Desde o Servizo de Difusión e Información Estatística do IGE envían-nos unha información de moito interese para a elaboración de análise de conxuntura socioeconómica dos sete grandes concellos de Galiza (A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol). Análise necesario para a actividade social e política de quen pretende a transformación das institucións municipais e de elaboración de alternativas para a transformación dos concellos, barrios e parroquias en espazos para o ben común e o benestar social. Desde Ártabra 21 queremos contribuír á difusión desta ferramenta estatística que se pode utilizar de apoio para mellor coñecer a realidade sobre a que se quere intervir. A ferramenta estatística, con táboas, gráficos e mapas, presentan datos o máis actualizados posíbeis sobre Territorio, Poboación, Mortalidade (Movemento natural da poboación), Traballo, Vivenda e Pensións contributivas da Seguridade Social.
O IGE publica hoxe o Panorama dos sete grandes concellos de Galicia.
O obxectivo do Panorama dos sete grandes concellos é por a disposición dos usuarios aquela información dispoñible sobre os sete grandes concellos de Galiza que se poida desagregar a nivel de distrito ou sección censual. En todos os apartados ofrécese :
- Información para o total municipal
- Información por distritos censuais
- Información por seccións censuais
Territorio.-
Dos sete grandes concellos de Galiza, Lugo é o de maior extensión, con preto de 33.000 hectáreas de superficie. No outro extremo atópase A Coruña, con 3.783 hectáreas.
No tocante á densidade de poboación, A Coruña, con aproximadamente 6.500 habitantes por quilómetro cadrado, é o que presenta unha maior densidade mentres que en Lugo a densidade non acada os 300 habitantes por quilómetro cadrado.
Nas seguintes ligazóns están dispoñibles, para os sete grandes concellos de Galiza, os datos de superficie e densidade por distritos e sección censuais. Ademais, pódese acceder a unha aplicación que permite representar os datos de cada un dos concellos en mapas de distritos e seccións.
Acceder aos gráficos e táboas:
http://www.ige.eu/estatico/estat.jsp?ruta=html/gl/PanoramaConcellos/01_Territorio.html
Poboación.-
Estrutura da poboación.-
A poboación de Galiza no ano 2014 alcanzou a cifra de 2.748.695 persoas. Destas, o 36,2% reside nunha das sete grandes cidades de Galicia. Vigo é a que conta con maior poboación (con 294.997 persoas), seguida a pouca distancia da Coruña (con preto de 245 mil persoas), Ourense e Lugo. Pecha a lista dos sete grandes a cidade de Ferrol, co 2,6% da poboación de Galiza.
O xénero feminino supera ao masculino en número de efectivos: o 51,8% da poboación galega son mulleres. No referido á estrutura por idades, o 11,9% dos habitantes de Galiza ten menos de 15 anos, o 64,5% está comprendido entre os 15 e os 64 anos, e o 23,6% xa cumpriu os 65 anos de idade. As cidades de Pontevedra, Vigo, Santiago e Lugo presentan unha estrutura por idades menos envellecida que a galega (teñen porcentaxes de poboación menor de 15 anos superiores á media galega, e porcentaxes de poboación maior de 64 anos inferiores á media galega). A Coruña e Ourense presentan unha estrutura por idades moi similar á rexistrada no conxunto da Comunidade, e Ferrol rexistra maior porcentaxe de poboación maior de 64 anos (o 25,7% dos residentes na cidade).
Indicadores de envellecemento
A estrutura poboacional galega está bastante envellecida. Diso dan mostra indicadores demográficos como a idade media da poboación ou o índice de envellecemento. No referido ao primeiro deles, os galegos temos unha idade media de 45,9 anos. A idade media nos sete grandes núcleos poboacionais de Galiza tamén sobrepasa os 40 anos, máis, con todo, e agás no caso de Ferrol (que está moi por encima da media galega 47,4 anos), este indicador sitúase por debaixo da media galega. A cidade co indicador máis baixo é Pontevedra, cunha idade media de 42,8 anos en 2014, seguida de Vigo, con 44 anos.
O índice de envellecemento mide a relación entre a poboación maior de 64 anos e a poboación menor de 20 anos. En Galiza no ano 2014 toma o valor 150,1, o que quere dicir que, por cada 100 menores de 20 anos hai aproximadamente 150 persoas de 65 ou máis anos. Os sete grandes concellos galegos presentan valores máis baixos deste indicador que a media galega, agás Ferrol, que, cun índice de 173,8, supera ao galego. O concello co índice de envellecemento máis baixo é Pontevedra, onde a relación non chega a 100 (sitúase no 98,8%). En todos os restantes concellos, o indicador está por riba do 100%, o que implica que hai máis poboación maior de 64 anos que menor de 20.
Poboación segundo o lugar de nacemento e poboación estranxeira
O 56,3% da poboación galega reside no mesmo concello no que naceu; o 30,5% noutro concello ou provincia distinto ao de nacemento, e o 13,2% naceu noutra comunidade autónoma ou no estranxeiro. Nos sete grandes concellos galegos, a poboación que reside no mesmo concello no que naceu oscila entre o 46,6% de Ourense e o 60,9% de Ferrol.
O 3,6% da poboación residente en Galiza é de nacionalidade estranxeira. Seis dos sete grandes concellos galegos posúen porcentaxes de poboación estranxeira superiores á media galega. Lugo acada o valor máis alto en 2014 (o 5,2% dos residentes no municipio de Lugo teñen nacionalidade estranxeira), seguido de Vigo e a Coruña (co 4,9%). En Ferrol a porcentaxe de estranxeiros sitúase no 2,6% da poboación total.
Información inframunicipal
Nas seguintes ligazóns están dispoñibles, para os sete grandes concellos de Galiza, os datos de poboación, da súa estrutura e dunha serie de indicadores demográficos básicos, por distritos e sección censuais. Ademais, pódese acceder a unha aplicación que permite representar os datos de cada un dos concellos en mapas de distritos e seccións.
Acceder aos gráficos e táboas:
http://www.ige.eu/estatico/estat.jsp?ruta=html/gl/PanoramaConcellos/02_Poboacion.html
Mortalidade.- (Movemento natural da poboación)
Información para os sete grandes concellos
A taxa de mortalidade defínese como o número defuncións por cada mil habitantes. Ao comparar distintas poboacións, a taxa de mortalidade verase influenciada pola proporción de individuos en cada grupo de idade de cada poboación. A taxa estandarizada de mortalidade elimina o efecto da estrutura por idades.
En Galiza a taxa estandarizada de mortalidade sitúase no ano 2013 en 11 defuncións por cada mil habitantes. Neste ano dos sete grandes concellos de Galicia, Ferrol e Santiago de Compostela son os que teñen maior taxa (11,6), a menor taxa dáse en Vigo con 10,2 defuncións por cada mil habitantes.
Polo que respecta á mortalidade segundo o sexo, os homes presentan en todos os grandes concellos taxas superiores ás das mulleres.
Información inframunicipal
Nas seguintes ligazóns están dispoñibles, para os sete grandes concellos de Galicia, os datos da taxa estandarizada de mortalidade por distritos e sección censuais. Ademais, pódese acceder a unha aplicación que permite representar os datos de cada un dos concellos en mapas de distritos e seccións.
Acceder aos gráficos e táboas:
http://www.ige.eu/estatico/estat.jsp?ruta=html/gl/PanoramaConcellos/03_Mortalidade.html
Traballo.-
Afiliados á Seguridade Social en alta laboral
A continuación móstrase o número de afiliados á Seguridade Social en alta laboral segundo o concello de residencia do traballador correspondentes ao día 1 de xaneiro de 2014. Segundo esta información, Vigo é o concello galego onde reside o maior número de traballadores afiliados á Seguridade Social (95.919) seguido da Coruña con preto de 81.000 traballadores.
Os sete grandes concellos galegos suman o 37,1% dos traballadores afiliados á Seguridade Social en Galicia e residentes na comunidade autónoma.
Atendendo á idade, o 29,9% dos traballadores galegos ten 50 ou máis anos. Agás Vigo, o resto de grandes concellos presentan unhas porcentaxes de afiliados neste grupo de idade superiores á media galega.
Nacionalidade dos afiliados
O 3% dos afiliados á Seguridade Social residentes en Galiza teñen nacionalidade estranxeira. Ferrol é o único concello galego con máis de 50.000 habitantes que presenta unha porcentaxe de traballadores afiliados de nacionalidade estranxeira inferior á media galega (2%). Pola súa banda, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo presentan porcentaxes moi similares (entre o 4% e o 4,3%), mentres que en Santiago e Pontevedra o peso destes traballadores é do 3,1%.
Afiliados entre a poboación de 16 a 64 anos
Como indicador de ocupación, pódese calcular o número de traballadores afiliados á Seguridade Social entre a poboación de 16 a 64 anos (ambos inclusive). Dos grandes concellos, Santiago é o presenta un maior indicador, con 52,6 afiliados en alta laboral por cada 100 persoas entre 16 e 64 anos. No outro extremo atópase Ferrol con menos de 40 afiliados por cada cen persoas neste grupo de idade.
Afiliacións segundo o sector de actividade
No tocante aos sectores de actividade, o 71,4% das afiliacións de residentes na comunidade autónoma de Galiza corresponde ao sector servizos. Nos municipios con máis de 50.000 habitantes esta porcentaxe sobe até valores que roldan o 80%. Destaca Santiago de Compostela co 87,1% de afiliacións no sector servizos.
Para o sector industrial, Vigo é o concello con maior porcentaxe de afiliacións neste sector (16,8%) seguido de Ferrol (13,8%). No outro extremo sitúase Santiago de Compostela onde as afiliacións na industria apenas supoñen o 7% do total de afiliacións de residentes neste concello.
Información inframunicipal
Nas seguintes ligazóns están dispoñibles, para os sete grandes concellos de Galiza, os datos de traballadores afiliados á Seguridade Social en alta laboral por distritos e sección censuais. Ademais, pódese acceder a unha aplicación que permite representar os datos de cada un dos concellos en mapas de distritos e seccións.
Nota metodolóxica
A data de referencia dos datos contidos no ficheiro de afiliacións á Seguridade Social en alta laboral é o 31 de decembro de 2013. Para calcular os indicadores pertinentes e construír os mapas por seccións e distritos consideráronse a poboación e os mapas de distritos e seccións a 1 de xaneiro de 2014, de aí que as táboas e os resultados finais teñan ano de referencia 2014.
Acceder aos gráficos e táboas:
http://www.ige.eu/estatico/estat.jsp?ruta=html/gl/PanoramaConcellos/04_Traballo.html
Vivenda.-
Información para os sete grandes concellos
Dos sete grandes concellos de Galicia, Vigo é o que ten maior número de bens inmobles de uso residencial, que representan o 63,5% dos bens inmobles deste concello. Nos concellos de A Coruña e Ferrol a porcentaxe de bens inmobles de uso residencial é case do 75% mentres que no concello de Ourense esta porcentaxe non chega ao 50%.
O concello, dos sete grandes, que ten maior número de bens inmobles de uso comercial é A Coruña, seguido de Vigo. En ambos os dous concellos o número de bens inmobles deste tipo supera os 10.000. Pola outra banda nos concellos de Ferrol, Lugo e Pontevedra os bens inmobles de uso comercial non acadan os 4.000.
Información inframunicipal
Nas seguintes ligazóns están dispoñibles, para os sete grandes concellos de Galiza, os datos de bens inmobles segundo uso e distritos censuais. Ademais, pódese acceder a unha aplicación que permite representar os datos de cada un dos concellos en mapas de distritos.
Acceder aos gráficos e táboas:
http://www.ige.eu/estatico/estat.jsp?ruta=html/gl/PanoramaConcellos/06_Vivenda.html
Pensións contributivas da Seguridade Social
Pensionistas
A continuación móstrase o número de pensionistas que perciben pensións contributivas da Seguridade Social segundo o concello de residencia do pensionista correspondente ao 31 de decembro de 2013 (ver nota metodolóxica). Segundo esta información, Vigo é o concello no que reside un maior número de pensionistas (58.851), seguido da Coruña con algo máis de 51.000.
Nos concellos das sete cidades galegas reside o 31% dos pensionistas galegos que perciben pensións contributivas da Seguridade Social.
No ano 2014, case 1 de cada 4 persoas residentes en Galiza percibe pensións contributivas da Seguridade Social. Nos sete grandes concellos o número de pensionistas por 1.000 habitantes é inferior ao valor de Galiza. Os que presentan un maior valor do indicador son Ourense e Ferrol, con 227 e 223 pensionistas por cada 1.000 habitantes, valor moi próximo ao dato de Galiza. Pola contra, Pontevedra, onde 1 de cada 6 residentes no concello é pensionista, é o concello dos sete grandes no que se rexistra o valor máis baixo do indicador.
Importe medio
O importe medio calcúlase como a media da suma dos importes percibidos en pensións contributivas da Seguridade Social por cada pensionista. En Galiza, no ano 2014, este importe situouse en 833,61 euros. Nos sete grandes concellos, o importe medio que perciben os pensionistas en termos de pensións contributivas é superior ao dato de Galiza. O concello de Ferrol é no que se rexistra o valor más alto deste importe, que é un 29,4% superior ao dato de Galiza.
O importe medio que perciben os homes galegos en pensións contributivas (963,03 euros) é un 36,7% superior ao que perciben as mulleres (704,43 euros). O importe medio en pensións contributivas dos homes supera en seis dos sete grandes concellos os 1.000 euros mentres que no caso das mulleres non chega a alcanzar os 850 euros en ningún deles.
Información inframunicipal
Nas seguintes ligazóns están dispoñibles, para os sete grandes concellos de Galicia, os datos de número de pensionistas e importe medio por distritos e seccións censuais. Ademais, pódese acceder a unha aplicación que permite representar os datos de cada un dos concellos en mapas de distritos e seccións.
Nota metodolóxica
A data de referencia dos datos contidos no ficheiro de pensións contributivas do sistema da Seguridade Social é o 31 de decembro de 2013. Para calcular os indicadores pertinentes e construír os mapas por seccións e distritos consideráronse a poboación e os mapas de distritos e seccións a 1 de xaneiro de 2014, de aí que as táboas e os resultados finais teñan ano de referencia o 2014.
Información xeral.-
Acceso ás táboas de datos (Até por Seccións censuais e con mapas ligado ao goole-maps):
http://www.ige.eu/igebdt/esq.jsp?ruta=sCensales.jsp
Contido:
- Poboación segundo o sexo e grupos quinquenais de idade. Datos por seccións censuais.
- Poboación segundo as principais nacionalidades. Datos por seccións censuais.
- Poboación segundo o país de nacemento. Datos por seccións censuais.
- Afiliados á Seguridade social en alta laboral segundo o lugar de residencia, o sexo e a idade. Datos por seccións censuais.
- Poboación segundo relación entre o lugar de nacemento e o de residencia. Datos por seccións censuais.
- Afiliacións á Seguridade Social en alta laboral segundo o sector de actividade. Datos por seccións censuais.
- Indicadores de poboación. Datos por seccións censuais.
- Número de afiliados entre a poboación de 16 a 64 anos. Datos por seccións censuais.
- Afiliados á Seguridade Social en alta laboral segundo o lugar de residencia e a nacionalidade. Datos por seccións censuais.
- Superficie e densidade de poboación. Datos por seccións censuais.
- Bens inmobles segundo o seu uso.
- Taxas estandarizadas de mortalidade. Datos por seccións censuais.
http://www.ige.eu/web/mostrar_seccion.jsp?idioma=gl&codigo=0703
Servizo de Difusión e Información Estatística
Complexo Administrativo San Lázaro s/n
Instituto Galego de Estatística
15703 Santiago de Compostela
Telf: 981 541589 de 9 a 14 horas, Fax: 981 541323
contacto: http://www.ige.eu/catalogo/peticioninfo.jsp
web: http://www.ige.eu
Información baseada na enviada por:
Servizo de Difusión e Información Estatística
-ige.novidades@ige.eu-
27 de março de 2015 09:19
____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon