Para este Sábado 28 de Marzo de 2015, ás 12 do mediodía, no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño, en Ferrol, está convocada unha Asemblea Aberta para aprobar o Manifesto Constituinte e o Código Ético da Candidatura promovida polas organizacións locais de Esquerda Unida, Anova-IN e un colectivo que se denomina Asemblea Cidadá Aberta, a súa vez promovida por inscrit@s ao Círculo de Podemos do Concello de Ferrol.
A continuación, polo seu interese, transcribimos o Manifesto Inicial que se vai levar a Asemblea de Ferrol en Común, mais no final deste artigo, pode-se descargar a mesma proposta de Manifesto e a do Código Ético.
Proposta de Manifesto de para Ferrol en Común para a Asemblea do 28 de Marzo de 2015
Ferrol afúndese nun estado de agonía social e desprotección institucional. A cidade de Galicia coa taxa de desemprego máis alta do país, onde só un de cada tres poden traballar, coa metade da súa poboación por enriba dos cincuenta anos e coa mocidade condenada ao exilio en busca das oportunidades laborais que aquí se lles negan, merece outros gobernos. Gobernos da xente construídos e lexitimados coa forza social dos partidos, do tecido social, da veciñanza e da cidadanía indignada. A política normalizada, ancorada nas vellas formas de electoralismo e malgasto en forma de obras faraónicas, dá as costas a unha situación de emerxencia que o bipartidismo nega coas cifras macroeconómicas, mentres o pan, o traballo e o teito quedan afastados dos intereses dos poderes políticos e económicos que usurparon o que lexitimamente corresponde ao pobo: a soberanía, a democracia plena, o dereito a unha vida digna e exclúennos dun sistema para elites que condena ao sufrimento á maioría social.
A dignidade, o empoderamento das nosas rúas, barrios e parroquias, a participación decisoria nas políticas de competencia municipal son os factores que debemos impulsar para un novo Ferrol, un Ferrol en Común construído entre todos e todas, que aparte as gadoupas do poder das empresas e dos partidos do réxime sobre os recursos municipais.
Queremos un Ferrol en Común de construción colectiva, en creación constante en cada rúa e centro de traballo, unha acumulación de forzas para un novo goberno coa xente e non para a xente, que pule por servizos públicos de calidade, pola remunicipalización, a renda básica municipal e o emprego garantido. Propoñemos un Ferrol en Común de portas abertas á cidadanía, para artellar entre todos e todas un programa político de esquerdas, asembleario e rupturista, de onde saia unha candidatura plural por primarias abertas de cara a recuperar Ferrol para a súa veciñanza.
Democracia participativa, fomento do asociacionismo e cooperativismo, creación de emprego, protección do comercio local, unha cidade compacta con trato igualitario para todos os barrios e cidadáns, tolerancia cero coa corrupción e gobernar obedecendo son os obxectivos dos asinantes deste manifesto.
Enlaces de interese:
Conta no facebook:
https://www.facebook.com/ferrolencomun
Páxina web:
http://www.ferrolencomun.es/
Correos-e:
- ferrolencomun@gmail.com
- ferrolencomun@gmail.com
https://drive.google.com/file/d/0By24jKds2T1PTHdaalN4NlAtRWM/view?usp=sharing
Código Ético de Ferrol en Común:
https://drive.google.com/file/d/0By24jKds2T1PUGFOZDYyZGJiOW8/view?usp=sharing
______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon