quarta-feira, fevereiro 04, 2015

Deixou-nos Ramón Capotillo Leal


Por medio de Fuco Buxán A.C. recebemos a noticia do falecemento de Ramón Capotillo. Mediante unha nota manifestaban o sentimento de comunicar que o pasado domingo, 1 de febreiro de 2015, "faleceu o noso compañeiro Ramón Capotillo Leal, amigo e socio". Lembraban  o seu compromiso social desde hai décadas, foi un dos protagonistas de Marzo do 72 que continuou na súa actividade sindical, social e veciñal. Non só era socio de Fuco, senón que desenvolvía un traballo social e cultural; apoiando as hortas urbanas de Canido, na asociación veciñal do seu barrio e na asociación cultural 'Muíño do Vento'. Precisamente o 27 de xuño de 2013 participaba na sección Parladoiro ao Serán,  no que foi presentado por Eliseo Zaera. Parladoiro do que hai un resumo de interese na web da citada asociación, onde se fai referencia a que, o finado compañeiro, ten escrito as súas memorias (daquela aínda sen publicar, non sabemos ao día de hoxe). Pensamos que un bon xeito de lembrar a Capotillo, pode que sexa transcribir o que contaba no citado Parladoiro e con que sentimento, onde comezou o relatorio expoñendo parágrafos escolmados do libro das súas memorias: "Exposición moi emocionada que partiu das lembranzas das primeiras andainas arredor de vivencias familiares. Lembranzas dos pais, da tía Concha, de Manolita, do curral de Chicha… E do medrar no barrio de Canido, barrio obreiro e labrego. Lembranzas das dificultades da vida en tempos da "Longa noite de Pedra" que, máis aló da nostalxia , aínda hoxe o paso do tempo non puido borrar. Lembranzas dos moitos traballos, os repetidos xantares (outra vez castañas!…), os poucos vagares, as continuas preocupacións dos trafegos cotiáns, do dificultoso ir indo".  Seguen escribindo desde 'Muíño do Vento':  "Mais tamén lembranzas dunha infancia de xogo. Xogos na rúa, nas hortas, nos moitos espazos que aínda o simbiótico barrio de Canido gardaba para o lecer sen horas da rapazada. E a mocidade na Cabana, en Chamorro ou na Malata. Malata, Malata, lugar de baño, de convivio, de novas aprendizaxes, rincón sempre añorado. Cantas aventuras na Malata!". Logo xa escriben, seguindo as súas memorias, pinceladas dun Capotillo aprendendo, na loita, comprometido e maduro: "O paso do tempo. A escola. A Bazán. A loita pola Democracia. O Comité de Empresa. Os amigos. A familia. O río da vida. A poesía de A. Machado. As vellas cancións e a nova xeira na vida do barrio co novo compromiso".

As compañeiras e compañeiros de Fuco, non só fan referencia a seu compromiso coa asociación Agavida (Asociación Galega Vítimas do Amianto), senón que din que "Ramón foi vítima, como tantos traballadores de Ferrolterra, da asbestosis, dunhas condicións de traballo que non tiveron en conta a saúde e a vida das persoas". E por último manifestan un sentido recordo da "súa compañeira, a nosa querida Marichy Cuadrado, aos seus fillos, Moncho, Jorge e Pere, a súa familia e amigos a nosa aperta de solidariedade".

Capotillo dicía de si mesmo que era un "xubilado resentido", a así se presenta na súa conta de twitter @pardinas19. É moi significativa a carta que lle envía ao seu fillo Pere  e que este publica no seu blogue. Logo de ver un programa de Jordi Évole sobre o 23-F de 1981, fai unha, aínda que triste, moi interesante reflexión política datada no 24 de febreiro de 2014, que convidamos a ler no blogue de Pere. Onde, despois de pasado o tempo, das súas vivencias persoais dese 23, di: "Hoxe, inocente de min, ao contemplar a parodia con tan significados actores protagonizando-a, crinma. Chorei desconsoladamente ao crerme vítima de tan grave engano".

Non queremos rematar sen facer referencia a súa defensa do ser galego, de ser iguais mais diferentes, contra os tópicos reaccionarios ante un artigo dun tal Jaume Mariné que escribeu, en Xuño de 2003, en 'El Diari de Tarragona', titulado "Digues Gallego" (Di Gallego). Artigo (en catalán) cuxa tradución ao galego pode-se atopar aquí. A moi interesante réplica de Capotillo pode-se atopar nestoutro enlace. Mais non renunciamos, agora, a transcribir o final do mesmo: "Tamén pensaba que vostede, Sr. Mariné, esqueceríase do tópico e que mentres vivise non volvería repetilo. Pense que a inxustiza e os grandes voceiros do réxime, como outrora, cominan a insultar aos periféricos, aos que somos distintos, aos que temos cultura propia, aos que sempre intentamos levantarnos, aos que seguimos, utopicamente, esperando a ansiada liberdade".

As compañeiras e compañeiros de 'Muíño do Vento', dispoñen dun audivisual a xeito de resumo da vida de Ramón Capotillo que foi proxectado no xa citado Parladoiro do Serán que sería interesante difundir.

Foto tirada da web da Asociación Cultural de Canido 'Muíño do Vento'.

Desde Ártabra 21 compañeiro, contigo pola ansiada liberdade.

Información baseada na enviada por:
A.C. Fuco Buxán Fuco Buxán
-fucobuxan@gmail.com-
2 de fevereiro de 2015 11:17
http://www.fucobuxan.net/

_____________________

1 comentarios so far

Grazas compañeiro.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon