sábado, marzo 07, 2015

AGEe reivindica a posta en valor das vitorias do feminismo e a súa categoría de "ferramenta fundamental" para rematar co patriarcado e a "lacra" machista


Día Internacional das Mulleres: Feminismo para avanzar. Xuntas nunha mesma loita. | AGEe reivindica a posta en valor das vitorias do feminismo e a súa categoría de "ferramenta fundamental" para rematar co patriarcado e a "lacra" machista. | Lídia Senra participará o vindeiro domingo na mobilización convocada pola Marcha Mundial das Mulleres (MMM) en Santiago de Compostela.


Ás portas dun novo 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, dende Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe)[1] queremos aproveitar a conmemoración desta data para subliñar "a importancia determinante do feminismo e da articulación das mulleres en redes de apoio social, como un dos nosos logros máis grandes e como ferramentas fundamentais cas que camiñar cara a destrución do patriarcado capitalista e, en xeral, da lacra social que supón o machismo", en palabras da eurodeputada de AGEe, Lídia Senra.

A crise social que estamos a padecer os pobos de Europa por mor da estafa argüída entre poderes políticos e financieiros, impoñendo a restrición de dereitos e liberdades e o recruecemento da explotación de man de obra e recursos naturais para o  Capital, revelou que "a austeridade económica foi empregada como escusa para eliminar os organismos públicos especializados en políticas de igualdade", analizou a deputada de AGE en Europa.

De feito, a nivel europeo, en países como Grecia, Portugal e o Estado español os recortes no público afectaron sobre todo a sectores feminizados, tales como a educación, a sanidade e os servizos sociais, agudizando a penalización sobre las condicións de vida das mulleres.

Ademais, como sinalou o Parlamento Europeo nunha resolución aprobada en marzo do ano 2013, situacións de crise social como a que estamos vivindo dende o ano 2008 no sur de Europa favorecen o acoso, abuso e violencia machista en tódalas súas formas, sendo ademais as mulleres e as nenas/os as que sofren as consecuencias máis duras dos recortes en políticas públicas e sociais.

Así, e malia a que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a día de hoxe o 38% dos asasinatos de mulleres que se producen no mundo son cometidos por homes cos que formaban parella, no Estado español, segundo os últimos datos do Ministerio de Igualdade, son neste momento 5.553 homes os condenados por violencia machista, unha cifra sorprendentemente baixa se temos en conta que so entre xaneiro e setembro de 2014 houbo 95.311 denuncias, dato que ascende á alarmante cifra de  1.020.746 de denuncias se observamos o período 2007-2014.

Para Senra, a supresión de institucións orientadas á aplicación de políticas de igualdade "evidenciou que o Estado español en absoluto ten asumido a súa responsabilidade de goberno con respecto ao avance en materia de igualdade e xustiza social", senón máis ben todo o contrario, "as mulleres somos as máis afectadas polo dramático deterioro de servizos públicos como a sanidade e a educación, xa que somos maiormente nós as que seguimos a ocuparnos da base fundamental de calquera sociedade: os coidados".

Sen embargo, "malia a todos estes ataques e obstáculos", salientou a eurodeputada galega, cómpre que poñamos en valor as nosas loitas e que celebremos tamén as nosas vitorias, xa que "a loita feminista, historicamente, ten máis que demostrado que é unha ferramenta principal ca que ir conquerindo éxitos que transformen as sociedades dende o máis fondo".

Así, "se observamos algúns dos logros máis recentes da loita internacional das mulleres, temos que sentirnos tremendamente orgullosas e orgullosos das mulleres marroquís que conseguiron no pasado ano 2014 que por fin fora derrogada a vergoñenta 'lei de violación dentro do matrimonio'[2]". Unha decisión que o Goberno viuse obrigado a adoptar tras anos de loita das mulleres marroquís e do movemento feminista internacional mais, sobre todo, logo do escándalo do suicidio de Amina al-Filali, de 16 anos de idade, por ter sido forzada a casar co home que a violara. "Ou tamén a importancia da participación das mulleres tunecinas no proceso constituínte do seu país, onde acadaron un texto constitucional considerado como dos máis progresistas de todos os Estados Árabes[3]", proseguiu.

E, por suposto, temos que estar moi especialmente orgullosas as mulleres da Galiza e do Estado que, "aliás de integrarmos unha parte fundamental das persoas que militan en movementos sociais como, por exemplo, a loita contra os desafiuzamentos e pola sanidade e educación públicas", reivindicou Senra, "ca nosa unidade e co apoio da inmensa maioría da cidadanía conseguimos tamén bloquear a volta á prohibición do aborto á que pretendía obrigarnos o ministro Gallardón", lembrou, "e estamos dando tamén a batalla para que as mulleres menores de idade non vexan eliminado o dereito básico de calquera ser humano a seren donas dos seus corpos".

A eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, estará presente o vindeiro domingo 8 de marzo, ás 12 do mediodía na Estación de trens de Santiago de Compostela, na Manifestación Unitaria convocada en Compostela pola Marcha Mundial das Mulleres (MMM) baixo o lema "Feminismo para avanzar. Xuntas nunha mesma loita".

Manifestación Nacional en Compostela

"Feminismo para avanzar. Xuntas nunha mesma loita".

[1] AGEe está integrada a nivel do Parlamento Europeo (PE) no Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), o único grupo do PE con paridade de xénero.




[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde (AGEe - GUE/NGL).
|
Tlf: 609 845 861
|
lidia.senra@europarl.europa.eu



Máis información en
:
Información baseada na enviada por:
AGEe Europa
ageeneuropa@gmail.com
6 de março de 2015 17:57

________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon