso dos movementos sociais de daren o paso de asumir responsabilidade política institucional e, por tanto, abrir a posibilidade de candidatarse para ocupar un espazo institucional. Unha vez adoptada esta decisión, a tarefa de base no eido sociopolítico realizada por distintos colectivos debe confluír nunha alternativa programática e práctica total ao poder estabelecido. Isto inclúe sopesar os escenarios máis que probábeis despois de maio de 2015, dende a política de alianzas -por acción ou por omisión- ate a procura de vías concretas na vida municipal para comezar a fuxida do capitalismo e da lóxica do lucro. A maiores, os concellos que estabelezan maiorías non neoliberais deberán adoptar -son imprescindíbeis para vida dos máis- decisións políticas que os colocarán en situación de insubmisión legal. Porque esa é a paisaxe real que debuxan os anos de proceso deconstituínte e de demolición de todos os marcos políticos con cheiro a pacto entre clases. Ten o movemento socio político realmente existente potencia abonda para se enfrontar á máis que probábel ofensiva do bloque dominante?

O debate arredor da participación dos movementos sociais na vida institucional parece estar abondo maduro para responder en clave afirmativa. Guanyem Barcelona ou a Marea Atlántica teñen o embrión nas prazas e nos espazos públicos onde levan anos combatendo a prol da cidadanía do común e cun alto grao de independencia partidista. Este último feito, a súa autonomía, dótaos dunha distinción positiva ante formulacións da esquerda e do nacionalismo excesivamente ligadas ás cúpulas dos partidos políticos e aos intereses inmediatos, adoito de mera auto reprodución. Porén, de consolidarse a decisión de participar nas eleccións municipais, haberá que afrontar outra cuestión: até que punto se hipotecarían os movementos sociais se as súas expresións asociativas se centran no eido político-institucional? A compatibilidade é posíbel pero tamén a fricción entre ambos espazos. Procurar fórmulas que desactiven esta dicotomía resulta unha cuestión non menor.

Esta nova ficha no taboleiro da esquerda galega obrigou ás organizacións políticas xa existentes a posicionarse. Deron respostas dispares. A sociedade civil -segundo a entendía Gramsci e non segundo a máis común acepción liberal- móvese a maior velocidade e con máis capacidade de invención ca as maiormente esclerotizadas cúpulas partidistas. Estas responden con boa vontade, no mellor dos casos, ou cun repregamento narcisista, no peor. Non entenden que a inestabilidade do capitalismo provoca mutacións profundas na existencia das persoas e, polo tanto, na política. Neste escenario, esvaécese aquel mundo en que a esquerda fiaba as súas posibilidades ao electoral e logo, unha vez nas institucións, administraban políticas salvíficas sen máis atadura ca a propia palabra dada e a militancia no partido. Agora os votos deciden tamén ser políticos e queren o poder. Para iso, formulan estruturas e mecanismos para garantir a participación do movemento cívico. Velaquí sen dúbida o gran reto que marcará a distancia coas outras ofertas electorais e servirá de baremo para coñecer se realmente é posíbel artellarmos na praxe unha democracia radical.

Nas mareas

A Marea Atlántica da Coruña foi pioneira en interpelar o pobo saltando calquera filtro partidista. Pero, ao mesmo tempo, obrigou aos partidos a intervir, porque a súa mensaxe radical e aberta afectaba as súas propias bases. As reaccións ao seu chamado resumen o campo do posíbel das estratexias partidistas.

Por unha banda, as declaracións de desprezo e altanería por parte do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, revelan un entendemento aristocrático da cousa pública e unha visión de curto alcance sobre o que acontece na nación galega. Entregado e diluído nun discurso á vez sectario e moderado -todo dentro dunha orde, quen son estes que veñen alterar o que estaba ben como estaba-, con todo Vence foi desautorizado non se sabe moi por quen e pasou de avalar as teses dos alcaldes neoquintanistas aínda no Bloque ou de cuestionar mesmo as siglas da organización a ser máis papista que o papa. En calquera caso, non poucos militantes de base do BNG expresaron, e expresan distancias, coa postura da súa propia dirección.

As forzas integradas en AGE, o outro polo da esquerda nacional, tiveron posicións matizadamente diferentes, aínda que todas apostan pola participación individual en candidaturas de unidade popular. Pero a diferenza de ambas posturas son un retrato da desorientación practicamente absoluta da hipótese política denominada Fronte Ampla. O caso das mareas de Ferrol e de Vigo pode servir de exemplo perfecto para falar tanto de Esquerda Unida como de Anova. Desta última organización, en Vigo, atópanse entre os promotores da marea varios dos seus dirixentes locais (e o apoio explícito á metodoloxía aberta e non controlable cupularmente por parte da Coordenadora Local de Anova) que choca coa promoción dun presunto Gañemos Vigo -que nunca celebrou asemblea ningunha- por parte da deputada de AGE Chelo Martínez. No caso de Esquerda Unida existe unha comprensión do papel que debe xogar esta organización nos procesos de base no caso vigués que bate co intento de protagonizar e controlar a Marea Ártabra cunha rolda de prensa desacertada en absolutamente todo.

As mareas son procesos imprevisíbeis. Este carácter xera o temor nas cúpulas partidistas afeccionadas a pactar nas mesas, restaurantes e salóns privados. A incerteza alarma a aquelas organizacións que botan contas sobre as estruturas de control e financiamento derivadas da súa presenza municipal e da que tantos réditos extraen arestora.

A autonomía e soberanía das mareas debe ser un principio intocábel. É o xeito de garantir, ou de tratar de garantir, un proceso lonxe do control por arriba, da negociación de burócratas a nivel nacional. Ben se sabe que estas negociacións tamén poden existir no eido local, pero o peso e o protagonismo dos movementos sociais das localidades dificulta estes amaños. Esta soberanía non desemboca na inexistencia dun programa de mínimos que sirva de fío a todas as candidaturas cidadás. Por iso, o encontro recentemente celebrado na Coruña -que agardamos sexa o primeiro pero non o derradeiro- das distintas iniciativas parece un marco axeitado para poñer en común os retos, traballos e conclusións desta viaxe común. Sobre todo, é moi necesario atopar a fórmula xurídica para enfrontar a loita nas deputacións, verdadeiras máquinas de control dos concellos a partir da última reforma e secular niño de caciquismo. A contradición entre unha institución que a esquerda e os movementos de emancipación galegos sempre rexeitaron, por se tratar dun fórceps xurídico e político externo e funcional á dominación do Estado centralista, e a participación na mesma ha de aparecer. E o debate non se debe esquivar a forza de pragmatismo nin rexeitar de maneira doutrinaria. O que se reprime politicamente acaba sempre por emerxer.

A cartografía política do país mudou e desexamos que mude de vez co éxito das mareas, sempre e cando estas sexan expresións da vontade cívico política e non dos brazos de madeira ou dos pactos de salón. O desafío para os movementos sociais e de base é absoluto porque se son capaces de manter o combate institucional mentres sosteñen e conforman unha alternativa na sociedade civil, o salto furar nas estruturas últimas do sistema sería de xigante.

O resultado só se pode saber se arriscamos.

Editorial de Somos Ninguén. | 13.10.2014

Nota.- A Imaxe de cabeceira titúlase “O levantamento” (1931), exposto no MOMA de Nova Iorque. O pintor e muralista mexicano Diego Rivera, tras chegar da URSS logo dunha viaxe como membro do Partido Comunista de México, expresa neste mural o combate entre os traballadores que loitan polos dereitos sociais e laborais e o exército que reprime, como símbolo universal da loita de clases. A muller é representada, a xeito de homenaxe (é a protagonista do cadro) como unha das “soldaderas” mexicanas que loitaron na revolución mexicana.
_____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon