luns, novembro 17, 2014

'Furtivos' - Reunid@s en Asemblea a xente sen regularizar que vai a mariscar ás praias da Ría de Ferrol, acordaron unha serie de accións para conseguir 80 permisos para mariscar a pé - Unha moi interesante entrevista no programa Escarnio de rádio FilispiM, onde @s traballador@s irregulares da ría de Ferrol denuncian a súa criminalización


Desde hai días xente sen regularizar que vai a mariscar ás praias da Ría de Ferrol, "furtivos", veñen denunciando vexacións e malos tratos por parte da policía que os persegue e reprime. O cariz violento e vexatorio que tomaron as últimas redadas contra estes traballadores e traballadoras que reivindican un medio de vida, conseguiron que se organizaran e comezaran a mobilizar-se para facer visíbel a súa inxusta situación.  Familias sen recursos van á marea porque é onde poden tirar un pouco de diñeiro para poder facer fronte aos gastos máis elementais do día a día. As mariscadoras e mariscadores sen regularizar, puxeron-lle cara ao desemprego que está oculto en frías estatísticas. Pediron axuda que alguén lles botara unha man, xa non podían soportar sós por máis tempo a inxustiza que se estaba cometendo con eles e as súas familias. Chamaron á Columna Caranceira das Marchas da Dignidade, contactaron coa prensa, cos grupos municipais e partidos políticos, ... despois de mobilizar-se diante do Palacio municipal, na Praza do Concello de Ferrol, o Alcalde, José Manuel Rey Varela, prometeulles mediar e elevar a súa reivindicacións á Xunta de Galicia, pediulles a  cambio paz social, non quere ver xente na rúa pedindo Pan, Traballo e Teito. Os medios convencionais fixeron-se eco da súa situación. Comezaron a loita pola súa regularización.

Este fin de semana, o sábado 15 de novembro, centraron as súas reivindicacións, nunha Asemblea celebrada, ás 11 da mañá, no Centro Cívico de Caranza, apoiados polos nosos, moi veteranos, compañeiros Bernardo Bastida (Activista Social e ExPatrón Maior da Cofradia de Pescadores de Ferrol) e Rafael Pillado (Activista Social e histórico sindicalista e político, autor do libro de memorias "Latexo da Vida e da Conciencia").

J. Gómez do xornal comarcal 'Diario de Ferrol', dá conta hoxe, tanto na edición dixital como na impresa, de como se desenvolveu a citada Asemblea. Nova que ven recoller dalgún xeito as análise e acordos que se tomaron. Que polo seu interese, desde Ártabra 21, decidimos a transcribir a continuación. Maís antes tamén queremos dicir que facilitamos unha moi interesante entrevista que os compañeiros e compañeira do programa Escarnio da Rádio FilispiM, lle fixeron a tres representantes do colectivo da xente das praias.

---

Os mariscadores furtivos pedirán á cofradía e a Mar 80 permisos a pé
A asemblea reuniu no Centro Cívico de Caranza a preto dun centenar de persoas


Os mariscadores furtivos da zona d'O Couto acordaron onte nunha asemblea celebrada no Centro Cívico de Caranza e conducida polo expatrón maior da Cofradía de Pescadores de Ferrol, Bernardo Bastida, solicitar senllas reunións cos responsábeis do pósito local e da Consellería do Medio Rural e do Mar para esixir a creación de oitenta permisos de explotación a pé nas denominadas "zonas improductivas" da ría, é dicir, Montón-Caranza, A Cabana-A Malata e San Felipe.

Estas tres áreas, recordou Bastida, suman case 900.000 metros cadrados e, pese á súa extensión, só hai unha persoa que teña a habilitación para poder faenar nelas. "Pódese e débense dar permisos a pé", insistiu o expatrón, que, ante as preguntas dos asistentes sobre a calidade das augas, engadiu que "o que se saque das zonas C tería que completar o mesmo proceso que o que se colle nas Pías".

Bastida tamén se referiu á obrigatoriedade que fixa a lexislación autonómica de presentar uns estudos de viabilidade e substentabilidade das autorizacións nas que se quere traballar. "En primeiro lugar", apuntou, "si hai furtivismo significa que hai marisco; e, en segundo, pregúntome con que se compararían as mostras que se fagan agora si fai sete anos que non se mostrea neles? "

Non afecta ao de á boia

O expatrón insistiu en que a expedición de novos permisos de explotación a pé "non lle vai a comer o pan a ningún mariscador con permiso" porque, explicou, nesas zonas só traballa unha persoa.

Ademais, defendeu que o único xeito de mellorar a produtividade dos bancos máis afectados pola contaminación e a falta de saneamento é "traballándoos, porque só removendo o fondo se oxixena e evítase que se compacte".

Fonte: Diario de Ferrol. | Foto: Luís Polo. | 16.11.2014

Foto de Daniel Alexandre no 'Diario de Ferrol.

@s traballador@s irregulares da ría de Ferrol denuncian a súa criminalización.

"Isto vai a pior, non hai ningúen que se sente e que poña unha solución riba da mesa, cada vez hai máis xente no paro, na ría, sen recursos. Estamos abocados a isto, ao paro. Nin clases altas, nen clases medias... todo para abaixo". Con ista claridade expresábase unha pequena representación do cada vez máis numeroso grupo de traballador@s irregulares da ría de Ferrol, no descorrer da emisión do programa Escarnio da Rádio FilispiM. Entre trescentas e catrocentas persoas recorren aos froitos da ría, coma último recurso, ante a falla de perspectivas laborais ou prestacións das Admóns, co telón de fondo da realidade cotiá da cidade con maior taxa de paro do país, Ferrol.

No transcorrer da longa e intensa charla, os traballadores irregulares da ría, denunciaron trato denigrante por parte da policía, nos cada vez máis frecuentes operativos da Xunta e "forzas do orde". "Danche un chuvasqueiro do 'Capitán Pescanova' ou vas nú para casa", denuncian. Ademáis falan de atribucións de incautacións que non se corresponden coa realidade e que non se lles da recibo do incautado, entre o que se atopa útis de traballo e roupa de mar. Conclúen que as Autoridades (Xunta e policía) están interesadas en crear unha alarma social para lograr que o agora mesmo considerado coma falta administrativa pase a "resoverse" coma ser fór un delicto, pola vía penal. Ante esta situación, veñen de organizarse en Asembleas para chamar a atención sobre o que está a acontecer.


Fonte: Colectivo Opaíí ! de Rádio FilispiM, nas onda no 93.9 da FM e na rede.

Pode-se escoitar un estrato da entrevista elaborado pola  Redacción de Informativos, Rádio FilispiM,  no posto orixinal.

Recomendamos entrar no sitio-e de Rádio FilispiM, para poder observar a riqueza e creatividade que emana do Colectivo Opaíí !, cun grande número de programas propios e unha completa e atractiva grella de programación. Únete a Radio FilispiM, sintoniza o 93.9 da FM no teu dial. Escoita-a na rede en directo ou os teus programas favoritos, en diferido, a través dos Podcast que publica cada programa.
______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon