Por Xosé María Dobarro [*]
11.02.2015
Dado que toda a miña infancia e adolescencia transcorreu en Ferrol, nunha cidade moi marcada polo filofascismo franquista, nunha cidade na que, a maior abundamento, nacera o propio ditador, foi un pouco tardiamente que descubrín o que era unha asemblea. Tal feito veu acontecer en Compostela, outra cidade onde o bafo do rexime ditatorial se manifestaba a través do inmenso peso que a poderosa igrexa católica exercía sobre a cidade. A misa dominical do mediodía, nunha catedral ateigada de xente, así o manifestaba ben ás claras. Mais o Santiago daquel tempo, como o de séculos antes e o de hoxe mesmo, tiña unha Universidade, moi familiar e basicamente das clásicas, das denominadas literarias, que, abría a mente, entre outras razóns porque acollía mozos e mozas de acó e de acolá, e onde o acolá podía ser Venezuela, Bolivia, Siria, Palestina, Asturias, Navarra, Castela ou o País Vasco. Xentes de posibles, claro, abundantes ou escasos, mais con posibles, porque, como é público e notorio, os pobres nunca puideron ir á Universidade. E iso que aínda non apareceran en escena nin o PP co seu ministro Wert de mestre de cerimonias universitarias. Pois ben, cando cheguei a estudar a Santiago, outubro de 1968, había poucos meses que tiveran lugar relevantes protestas universitarias en moi diferentes lugares do planeta. Santiago un deles, onde o movemento estudantil fora reprimido non só con detencións e porrazos senón tamén coa apertura de expedientes a aqueles discentes que destacaban na pelexa. E uso só o masculino porque creo que non houbera ningunha rapaza expedientada, sen dúbida por sorte ou porque finalizaran os estudos nese curso, porque na vangarda vangarda coñecín a máis dunha e dunha ducia. Tamén licenciaran un grupiño de rapaces, líderes destacados. Ós expedientados só se lles permitía pisar as instalacións universitarias para acudir ós exames das materias en que estaban matriculados por libre. Ás poucas semanas de comezar o curso souben dunha asemblea, naturalmente clandestina, que ía ter lugar nunha aula da Facultade de Filosofía e Letras, ás 8 da tarde –cando acababan as clase dos dous primeiros cursos, que eran pola tarde– e á que asistiría un dos expedientados da Facultade: Alberto Reverter. Fíxose a asemblea sen problema ningún e cando xa estaba a acabar, xa perto das 10, apareceu todo apurado un compañeiro que cando estaba saíndo do edificio puido ver como a policía político-social estaba a pedirlle o carné a outro colega que estaba saíndo xusto diante del. Como a policía, sen permiso do reitor, non pisaba as instalacións da Universidade, puido recuar e avisar do que estaba a acontecer. Como saír pola porta supuña identificación segura e logo..., encabezados polo dinámico José Gómez Alén dispuxémonos a procurar outra saída ou a ficar a dormir alí se non pedían permiso para vir a por nós. Había, como dixen, un expedientado vulnerando a lei. A saída apareceu nas aulas de Dereito, na planta baixa, que daban ó mercado e que tiñan as xanelas abertas por estárenas limpando. E aló fomos todos a correr para e pola rúa. Ese día, fóra tamén dalgún medo, descubrín que unha asemblea era un acto no que unha ou dúas persoas introducían brevemente un tema e a continuación os presentes que o estimaban oportuno falaban do que lles parecía. Se había consenso avante popolo e se había propostas diverxentes votábase e cada un marchaba por onde viñera. O que naquelas asembleas non había eran carretes de dirixentes acaparando o tempo nin censuras na expresión. Comportamentos deste estilo vinos descubrir non hai moito. Mais iso xa é outra historia. Supoño que comportamentos diferentes dos que acabo de citar, exceso de dirixismo e coerción, que están moi lonxe do espíritu que debe encher o ámbito das asembleas, obedecen a eivas de comportamento derivadas dunha moi escasa ou nula participación en encontros destas características nos anos de formación como individuos. É difícil, aínda que non imposible, aprender a nadar ou a andar en bicicleta por riba de certas idades. Neste asunto, e noutros semellantes que se nos poidan ocorrer, tampouco a adaptación é doada, e tampouco imposible. En querendo...
Publicado no Diario de Ferrol | 08.02.2015
[*] Xosé María Dobarro Paz (Ferrol, 1950), escritor, articulista, profesor, activista cultural e político. Na súa xuventude militou no PCG, e posteriormente no nacionalismo-popular galego, sendo militante da UPG e foi Presidente da Sociedade Cultural Medulio e divulgador da figura de Ricardo Carvalho Calero. Foi catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña. Na actualidade é coordinador comarcal de Esquerda Unida.
Enviado por:
André Abeledo Fernández
Dede o facebook
https://www.facebook.com/loboroxo
_________

Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon