A proposta de modificación do Convenio de saneamento subscrito por Xunta, Augas de Galicia, Acuaes e os concellos de Ferrol e Narón que formula a introdución dunha ADENDA coa que se conectará o río Inxerto á rede que finalmente foi aprobada polo Pleno Municipal na sesión ordinaria de onte, 26 de febreiro de 2015, último xoves de mes, desenvolveu-se un interesante debate entre os grupos municipais, detratores e defensores do sistema de saneamento que se está construíndo na marxe norte da Ría de Ferrol. Polo seu interese dede Ártabra 21, transcribimos a continuación a nova que publica hoxe o 'Diario de Ferrol'. Mais tamén publicamos a intervención Intervención de Alexandre Carrodeguas no nome da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da Ría e da iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol que non recolleron os medios, pois o Alcalde Rey Varela, decideu que as intervencións veciñais quedaran para o final do Pleno. Volvemos a achegar enlaces de interese e sobre todo os enlaces para acceder/baixar o modelo de recurso contra a nova Taxa de depuración e saneamento.
O saneamento do río Inxerto sae adiante co respaldo do PSOE. | Redacción Ferrol | 27 de Febrero de 2015 | A modificación do convenio reduce intereses pero introduce obras que pagarán os concellos.
A adenda ao convenio de saneamento coa que se conectará o río Inxerto á rede (e con iso a zona da praza Rosalía de Castro, parte da Gándara e Ou Bertón) e reducirase a taxa de actualización (pago de intereses) do 4,5% ao 2%, saíu adiante onte no pleno co respaldo do grupo de goberno, IF e os socialistas. O BNG e EU mostráronse contrarios e protagonizaron os momentos de maior enfrontamento coa portavoz do PP, Martina Aneiros, á que acusaron de mentir aos cidadáns.
Aneiros defendeu que a firma deste apéndice mellora o convenio de 2012 e que "oxalá sufra moitas máis modificacións si todas van neste sentido porque será beneficioso para os ferroláns". "Hai unha redución dunha taxa de actualización, que é como un tipo de interese, e iso é un aforro económico importante, que supera os tres millóns de euros", afirmou. Ademais, explicou que na execución da obra houbo un remanente, uns aforros de fondos europeos, que se van a utilizar para sufragar parte dos seis millóns de euros que custará incorporar o río Inxerto á rede. Os municipios de Ferrol e de Narón pagarán deste montante en torno a un millón, dos que 600.000 euros corresponden á cidade naval, a aportar en 25 anos. "conseguimos que o saneamento sexa unha realidade, conseguimos mellorar as condicións do convenio, conseguimos salvar o xardín da Ranita e agora incorporamos un proxecto valorado en seis millóns de euros". Acusou Aneiros a EU e BNG de non ser "coherentes" coas posturas que mantiñan en 2012 e de manter unha posición "incompatible con defender o saneamento".
Iván Rivas, portavoz do BNG, insistiu en que esta modificación supoñerá que os veciños de Ferrol e Narón, que abonaban o 10% do custo das obras (o outro 10% é de Augas de Galicia e o 80% restante dos fondos Feder), pasarán a pagar o 13%, debido ao millón de euros a maiores polo proxecto do río Inxerto. "Non minta señora Aneiros. Todas estas modificacións van facer que teñamos que asumir nós ou custo dunha obra declarada de interese xeral". Ademais resaltou que calquera gasto máis aló de 2015 correrá por conta dos municipios. Respecto da rebaixa da taxa de actualización, vinculouna ao valor actual do diñeiro e manifestou que calquera movemento que non fose neste sentido sería "usura". Para Rivas o goberno local demostra "unha submisión absoluta ós dictames que a administración estatal lles dita" e "un comportamento colaboracionista e cómplice cunha discriminación ós veciños dá cidade".
Javier Galán, de Esquerda Unida, criticou con dureza a forma na que pagan os municipios de Ferrol e Narón, xa que é Acuaes a que lles cobra, funcionando "como un banco" porque "a directora territorial de Acuaes se acorda agora de que falta un diñeiro para rematar ou que non estaba previsto". Asegurou que "non se van aforrar cartos" e preguntouse como responderán os cidadáns "cando vostedes plantexen unha nova taxa por esta adenda".
Gerardo López Castrillón, portavoz do PSOE, recordou que "aínda queda por acometer o saneamento do río da Sardiña, polo que pediu que non se engane á xente utilizando a palabra saneamento integral". Instou a que se acelere este trámite e se congratulou de que se acordasen de que, sen conectar o río Inxerto, "deixaban á metade de dous barrios e O Bertón sen sanear".
Tamén interveu o ex-alcalde socialista, Vicente Irisarri, quen admitiu que as condicións que se lle poñen a Ferrol son peores que as doutras cidades por "o atraso de vinte anos" e apelou a deixar de manter "unha discusión eterna" porque "hai que defender por encima de todo os intereses da cidade".
---
Intervención de Alexandre Carrodeguas no nome da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da Ría e da iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol.
Sr Alcalde: o pasado xoves 19 de febreiro centenares de veciños e veciñas manifestaron con contundencia a súa rotunda oposición a unha taxa de saneamento inxusta. Dende entón até hoxe son centos os que están dispostos a recorrer un roubo aos xa depauperados petos dunha economía local lastrada polo desemprego.
Queremos denunciar publicamente Sr alcalde a avaliación dos custos utilizada para definir a taxa de saneamento, que como quedou acreditado é moi pouco fiable e xusta, xa que temos constancia doutras valoracións técnicas que conclúen un custe do servizo moito máis baixo.
Parécenos inaceptable que se repercutan na cidadanía valores como a amortización das inversións, os gastos financeiros, o convenio con Acuaes, a provisión para o resto de custos fixos e insolvencias e, Nin aceptamos que as taxas e impostos que tanto nos custa pagar inclúan conceptos como “beneficio do socio privado” como inclúe o convenio asinado polo noso concello.E tendo en conta que esta é unha obra de interese xeral do Estado da que se tería que facer cargo o propio estado. Non pode ser que sexan os veciños e veciñas os que paguen a retribución do socio privado, é dicir que contribuamos entre todos e todas ao beneficio dunha multinacional como ACS-Urbaser que ten como beneficiario último o señor Florentino Pérez. Non podemos nin queremos seguir con esta política dos Barcenas de turno que acaban pagando os sufridos veciños.
Sr. Alcalde: Estamos ante unha taxa-estafa que vai gravar cun custe anual por fogar revisable dun promedio de 76 euros, a todos os veciñas e veciños, taxa que irá incrementándose ano a ano por mor da corruptela dos gobernos de facto. E onde os pequenos negocios como bares e comercios se verán afogados, e as economías domésticas serán aínda máis lastradas o que impedirá o desenvolvemento económico que esta comarca tanto precisa.
Pedímoslle o Sr Rey Varela que por unha vez teña a dignidade de escoitar á cidadanía e retire o cobro desta inxusta e ilegal taxa de Depuración e saneamento.
E moito menos podemos pagala cando na maior parte da cidade se cobra unha taxa sen dispor de ningún tipo de recollida de augas residuais. Como debería saber vostede non se pode cobrar unha taxa sin ir ligada a un feito impoñible, nin se pode cobrar con carácter retroactivo. Nin tampouco existir un doble feito impoñible, xa que que a taxa grava o mesmo servizo que canon de saneamento da Xunta. Vostede ten falado de solidariedade e os veciños decimoslle alto e claro que non pode vulnerar a legalidade.
Imos pois reunir os recursos suficientes para que vostede se vexa obrigado a dar explicacións ante a veciñanza e a auga volva a ser tratada como un dereito cidadán e non como unha mercadoría. Imos chegar ata o final, ata a última instancia xudicial, porque estamos convencidos que nos asiste a forza da razón e non o que vostede nos quere impoñer, a razón da forza.
Temos que recordar que baixo o goberno do Sr Juncal foron denunciadas as contas de Emafesa como fraudulentas xa que existian :
1.- Pagos indebidos por cesión del conocimiento, en virtud de la cláusula nº 21 del Pliego de condiciones para el concurso de selección por el Ayuntamiento de un socio privado para constituir la empresa mixta.
2.- Pagos en exceso en el ejercicio 2003, de las retribuciones del Gerente, en relación con la oferta presentada por dicha sociedad para el concurso de selección de un socio privado.
Denunciadas polo consello de Contas de Galicia e en sentencia do Consello de contas do Estado SENTENCIA nº 2 DE 2013 DE TRIBUNAL DE CUENTAS - DEPARTAMENTO TERCERO, 23 de Abril de 2013 dise que:
"Se cifran en TRESCIENTOS VEINTIDOS MIL OCHOCIENTOS CUARENTA Y DOS EUROS (322.842 €) los perjuicios ocasionados por alcance a los caudales públicos" e acreditase "que las cuentas no respondían a los conceptos que se habían admitido en el Pliego de Concesión".
Que quere Sr alcalde, que os veciños sigan a facer frente a estas contas freudulentas de Emafesa, non lle basta que o seu goberno tiña subido o IBI, o canon de Sogama, que teñamos o precio de transporte público mais alto de Galicia. E todo isto despois de ter prometido conxelar as taxas. Non lle basta?
E a semán pasada para mais inri resulta que o director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira declara no parlamento, segundo a Voz de Galicia que o saneamento da ría de Ferrol non se vai poder completar porque as tecnoloxías de depuración que se están a implantar na ría "poden estar xa obsoletas". Ou sexa que os veciños de Ferrol van a ter que pagar unhas taxas abusivas durante corenta anos e encima por unha depuración obsoleta e deficiente según a propia xunta.
Chegamos tarde mal e arrastro a depuración da ría, fai-se-nos pagar por unhas infraestruturas que debería financiar o propio estado e di-se-nos que non se vai poder completar o ansiado saneamento.
Non parecen pois neste caso moi serias a actuacións das administracións implicadas, empezando pola sua, pois non se pode levar vinte cinco anos falando de saneamento e depuración para finalmente virnos a dicir que vai haber que ir pensando en actualizar e mellorar as infraestruturas que apenas están entrando en funcionamento.
E encima o seu goberno en vez de denunciar e subsanar estes feitos reclamando un saneamento real e integral o único o que se aplica e a cobrar esta taxa inxusta por un servizo inexistente na maior parte da cidade.
Os veciños e veciñas non merecemos este trato, non merecemos unha administración que nos humille, porque unha sociedade decente e civilizada como di Avishai Margalit e aquela que non humilla as persoas suxeitas o poder público. Iso é o que reclamábamos os veciños e veciñas de Ferrol o pasado xoves na concentración contra a taxa do saneamento. Simplemente non ser humillados pola sua administración.
Sr. Alcalde: Solicitámoslle que retire a taxa que ten remitido Emafesa, e que se dirixa aos veciños e veciñas nunha asemblea popular a explicar polo miúdo, desglosado e baseando en datos certos porque teñen que pagar esa cantidade abusiva para un saneamento cun modelo intensivo enerxeticamente, non separativo, totalmente obsoleto, e contrario ao que se está a facer noutras cidades. Porque que a maior parte da cidade ten que pagar unha taxa sen tan sequera estar rematadas as obras do saneamento. Porque pretende recadar tres millóns de euros dunha forma inxusta e ilegal.
O seu concello non debería de seguir a enganar a veciñanza Ferrolá sobre as virtudes dun proxecto obsoleto e desfasado que vai chegar tarde mal e arrastro. E tempo xa doutra política non propagandista que atenda as necesidades reais da nosa cidade, da nosa xente, do noso pobo. Moitos de nós levamos máis de vinte anos loitando por un saneamento integral dunha Ría maltratada, o peirao carboeiro, os recheos e agora a ignominia do trazado Sur do tren ao porto exterior. E non nós imos render, non queremos un saneamento electoralista, queremos un saneamento real, sostible, que respecte os nosos recursos.
Sr alcalde: retire a taxa, escoite ao pobo de Ferrol, que é a quen esta a representar, e centre o seu traballo en menos cartaces propagandísticos e máis saneamento real. Reivindicamos a remunicipalización do servizo porque só dende a xestión pública e integral do ciclo da auga poderemos garantir a necesaria transparencia e eficiencia, e que non se volvan repetir episodios vergonzosos como o cobro desta taxa. E polo tanto hora de acadar o mellor para a nosa xente. Todos os colectivos impulsores desta iniciativa chamamos á cidadanía a rebelarse contra o que consideramos unha estafa, a exercer os recursos aos que teñen dereito para enfrontarse a un goberno impostor e a continuar unha mobilización sostida ata que a taxa sexa retirada. Saneamento, si, pero non así. Taxa-estafa non! Non debemos, non pagamos.
---
Novas de referencia:
O pleno debate a modificación do convenio de saneamento. | Redacción Ferrol | 26 de Febreiro de 2015 | Diario de Ferrol | Ir a web.
Enlaces onde se pode Acceder/Baixar o Modelo de Recurso contra a nova Taxa de depuración e saneamento, en diferentes formatos:
- Modelo de Alegacións en formato pdf:
Acceder/Baixar.
- Modelo de Alegacións en formato libre odt de GNU-Linux:
Acceder/Baixar.
- Modelo de Alegacións en formato pivativo doc de microsoft-windows:
Acceder/Baixar.
Enlaces de interese:
Sitio-e da Iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol:
http://augaesaneamentodeferrol.blogspot.com.es/
Sitio-e da Comisión de Medio Ambiente da Asocición Veciñal de Recimil:
http://www.cidadansversustanquesdetormentas.blogspot.com.es/
Grupo no Facebook Sobre o Saneamento e Depuración de Augas Residuais na cidade - Indignados co recibo do auga en Ferrol:
http://www.cidadansversustanquesdetormentas.blogspot.com.es/
Foto de Daniel Alexandre (Fene, 1977). Fecebook.
_____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon