venres, decembro 12, 2014

Crónica do 11 de decembro: e Feijóo non apareceu


Desde moi cedo, furgonetas policiais de antidisturbios chegadas da Coruña, ocuparon as rúas de Ferrol. Fileiras de operarios de Navantia, de Fene e Ferrol, saían en marcha para protestar ante o desmantelamento do naval na nosa Comarca. Promesas incumpridas, miles de traballadores e traballadoras do sector en paro, agardan un aumento da carga de traballo, para ocupar un posto nos estaleiros. O remate do veto á antiga ASTANO, non levanta expectativa ningunha. O que tería que ser un feito de esperanza, ve-se como un feito desolador e se asume con resignación. A marcha polas rúas de Ferrol, de case 2.000 traballadores e traballadoras do naval, parou diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia, na Praza Amada Garcia, custodiado por ducias de policías armados, onde se concentrou a protesta do naval. Onte precisamente soubo-se que o executivo da administración e empresa pública que máis cobra do Estado é o Presidente da SEPI (Ramón Aguirre), entidade que non é capaz de conseguir un só contrato para o sector naval da ría de Ferrol.

Pola tarde, agardaba-se que o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, participara na entrega do Premio Novo Empresario de Galicia, no Teatro Jofre, mais este no apareceu polo acto de Ferrol, que inicialmente se prevía, xa que até polo de agora o Presidente da xunta apoiaba coa súa presenza a celebración do evento. No seu lugar apareceu o Conselleiro de Industria, Francisco Conde, e por unha porta lateral, non pola principal, entraba o Alcade de Ferrol, José Manuel Rey Varela.

Unha importante e sonora protesta agardaba aos mandatarios do partido da corrupción por excelencia. O Partido Popular, goberna todas as administracións que deciden sobre o noso presente e futuro, o Concello, a Deputación Provincial, a Xunta e en Madrid o Goberno Español.


Desde moi cedo agardaban na Praza de Galiza, diante do Teatro Jofre, mariscadoras e mariscadores sen regularizar que piden un permiso para poder traballar e que agardan polas promesas do Alcalde ferrolán; as mulleres da empresa concesionaria da limpeza dos edificios militares que levan en folga desde o pasado 27 de Outubro e que agora están acampadas no Cantón, pois CLEANET debe-lle varios meses de salarios (o día anterior unha manifestación percorría as rúas de Ferrol en solidariedade coas traballadoras en loita); unha representación dos estaleiros de Navantia, participaron na protesta; así como as Marchas da Dignidade de Ferrolterra. Mais falta forza, falta unidade, falta convicción, para  mobilizar á maioría social agredida, desta Comarca, para poder transforma en algo bon e esperanzador, esta realidade de desemprego, desmantelamento, declive, pobreza e depresión.

Fotos. Avantar e Daniel Alexandre (Diario de Ferrol).
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon