luns, marzo 30, 2015

A Comisión Europea investiga o posíbel incumprimento da Directiva europea sobre tratamento de augas na Ría de Ferrol - Lidia Senra reclama que, no caso de existir sancións, estas estean orientadas a subsanar os danos e non simplemente a "pagar por contaminar"


A CE investiga o posíbel incumprimento da Directiva europea sobre tratamento de augas na Ría de Ferrol. | Resposta a unha pregunta de AGEe sobre a contaminación da Ría de Ferrol por parte de Forestal del Atlántico ca complicidade da Xunta. | Lidia Senra reclama que, no caso de existir sancións, estas estean orientadas a subsanar os danos e non simplemente a "pagar por contaminar".

A Comisión Europea (CE), a través do Comisario de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, Karmenu Vella, vén de confirmar a Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) que está a investigar o posíbel incumprimento por parte do Estado español dos  requisitos sobre o tratamento de augas residuais establecidos na Directiva 91/271/CE[1] en relación ás "aglomeracións urbanas" Ferrol-Narón e Ares-Mugardos-Fene[2].

A eurodeputada de AGE denunciou diante da Comisión Europea, a través dunha pregunta parlamentaria escrita[3] rexistrada no mes de xaneiro, a irresponsabilidade do Goberno da Xunta ao ter concedido o pasado 25 de febreiro unha autorización ambiental integrada  ao complexo industrial Forestal del Atlántico que lle permite verter cerca de 27 millóns de toneladas anuais de residuos contaminantes durante oito anos, obviando o Goberno galego o feito de que a depuradora ubicada na parte sur da ría unicamente ten capacidade para tratar aproximadamente seis millóns de toneladas ao ano.

Pola súa banda, a CE sinala na súa resposta a responsabilidade dos Estados de garantir que "tanto as empresas como as autoridades competentes adopten as medidas apropiadas para cumprir as condicións aplicábeis aos permisos e que se respecten as normas de calidade medioambientais, incluso recorrendo a inspeccións e sancións en materia de medio ambiente".

Sen embargo, cómpre lembrar tamén que nos últimos anos a Comisión Europea ten iniciado varios procedementos de infracción contra o Estado español, sendo determinado polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea o incumprimento da Directiva sobre moluscos no ano 2005 (asunto C-26/04) e, no ano 2011, a Directiva sobre o tratamento de augas residuais (asunto C- 343/10) e a Directiva Marco sobre o auga (asunto C403/11).

Para a eurodeputada Lídia Senra,  as sancións por incumprimento de normativas europeas, en lugar de ter como única consecuencia o retraemento de recursos públicos, "débense materializar na resolución do problema causado; os Gobernos non deben entrar na dinámica de poder destruír o medioambiente a cambio do prezo estipulado nunha sanción, iso é como pagar polo dereito a contaminar", denunciou.

Bruxelas, 30 de Marzal 2015. 

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://lidiasenra.com/

[1] DO L 135 de 30.5.1991, pp. 40–52.
[2] Resposta da Comisión de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca: Acceder.
[3] Pregunta de Lidia Senra. PE Autorización ambiental integrada a Forestal del Atlántico 15-01-15 gal.pdf | Acceder/Baixar.

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
30 de março de 2015 17:43
_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon