mércores, marzo 11, 2015

Gobernar e Pedras, ... Por Amadeo Varela

Por Amadeo Varela [*]
11.03.2015


Gobernar

Dixo o Sr. Feijóo, referíndose ás próximas eleccións, que o importante non era gañar, senón gobernar. Coido que esa afirmación precisa dunha serie de aclaracións que deberían esixir os votantes medianamente sabidos, se queren coñecer as verdadeiras intencións do actual presidente. Porque hai moitos xeitos de gobernar: gobernar ben ou mal; gobernar para todos ou só para os amigos; gobernar para o país ou para o partido; gobernar a calquera prezo ou con honradez e transparencia … Nembargante, tendo en conta que case todo o mundo sabe que, o primeiro obxectivo dun partido político é a propia supervivencia e, despois de ter visto e oído tantas estafas, amaños, caixas A, B, C, sobres volantes e contas bancarias clandestinas, só algúns despistados necesitarán esas aclaracións. É dicir, que a toma do poder é indispensable para poder manter todas esas trampulladas e os abondosos soldos, dos que son sinalados polos que reparten os cargos. Paréceme a min, claro. 

Pedras

Co gallo da celebración dos próximos comicios, estanse a producir unha serie traballos emprendidos pola Xunta e algúns Concellos, cunha clara intención electoralista, que inclúe inauguracións e actos de colocación da “primeira pedra”. Aínda que todo o mundo sabe que tanta actividade só busca a “compra dun feixe de votos”, a verdade é que o sistema sóelles dar bos resultados, porque a xente non acaba de entender que o que hai que celebrar non é a colocación da primeira pedra, senón a posta da derradeira, sempre que a obra realizada sirva para beneficio da cidadanía, porque tamén hai primeiras e derradeiras pedras colocadas para esbandallar unha praza ou poñer unha planta de gas onde máis dano ecolóxico fai e onde maior perigo representa. É unha mágoa que a xente caia na trampa que supón estar catro anos sen facer ren, gardando todo o choio para última hora e así nos contentar, sen deixarnos pensar que detrás poden vir outros catro anos de “calma chicha”.

Publicados no Diario de Ferrol | 10 e 11 de Marzo de 2015.

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida") publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon