luns, decembro 15, 2014

Concentración, diante das Subdelegacións do Goberno (A Coruña, Lugo e Ourense) e en Vigo diante da sede do PP, contra a criminalización dos movimentos sociais e a represión - Xoves 18 de Decembro - Manifesto Unitario das PAH's e STOP's da Galiza


A coordinadora galega de STOP's e PAH's, ante as continuas actuacións represivas do Goberno contra o movimento anti-desafiuzamentos na Galiza, decidimos convocar mobilizacións, diante das Subdelegacións do Goberno (A Coruña, Lugo e Ourense) e en Vigo diante da sede do PP, para denunciar a criminalización da protesta e a lexitimidade do pobo a defender o dereito humano a unha vivenda digna e adecuada. Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, como integrante da coordinadora galega, participará na concentración que vai ter lugar o vindeiro xoves 18 de Decembro, ás 11 da mañá, diante da sede da Subdelagación do Goberno na Coruña, polo que fai un chamamento á cidadanía a participar en dita concentración.

Hai tempo que as subdelegacións do goberno, perseguen ao movimento opositor aos desafiuzamentos e lanzamentos de vivenda, sen alternativa habitacional, movimento que defende o dereito a unha vivenda digna. As subdelegacións do goberno, envian á policia para defender os intereses do máis forte e intenta desfacer o movimento de solidariedade enchendo-nos de multas e sancións.  Certos de que toda persoa ten dereito a unha vivenda digna e adecuada, cando se produce unha inxustiza como é a perda da vivenda habitual, os poderes públicos teñen a obriga de garantir este dereito e non deixar ás persoas sen un teito onde morar. Mais pola contra a preocupación do poderes públicos, infectados de políticos corruptos ao servizo de especuladores, non é a procura dunha alternativa habitacional, senón que se preocupan só de botar ás persoas das súas vivendas, mesmo se son anciáns ou menores, e reprimir e criminalizar aos movimentos de solidariedade e anti-desafiuzamentos.

Hai uns días o Parlamento Español, coa maioría absoluta do Partido popular, deu un paso represivo máis, un paso de xigante, aprobando a Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, a coñecida como Lei Mordaza. Pretenden impoñer un estado policial coa coartada da seguridade cidadá, norma que converte en sancións administrativas o que antes eran faltas incluídas no Código Penal e, xa que logo, sometidas a control xudicial previo. Mesmo contempla fortes sancións a quen impida un desaloxo no lanzamento ou despexo dunha vivenda. Pretenden castigan a solidariedade fronte a un desafiuzamento.

Non máis xente sen casa, nen casas sen xente !
Polo dereito a unha vivenda digna e adecuada!
Participa !!


NÓS NON TEMOS MEDO
MANIFESTO CONTRA A CRIMINALIZACIÓN DOS
MOVEMENTOS SOCIAIS E A REPRESIÓN


Movemento, de moverse. De non parar. De poñer a cada pouco un obxectivo máis alto que construír entre todas e todos. Soñamos alto porque temos a convicción absoluta de que imos ser libres. Isto chámase transformación social e, ollo, hai xente detrás. A cada pouco máis xente. A cada pouco máis mans a aprenderen un vello oficio: o oficio de mudalo todo.

A cada pouco máis voces. Esta é a nosa voz: unha voz múltiple, plural, aprendida paso a paso, con dificultade. Unha voz na defensa da vivenda. A vivenda é un ben básico, un dereito, dicimos, que ten que ser recoñecido de maneira universal. Co teito non se negocia. A casa non se expropia. A vivenda non se usurpa. A usura e os dereitos son dúas realidades tan irreconciliables coma o rato e o gato. Os dereitos son a nosa voz.

Eles son eles. Eles son a usura. A rapina organizada. Eles teñen a súa morea de normas que non dubidan en transgredir. Tanto lles ten, que se os dereitos humanos..., que se as resolucións do TSXE..., que se as Valedurías do Pobo..., que se a miseria popularizada ou a dramática situación de pobreza extrema de milleiros de familias... Nada disto lles importa. Só o seu Deus universal, o diñeiro.

Eles son eles. Teñen a súa morea de gobernos deseñados á medida, que fan leis para si, que adoptan acordos que nunca respectarán. Adictos á fotografía oficial, á inauguración, ao banquete febril. Adictos á especulación urbanística e financeira, á desvergoña, ao suborno, á prevariación. Cada un dos seus gobernos é un grande teatro no que agardan os nosos aplausos unha vez que se pecha o telón.

Eles son eles, e teñen o seus xuíces e xuízas. Teñen un aparello mecánico enorme chamado de "Xustiza" ao servizo de si mesmos e, por suposto, da súa venerable deidade. Teñen un exército de autómatas asinando resolucións. Estampando o seu selo nunha orde de lanzamento coas mesmas dificultades éticas coas que se decide nunhas rebaixas entre este ou aqueloutro pantalón. Teñen un corpo funcionarial que "funciona coma un reloxo", e que diante da traxedia dunha muller, un home, unha nena desafiuzada, se escusa coa formidable frase de "é o meu traballo". Un viva pola súa integridade ética e a súa innegable achega ao "interese xeral".

Eles son eles, e teñen a súa Policía Nacional. Teñen a súa forza de choque porque nos teñen pánico e seguen a pensar que quen treme de medo somos nós. Porque eles cren que as detencións, as malleiras, as identificacións arbitrarias, as malleiras outra vez, as multas desproporcionadas, as malleiras máis unha vez, van deter a marcha da historia. Pero a historia non se detén. Eles teñen medo, por iso se parapetan detrás de exércitos monolíticos, detrás das súas reformas penais, detrás das súas Leis de Patada na Porta e Patada na Boca malchamadas de Seguridade Cidadá. Así son eles, e a violencia contra a maioría social é o seu método, cren, máis eficaz. Así de patético é o triste drama da súa inminente derrota, da súa descomposición.

Criminalízannos. Píntannos cornos e orellas picudas. Ás veces rabo. Pechan os nosos locais. Rexistran as nosas sedes. Irrompen nas nosas manifestacións. Interveñen as nosas comunicacións. Trafican con millonarias sumas novas e informacións que non son tal. Crean un relato impresionante no que eles, miseria e covardía, se apresentan como os heroes dunha democracia que nunca deixaron nacer. Pero ese conto, esa bonita literatura requintada coa que durante tantos anos empreñaron os nosos ouvidos, xa ninguén a cre.

Aquí estamos nós. Sufrimos e sen embargo, sabemos bailar. Golpéannos e empúrrannos pero sempre hai unha man coa que se levantar. Expúlsannos das nosas vivendas pero sabemos defendernos cos nosos propios corpos e a cada vez somos máis persoas as que permanecemos en pé. Recórtannos e anúlannos pero é tan forte a nosa voz que nin o seu ruído mediático a consegue apagar. Agréndennos pero é tan firme a nosa convicción do noso lexítimo dereito a resistir que volvemos a camiñar. Sepárannos pero non hai pegamento mellor do que a nosa atracción pola comunidade e o ben colectivo. Pola transformación.

Ollade para nós. Nós non temos medo. Mirádenos de frente. Estes son os nosos rostros.  Velaquí vedes e sentides a nosa felicidade. Esta é a nosa felicidade a pesares de. A pesares da vosa desvergoña, a pesares de que nos roubedes unha e outra vez, a pesares de quen nos malledes, a pesares de que nos silenciedes. Esta é a nosa felicidade, a felicidade da xente que construímos a unha coa outra, custe o que vos custe, un mundo mellor.

Imos amodo porque imos lonxe. Nos nosos pasos non hai terror. Somos quen. Confiamos nas nosas propias forzas. Poderedes arrincar as flores pero non poderedes deter a primavera. Esta é a nosa decisión e o noso camiño e non hai cancela ou valo que o vaia parar.

Galiza, a 1 de decembro do 2014.

Plataformas de Afectad@s pola Hipoteca e Colectivos Stop Desafiuzamentos de Galiza.

-

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra
Está Adherida ás PAHs e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs
Dereito a unha Vivenda Digna e Adecuada

Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

Páxina no facebook:
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra
https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol
__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon