luns, marzo 16, 2015

Mareas Cidadás e Iniciativas Municipalistas reuníronse en Pontevedra para acadar formulas de colaboración - A Marea Ártabra participou no Encontro - A declaración de Pontevedra: A Cooperación dos Espazos de Unidade


Marea Pontevedra foi a anfitrioa este domingo dunha xuntanza de Mareas Cidadás e Iniciativas Municipalistas de distintas cidades e vilas de Galicia. | A Marea Ártabra participou no Encontro. | A declaración de Pontevedra: A Cooperación dos Espazos de Unidade.


Tal como sinalou o candidato da Marea Pontevedra, Luís Rei, “desde Pontevedra, queriamos poñer os consensos da Marea Pontevedra ao servizo do resto das Mareas e facilitar espazos de cooperación efectivos
Para Marea Pontevedra tratase “de candidaturas municipalistas, de unidade cidadá, e soberanas nas nosas decisións; pero non candidaturas localistas senón que temos visión nacional.

De candidaturas de cambio local, pero entendemos tamén que existe un cambio global que non debemos perder de vista.

De candidaturas democráticas e contrarias a manter estruturas como as deputacións, pero somos conscientes da importancia que estas teñen na vida diario dos nosos concellos
”.

Nesa dirección o encontro serviu para aprobar unha declaración que co titulo “a cooperación dos espazos de unidade” vai ser enviada ás case cuarenta iniciativas cidadás para a súa adhesión.

Entre as mesmas estará Marea Atlántica e as outras Mareas das sete cidades galegas (Compostela Aberta, Lugo Novo, Marea de Vigo, Marea Ártabra, Ourense en Común, e a propia Marea Pontevedra), ademais de outras de vilas como Ames Novo, Ribadeo en Común, Boiro Novo, Ribeiro en Común, Betanzos Novo, Marea Marín, entre outras.

A DECLARACIÓN DE PONTEVEDRA
A COOPERACIÓN DOS ESPAZOS DE UNIDADE


Reunidas en Pontevedra Mareas Cidadás e Iniciativas Democráticas que concorreremos ás próximas eleccións municipais DECLARAMOS:
As eleccións europeas de 2014 deixaron aberta no sistema político bipartidista unha fenda que reforza o discurso social de que o cambio é posible e, asemade, estimula a acumulación de forzas nun ambicioso e esperanzador proceso de unidade popular.

Nesta conxuntura, as vindeiras eleccións municipais constitúen unha oportunidade única para avanzar cara á creba democrática, na estela do ciclo aberto polo movemento democratizador do 15M hai catro anos. Este avance reclama proxectos de auto-organización popular e unidade de acción coma os que están artellando mancomunadamente as forzas políticas e sociais incardinadas nun espazo de ruptura co réxime.

Promovidos por distintos axentes sociais e políticos activos, constituídos en cidadanía auto-organizada, os procesos de conformación de candidaturas populares están xa espallados por un gran número de concellos de todo o país, conformando un abano amplo e diverso.

Somos candidaturas municipalistas, de unidade cidadá, e soberanas nas nosas decisións; pero non somos candidaturas localistas senón que temos visión nacional.

Somos candidaturas de cambio local, pero entendemos tamén que existe un cambio global que non debemos perder de vista.

Somos candidaturas democráticas e contrarias a manter estruturas como as deputacións, pero somos conscientes da importancia que estas teñen na vida diario dos nosos concellos.

A confluencia desde a base, xerada para dar respostas ás dinámicas propias de cada localidade, pídenos agora un segundo paso cara á conformación dunha rede que outorgue a máxima visibilidade á aposta por ese proceso de ruptura no conxunto do país, para posteriormente cooperar desde as institucións e nos gobernos municipais para mudar a realidade.
Facemos un CHAMAMENTO a todas as candidaturas municipais do espazo de ruptura a sumarse a esta declaración como actores principais e decisivos e buscar formulas de colaboración cara as leccións municipais de maio.

Pontevedra, a 15 de Marzo, de 2015

A Declaración en formato pdf | Acceder/Baixar.

Fonte web da Marea de Pontevedra.

A noticia en diferentes medios:

Galicia Confidencial | 15.03.2015 | As "Mareas Cidadás" inician o proceso de unión para as municipais. | As distintas candidaturas de unidade popular non desartan alianzas para trasladar o cambio ás deputacións. Destacan que son as continuadoras das protestas do 15M e apuntan que "o cambio é posible". | Ir á Web.

Praza Pública | 15.03.2015 | Mareas municipais apostan por formaren unha "rede" con "visión nacional". | Ir á Web.

Europa Press | 15.03.2015 |     
Mareas cidadás reivindican a "soberanía" das súas decisións. | Marea Pontevedra insta a todas as candidaturas municipais do "espazo de ruptura" a sumarse á declaración aprobada este domingo. | Ir á Web.
_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon