domingo, marzo 22, 2015

A Columna Galega das Marchas da Dignidade volveu a Madrid este 21M


Milleiros de persoas enchen Madrid de dignidade

Milleiros de persoas participaron nunha nova mobilización masiva das Marchas da Dignidade, polas rúas de Madrid e baixo a chuvia. Seguramente non se repetiu a participación que se rexitrara en marzo no pasado ano, pero dende a organización sublíñase que na marcha deste sábado partiparon varios centos de milleiros de persoas. Na praza de Colón confluíron as nove columnas chegadas dende todos os territorios do Estado, entre elas a galega, que partiu da estación de Chamartín. Moitas das intervencións lanzadas dende o palco lembraron a situación de "emerxencia social" que segue a vivir España e subliñaron que "ademais de gañar as eleccións, hai que gañar o poder, e que este se gaña nas rúas". As Marchas da Dignidade promoven a convocatoria dunha folga xeral para o 22 de outubro.

Na manifestación, convocada por máis de 300 organizacións, participaron tamén numerosos líderes políticos e sociais, coma Alberto Garzón, Cayo Lara, Íñigo Errejón, Joan Herrera, Yolanda Díaz, Julio Anguita ou Diego Cañamero. Na manifestación, vixiada por máis de 1.100 policías, mesturáronse reivindicacións de todo tipo, dende as máis directamente ligadas á economía, a pobreza e o emprego, ata as demandas dun ensino e unha universidade pública e de calidade, ou as relacionadas coa sanidade, coa participación moi destacada dos e das afectadas pola Hepatite C.

Xa na Praza de Colón, soando pola megafonía cancións coma o Grândola, vila morena de José Afonso ou o Himno a la Libertad de Labordeta, interviron representantes de cada unha das columnas territoriais. Pola columna galega tomou a palabra Mónica Caamaño, que afirmou que "as mulleres e homes galegos queremos sumar a nosa voz e determinación, o noso lume, para que colectivamente sigamos construíndo futuro, para saír ao rescate das nosas vidas, porque é urxente inventar a alegría, e para iso queremos sumar mares e mareas". "No último ano vimos como a execrable coartada da crise, que xustificaba a política de recortes, foi substituída por unha falsaria recuperación económica como parte dunha maquinaria electoralista. Pero a realidade é outra", sinalou.

"Están afogando a cidadanía con miseria e inxustiza, amordazan a liberdade, están saqueando a sanidade e a educación pública, ao tempo que a súa corrupción rega as rúas de desigualdade", continuou. "Mesmo están enterrando a palabra: en Galicia están ensaiando un lingüicidio", engadiu, citando a continuación a Celso Emilio Ferreiro. "É urxente inventar a alegría, este é o gran cometido das Marchas da Dignidade, co noso berro de 'Pan, traballo e teito', é urxente a nosa unión para devolverlle as estrelas a este pobo que morre de esperanza. Adiante as Marchas da Dignidade. Na fronte unha estrela, no bico un cantar", pechou.

A súa intervención uniuse a un manifesto xeral das Marchas e a outros discursos, que tamén se referiron criticamente ao TTIP, aos recortes, ao pagamento da débeda ilexítima ou ao artigo 135 da Constitución modificado por PP e PSOE. De igual xeito, no manifesto galego das Marchas da Dignidade sinalábase a necesidade desta mobilización porque non último ano "as condicións de vida do pobo" non só non melloraron senón que "segue medrando a dor e o desastre por todos lados tras anos de políticas contrarias á cidadanía, co incremento da pobreza e da represión".

Por Marcos Pena en Praza Pública.

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info]. | Licenza Creative Commons by-sa.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon