luns, febreiro 16, 2015

As Marchas da Dignidade da Galiza volven a Madrid, o vindeiro 21 de Marzo, porque "a dor segue medrando" un ano despois


O 22M galego volve a Madrid porque "a dor segue medrando" un ano despois


A Columna Galega das Marchas da Dignidade volverá confluír co resto de columnas do Estado noutra gran manifestación que pretende repetir a enorme mobilización do pasado ano. Será un ano -menos un día- despois. O vindeiro 21 de marzo e tras a marcha que o 22M ateigou as rúas de Madrid porque "as condicións de vida do pobo", segundo esta Columna Galega, non só non variaron senón que "segue medrando a dor e o desastre por todos lados tras anos de políticas contrarias á cidadanía, co incremento da pobreza e da represión".
O 22M volve a Madrid porque, un ano despois, "as condicións da vida do pobo non variaron e segue medrando a dor e o desastre"
Así o asegura o 22M galego no seu manifesto para o vindeiro 21 de marzo, no que denuncia "a complicidade entre o FMI, o BCE e a UE cos poderes políticos e empresarias" para "nos levar a unha situación terrible". Logo de facer un repaso da precaria situación da cidadanía e dos dereitos laborais e sociais, a Columna Galega asegura que volverá a Madrid para "dicirlles aos poderosos" que "xa abonda de nos roubar vivendas, empregos, salarios, pensións, saúde, educación e os dereitos imprescindibles para levar unha vida minimamente digna".

O manifesto insiste en "berrar" tamén contra "o espolio dos dereitos básicos" como "a liberdade de manifestación, a liberdade de expresión, a liberdade de folga, a liberdade sindical, a liberdade de defendernos firmemente das súas agresións e enfrontarnos aos seus intentos de deixarnos sen presente e sen futuro". A Columna Galega, un ano despois de se mobilizar en Madrid, volve denunciar un sistema "corrupto e xerador de desigualdades abismais e de inxustiza social", négase a aceptar "o seu concepto de débeda, que pretende atrapar o pobo nunha escravitude perpetua" e clama por "unha sociedade xusta, libre e igualitara para ter unha existencia merecente de ser vivida".
A Columna Galega das Marchas da Dignidade insiste en denunciar un sistema "corrupto e xerador de desigualdades abismais"
A Columna Galega, ao igual que a coordinadora estatal, "seguirá a exixir" con esta manifestación "a restitución ao pobo dos 120.000 millóns entregados ao poder financeiro, a derrogación da lexislación laboral e de pensións que tanta dor teñen espallado entre  a clase traballadora" ou "a reversión das medidas destrutoras, privatizacións, desmantelamento e recortes dos servizos públicos, tanto en sanidade como en educación, en servizos de emerxencia, en comunicacións e transporte publico e en enerxía".

Ao tempo, reclama "o retorno ao ámbito da xestión pública das empresas de sectores esenciais para a vida e dos servizos sociais e sanitarios", un "dereito á vivenda digna inembargable", "á libre decision sobre a saúde sexual e reprodutiva", a "retirada da lei Mordaza" e a promulgación de políticas "que desenvolvan a nosa agricultura, a nosa pesca, e o noso medio ambiente, como sectores estratéxicos e sustentadores da vida".
A marcha do 21 de marzo será previa a unha convocatoria de folga xeral prevista para outono
Esta nova marcha, que precede a unha convocatoria de folga xeral prevista para o mes de outubro por parte do 22M, chega en pleno ano electoral e celebrarase a mesma fin de semana dos comicios en Andalucía e a dous meses das eleccións municipais. Será unha nova proba de forza para unha Columna Galega que logrou encher o Obradoiro o pasado 29 de novembro e que colleu músculo tras ser impulsada por varios sindicatos como a CUT, CGT, Sindicato Ferroviario ou Sindicato da Elevación e á que se foron sumando organizacións como SLG, STEG, Anova, FPG, Esquerda Unida ou Espazo Ecosocialista, así como de numerosos movementos sociais e veciñais, plataformas de Stop Desafiuzamentos, Frente Cívico, colectivos feministas, Ecoar ou a Plataforma Galega de Artes Escénicas, entre outros.

Reportaxe de Miguel Pardo | @depunteirolo en Praza Pública. | 15.02.2015

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info]. | Licenza Creative Commons by-sa.
---


Contacta coas Marchas da Dignidade Ferrolterra enviando un correo a
:
  • marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com
ou chamando ao telefono:
  • 603 213 863


Ferrolterra:
http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/
Galego:
http://marchasdadignidade.blogspot.com/
Estatal:
http://marchasdeladignidad.org/
Redes da Columna Galega:
https://twitter.com/galizaMarcha22M
https://www.facebook.com/MarchasDignidade
https://www.facebook.com/groups/265451853621237/
https://www.youtube.com/channel/UCaOvAhPYKR43taxbOKCCreg

PAN, TRABALLO E TEITO - Á RÚA, QUE XA É HORA!!!

_____________ ___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon