As plantillas de Lantero e Cleanet exporán o seu exemplo de loita e trasladarán as súas reivindicacións á Comisión e ao Parlamento Europeo. | Entrevistaranse ca DX de Emprego da Comisión Europea, ca Comisión de Emprego do Parlamento Europeo, eurodeputadas/os e GUE/NGL. | Os traballadores/as de Lantero levan en folga indefinida dende o 13 de outubro (110 días), as traballadoras de Cleanet dende o 27 (96 días).
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, vén de promover a intervención de representantes das plantillas das empresas Lantero (Vilagarcía)[1] e Cleanet (Ferrol)[2] os vindeiros martes 3 e mércores 4 de febreiro no Parlamento Europeo (PE).
Seis representantes de cada unha destas loitas laborais, en nome de todas as súas compañeiras e compañeiros, exporán na Eurocámara e á Comisión Europea as coaccións ás que se están vendo sometidas por parte das súas respectivas empresas, as accións reivindicativas levadas adiante e as perspectivas de cara ao futuro.
Entre os contactos e entrevistas a manter durante a visita desta dobre delegación, destacarán as xuntanzas o martes 3 ás 18.30hrs. con Serge Le Gal, da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea (CE) e ás 19.30hrs. con Inês Zuber, coda Comisión de Emprego e Asuntos Sociais do Parlamento Europeo (PE).
O mércores 4, representantes de cada un destes conflitos intervirán diante do grupo parlamentario da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) -presidido pola eurodeputada alemá Gabriele Zimmer-, onde está integrada Alternativa Galega de Esquerda en Europa.
Para a deputada de AGEe, "a loita destas dúas plantillas constitúe dous dos máis recentes e salientábeis exemplos de loita e unidade pola defensa dos dereitos laborais e sociais". Lantero, con 110 días en folga indefinida, e Cleanet con 96 "son un motivo de orgullo para a sociedade galega e por iso espertan un fondo apoio na cidadanía".
Entre as accións reivindicativas desenvolvidas durante estes meses por ámbalas dúas plantillas, cabe destacar as multitudinarias manifestacións convocadas polas traballadoras de Cleanet o pasado 10 de decembro en Ferrol e polos traballadores/as de Lantero o 6 de novembro e o 12 de decembro en Vilagarcía.
Aliás, as traballadoras de Cleanet mesmo se mobilizaron na sede do Ministerio de Defensa en Madrid, conseguindo que dita institución cesara o contrato de Cleanet por incumprimento das súas obrigas.
Os traballadores e traballadoras de Lantero, pola súa banda, veñen de lle gañar unha importantísima batalla á empresa, xa que a pasada semana o Xulgado do Social número 2 de Pontevedra, contradicindo as acusacións da patronal, declarou totalmente legal a folga convocada polo Comité de Empresa.
Por esta constancia e unidade na estratexia de mobilización, enfatizou Senra, "estes dous colectivos achegarán ao Parlamento Europeo e á Comisión unha importantísima testemuña da situación de degradación dos dereitos sociais na que o goberno do Partido Popular, en connivencia ca Comisión Europea (CE), o Banco Central Europeo (BCE) e o Fondo Monetario Internacional (FMI), teñen afundido á Galiza e ao Estado español", xa que "loitas como as levadas adiante por estas traballadoras e traballadores son unha inmellorábel mostra da forza e dignidade ca que os pobos do sur de Europa estamos a facer fronte aos ataques do Capital", concluíu a eurodeputada galega.
Bruxelas, 30 Xaneiro 2015.
[1] A plantilla de Lantero fai fronte ca folga indefinida á ameaza da empresa de impoñer un expediente de regulación de emprego (ERE), que conlevaría un total de 41 despidos e 15 externalizacións, así coma unha redución salarial media do 30%. Lantero Galicia, nunha actitude de forte coacción do dereito á folga, contratou nos días previos a facer público o ERE unha empresa externa de seguridade que despregou na fábrica máis dunha ducia de vixiantes de seguridade, 8 escoltas armados e dous cans de raza perigosa, aliás de abrir un "expediente sancionador contraditorio" ao presidente do Comité de Empresa que desembocou mesmo no seu despido. Lídia Senra rexistrou dúas preguntas parlamentarias ao respecto (Fondos Feder e o exemplo de Lantero e Situación de Lantero e dereito á folga -ver NdP160115AGEe-) e denunciou tamén esta gravísima vulneración de dereitos fundamentais a través dunha intervención na Eurocámara.
[2] A plantilla de Cleanet, conformada por 53 mulleres e un home, loita a través da folga indefinida contra a suspensión de pagos imposta pola empresa -aliás da demora dos mesmos dende o inicio da contrata, é dicir, dende o 1 de maio de 2013-, así como as malas condicións nas que tiveron que estar realizando o seu traballo, mesmo con escaseza do propio material preciso para levalo adiante. Aliás tiveron que facer fronte tamén aos ataques do propio Ministerio, nomeadamente á ameaza realizada polo Almirante de Defensa de retirarlles os pases para acceder ao recinto militar, o cal, de terse levado adiante, impediríalles o acceso ao seu centro de traballo. Lídia Senra entrevistouse con elas o 6 de decembro, no marco da acampada reivindicativa fronte á porta do dique no arsenal ferrolán realizada polas traballadoras entre o 4 e o 24 de decembro.
[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde (AGEe - GUE/NGL). | Tlf: 609 845
861 | lidia.senra@europarl.europa.eu
Máis información en:
Máis información en:
- http://lidiasenra.com/
- http://www.europarl.europa.eu/
- https://twitter.com/LidiaSenra
- https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez
- http://www.youtube.com/channel/UCJtR1TGcqGxleFqIDmKICBQ
- http://www.guengl.eu/
Información baseada na enviada por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
30 de janeiro de 2015 18:15
______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon