martes, marzo 31, 2015

Grupos scouts de toda Galiza realizan unha actuación de voluntariado ambiental na praia Grande erradicando plantas invasoras e recollendo lixo


Grupos scouts de toda Galicia realizan unha actuación de voluntariado ambiental na praia Grande erradicando plantas invasoras e recollendo lixo


MIÑO, 30 DE MARZO DE 2015

Na pasada fin de semana, grupos scouts de toda Galicia, membros da Federación de Scouts-Exploradores de España (ASDE), estiveron a celebrar en Boebre a súa concentración anual. Respondendo a unha invitación de Fragas do Mandeo de facer voluntariado ambiental na bisbarra, decidiron aproveita-la ocasión para colaborar na erradicación de especies exóticas invasoras e na retirada de lixo da praia Grande de Miño.

Os scouts chegaron o domingo día 29 á praia ás 10:30 horas, onde recibiron explicacións sobre o ecosistema dunar e a flora autóctona especializada en sobrevivir no ambiente areoso e salino. Coñeceron tamén o grave impacto que supón a invasión de especies exóticas, pois están consideradas unha das principais causas de perda de biodiversidade a nivel planetario. Con respecto dos plásticos que compoñen a maioría dos refugallos presentes na praia, foron informados de que causan anualmente a morte dun millón de aves mariñas e de 100.000 mamíferos e tartarugas mariñas. Os 52 voluntarios, entre os que tamén se contaban sete voluntarios de Fragas do Mandeo e cinco empregados do concello que axudaron nos traballos, dividíronse en equipos repartidos polas dunas da praia para arrincar manualmente varias manchas de especies exóticas: uña de gato (Carpobrotus edulis), vinca (Vinca difformis), plumachos (Cortaderia selloana), crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora), margarida africana (Arctotheca calendula), yuca (Yucca gloriosa) e lirio azul (Iris germanica). Deste modo evitaron que estas plantas sigan colonizando as dunas, desprazando no seu avance a vexetación autóctona.

Unha vez rematado o traballo coas invasoras, percorreron a praia recollendo lixo e continuaron polas dunas até deixar limpo todo o areal, marchando ás 18:30 horas coa satisfacción do deber cumprido.

O resultado desa xornada de voluntariado foron cinco tractores de restos vexetais de invasoras, refugallos e leña. Non se rematou con tódalas especies exóticas invasoras, pero deuse un enorme pulo na mellora do estado de conservación desta praia que está proposta oficialmente para formar parte da Rede Natura na súa futura ampliación.

Tódalas especies exóticas erradicadas son plantas usadas en xardinería. Por iso os organizadores insisten na importancia de que os veciños tomen conciencia do problema e non tiren restos vexetais dos seus xardíns en calquera lugar, se non que os destrúan e fagan con eles abono para o xardín.

Os scouts son un movemento xuvenil que promove un sistema de valores co obxectivo de construír un mundo mellor, máis xusto e solidario. As actuacións en favor da conservación do medio ambiente forman parte do seu ideario de servizo á sociedade a través da responsabilidade persoal e comunitaria.

Fragas do Mandeo agradece ós scouts —así como ó Concello de Miño e ós voluntarios que se sumaron á iniciativa— o seu esforzo pola conservación dos nosos espazos naturais.

FUNDACIÓN F RAGAS DO M ANDEO
Marea de scouts en Miño

Remitimos en ficheiro adxunto unha nota de prensa da actividade de voluntariado ambiental realizada onte domingo día 29 na praia Grande de Miño na que participaron scouts de toda Galicia. Acompañan tamén algunhas fotos.

Fernando Bandín
Fundación Fragas do Mandeo
Información enviada por:
Fragas do Mandeo
-correo@fragasdomandeo.org-
30 de março de 2015 23:38
Esperando que sexa do seu interese, reciban un cordial saúdo.
______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon