Alcoa, non podemos consentir nin un só despido. | A eurodeputada Lídia Senra cualifica de "intolerábel" a "chantaxe" que a empresa está facendo á sociedade. | Denuncia que Alcoa está utilizando á plantilla como "refén" na negociación | A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra considera que a chantaxe que estes días estamos vivindo na Galiza e noutras partes do Estado por parte da multinacional Alcoa "pon de manifesto varios aspectos interesantes aos que debemos prestar atención".
En primeiro lugar, sinala, "demostra que as políticas de privatización só serven para traspasar empresas e recursos públicos ao gran Capital". Ese é o caso precisamente desta multinacional, que conseguiu facerse ca concesión no ano 1998 a través do proceso de privatización de Inespal.
En segundo termo, a situación de Alcoa revela as incongruencias do recorrente mito da eficiencia, habitualmente empregado para argumentar as decisións de privatizar en base á suposta maior eficiencia da empresa privada en comparación ca xestión pública. No caso de Alcoa, observamos que, a conta do erario publico, esta empresa leva anos gastando entre o 40 e o 50% da enerxía que se consome na Galiza, pero pagándoa a un terzo do prezo de calquera usuaria normal. Polo tanto, "se Alcoa pagase a electricidade ao prezo normal perdería competitividade", sinala Senra, "é mentira que sexan máis eficientes, o que realmente sucede é que a súa eficiencia baséase en seguir sacando das arcas publicas, é dicir, de todas e todos nós".
A eurodeputada de AGEe veo claro, "estamos diante dunha nova chantaxe na que, nun momento de crise como a que estamos a vivir, Alcoa toma aos traballadores e traballadoras como reféns para chantaxear á sociedade, para que consintamos e xustifiquemos a costa de todas e todos nós o abastecemento de enerxía a prezos de ganga". De feito, co seu posicionamento Alcoa busca facernos responsábeis da decisión de pechar para irse a outros lugares; "unha decisión que con toda seguridade ten xa tomado para instalarse onde os salarios, as condicións laborais e os custos sexan moito menores que aquí", advertiu. Esta é a clave na que traballa Alcoa, o seu problema non son as perdas, senón querer gañar máis.
Dende AGEe valoramos que, a través deste conflito que vén de crear a empresa, Alcoa busca engordar os beneficios do accionariado e do gran Capital, sen importarlle os milleiros de familias que este inverno non poderán nin prender a calefacción porque os intereses dese mesmo Capital deixaronas sen traballo, sen fogar e, no mellor dos casos, baixo un teito prestado. Aliás, abondou Senra, "tampouco lle importa a Alcoa os milleiros de PEMES e explotacións agrarias asfixiadas, entre outros motivos, debido ao custo enerxético imposto á súa actividade".
A Alternativa Galega de Esquerda, considera que a enerxía é un ben común, imprescindíbel para a vida, ao que toda a poboación e as empresas deben ter garantido o aceso. Pero para que se cumpra este axioma humano fundamental, "cumpriría que tanto os gobernos como a Unión Europea, en base ás súas competencias, non consintan nin unha soa chantaxe por parte das grandes empresas, nin coa enerxía, nin coa fiscalidade, nin con ningunha outra cousa", sentenciou.
Por iso dende AGEe demandamos a retirada inmediata do expediente de extinción de Alcoa, garantido o mantemento de todos os postos de traballo. E, no caso de que este expediente seguira adiante, "tanto a Xunta como o goberno do Estado deben esixir a devolución de todos os beneficios e diñeiro público que percibiu esta empresa, e empregalo en xerar postos de traballo para a xente que ten empregada na actualidade".
Por outra banda, dende a perspectiva da soberanía enerxética dos pobos, Senra demandou "elaborar políticas industriais e de desenvolmento con criterios de redución de consumo e de eficiencia enerxética", así como o desenvolvemento de enerxías renovábeis "con proxectos que non ameacen o medio nin outras actividades", garantindo por exemplo que estas políticas enerxéticas "non se fagan a costa de reducir a base territorial, imprescindíbel para garantir a Soberanía Alimentar dos nosos pobos".
Por último, a eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, quere trasladar ás traballadoras e traballadores de Alcoa a súa máis fonda "solidariedade e apoio" nesta loita.
[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde.
Máis información:
Lídia
Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en
Europa-GUE/NGL |Tlf: 609 845
861, | lidia.senra@europarl.europa.eu |
- http://www.europarl.europa.eu/
- https://twitter.com/LidiaSenra
- https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez
- http://lidiasenra.com/
- http://www.youtube.com/channel/UCJtR1TGcqGxleFqIDmKICBQ
- http://www.guengl.eu/
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon