Por Xabier P. DoCampo [*]
22.12.2014
"Feijoo responsabiliza a las familias de que haya menos niños que hablen gallego"
(Faro de Vigo, 12.12.2014)
Sr. Presidente, pois si, a cousa é culpa das familias que non lles falan galego aos rapaces polos que tanto se preocupa o seu goberno para que aprendan galego nos colexios e nos institutos. E fixo moi ben dicilo, pois está demostrado que as familias teñen coiro duro para aguantar con todo. Non esquezamos que segundo vostede, tamén foron as familias as que o obrigaron a facer ese Decreto de Plurilingüismo destinado a rebaixar todo o posíbel a presenza do galego nas aulas e, por extensión, na sociedade galega enteira. Vostede non quería, pero as familias obrigárono, que vostede se resistía a canto lle mandaban os seus patróns de Madrid, só estaba atento ao que querían as familias galegas.
Estou convencido de que está preocupado polo devalar da nosa lingua entre os galegos e galegas máis novos (os vellos xa non é doado facernos mudar de andadura, e mira que nos poñen atrancos para vivirmos a diario na nosa lingua), eses que segundo vostede tanto e tan ben aprenden o galego que saben que voda se escribe con uve e que non se di crisis senón crise, aínda que despois vostede diga crisi, que non é nin unha cousa nin a outra. Ben, dicía que a vostede o asunto tráeo tan preocupado que soubo dedicarlle tempo ao problema até dar coa causa: culpa das familias. Faltoulle dicir aquilo de “a min que me rexistren”, pero fixo ben non dicilo, non fora ser que o rexistrasen.
Xa postos tamén lle puido botar a culpa á igrexa católica, tan preocupada pola familia cristiá e tan desapegada do galego, xaora, xa o di o refrán: “a igrexa é lume, a familia estopa, vén o demo e sopra”. Penso que con isto vostede podería verse libre de responsabilidade para sempre e diante da Historia, foi mágoa que non se decatase a tempo. Porque eu sei que a vostede lle gustaría saber onde reside o problema, por iso dixo isto de que son as familias, mesmo pensei que, coma aquel Diablo cojuelo de Vélez de Guevara, fora polos tellados levantando tellas e lousas para ver que se falaba na casa dos seus conselleiros, asesores e colaboradores e de aí tirara a conclusión: son as familias.
E isto terá solución? Eis a pregunta que de seguro lle fai pasar noites en branco, arrepentido daquel tempo no que aconsellado polo ABC, La Razón, La Gaceta... e outros paladíns da democracia e da Constitución, se deixou ir e espallaron a teoría da “imposición” (recoñecerame que foi unha manobra maligna, demoníaca. Foi unha “virguería” da mentira como arma política). Xa sei, xa sei que foi un momento de debilidade. Pois mire, e dígollo con toda a humildade, teña por seguro que si, con iso e todo, hai remedio. Que alivio, non si? Estou ben certo que sente unha lixeireza no corpo ao se ver libre da ameaza de perda da nosa lingua.
Agora vén a segunda pregunta: e como? Para min que ben o sabe, é moi doado. Nin sequera lle faría falta mudar as persoas que lle redactan os decretos, ordes, normas... que vostede asina e que levan ás familias a pensar que se o goberno de Galicia lexisla contra a lingua propia, non ven por que han ser eles os que fagan o traballo de coidar de mantela. Pero se vostede muda de actitude e di: de agora en diante imos defender a lingua propia de Galicia e levar a cabo accións que garantan o seu futuro, os seus mandados poñeranse ao conto felices, que outra cousa non serán, pero vasalos xenuflexos non os hai máis. E xa non digo nada se alguén lles di que de desaparecer o galego nin vostede nin eles serán necesarios, o pouco que vai quedar poderá levalo o goberno central poñendo aquí un encargado de obra. Mesmo vostede que tanto respecto ten por Castelao a quen cita día si e día tamén, podería dicirlles aos seus subordinados e ás familias galegas que “se aínda somos galegos é por obra e graza da lingua”.
Para que as familias valoren a nosa lingua e sintan que falala e transmitila aos seu fillos é cousa boa, é preciso que vexan que vostedes, os que mandan, tamén a valoran, a usan e llela falan aos seus fillos (ben sei que vostede non os ten, pero é un falar). Que as familias visen que fan campañas de prestixio da lingua nesa prensa que tantos favores lle debe a vostede, que sempre foi xeneroso con ela. Que lles esixe aos xornais que, a cambio de tantos cartos, acepten o bilingüismo de 50 % que vostede predica. Ou que as radios que se concederon co compromiso de facer unha boa parte da súa programación en galego, cumpran. Con isto as familias xa terían algo de prensa en galego e nas casas escoitaríase a lingua de Galicia.
Tamén tería que ditar normas polas que fose obrigatorio no comercio o mesmo nivel de galego que hai para a “imposición lingüística” do uso do castelán, e dito isto, xaora, en defensa da liberdade dos clientes que verían igual trato para as dúas. Igual habería que facer para a xustiza, para o notariado, para a banca... mesmo para a igrexa, pero aí xa non sei se manda vostede, o que pasa é que o digo porque como anda sempre todo revolto.
Podería eu seguir a lle escribir páxinas e páxinas cousas que pode facer por, pero é innecesario. Vostede ben sabe o que hai que facer para desarmar a tendencia maligna de que as familias rompan a cadea da transmisión do idioma, mesmo hai malvados que din que o sabe tan ben, que por iso non o fai, pero iso dino eses, non eu. Eu penso que se quere pode facelo. Se non o fai vostede serán outros, pero alguén o terá que facer. A lingua galega vai prevalecer e vai sobrevivir a vostedes e aos seus descendentes, non lle caiba dúbida que noutras peores se viu e saíu adiante. Son vostedes moi pequenos para acabar con cousa tan grande como é a nosa lingua. Agora falta saber se o vai facer vostede ou temos que ir pensando na remuda.
Fonte: http://www.prolingua.gal/.
[*] Francisco Xabier Puente Docampo, coñecido popularmente como Xabier P. DoCampo, nado en Rábade o 5 de abril de 1946, é un mestre, escritor, contacontos, actor de teatro, guionista e promotor da lingua e a cultura galega, ademais de animador á lectura e experto en bibliotecas escolares. Membro de ProLingua.
__________

Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon