venres, abril 17, 2015

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública denuncia o rocambolesco despedimento do Xerente da EOXI de Vigo, sen ningunha explicación máis ou menos racional - Este cese é un paso máis no caos de xestión do proceso de construción do Novo Hospital co financiamento privado

Diante da información aparecida na prensa de que Mario González foi cesado como Xerente da EOXI de Vigo, de xeito precipitado, sen esperar sequera á recepción da obra do Novo Hospital polo SERGAS, desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública queremos comunicar que:

1.- Este cese é un paso máis no caos de xestión do proceso de construción do Novo Hospital co financiamento privado. Este cese/dimisión imprevisto reflexa perfectamente a incapacidade da Consellería para xestionar con criterios de racionalidade a nova infraestrutura, tan necesaria para corrixir os déficit sanitarios da área de Vigo.

2.- Aos problemas de financiamento, aos atrasos de máis de 3 anos na entrega do proxecto por falta de fondos da Concesionaria; aos recortes de camas, módulos, superficie e equipamento; ao traslado do laboratorio; á perda de servizos de referencia en favor do Complexo Hospitalario de Santiago e de POVISA; ao mantemento da empresa de xestión privada GALARIA; e ao falseamento e ocultación dunhas listas de espera desproporcionadas, engádese agora o rocambolesco despedimento do Xerente, sen ningunha explicación máis ou menos racional.

3.- Esta decisión envolta de opacidade, rumoroloxía e sospeitas supón unha nova burla aos profesionais e traballadores do CHUVI e do conxunto da área, (que soportan todo tipo de decisións que lesionan os seus dereitos e a súa dignidade laboral) e sobre todo á cidadanía da área que leva anos padecendo uns servizos insuficientes para as súas necesidades, sen que desde a Administración do PP se lles proporcione a máis mínima explicación, pese a pagar estes recursos cos seus impostos.

4.- Desde a Asociación esiximos da Conselleira de Sanidade que, de xeito inmediato, ofreza unha información transparente, que explique que está pasando no Hospital, cales son os motivos do cese do xerente, e as causas do atraso na entrada en funcionamento do Novo Centro.

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

16 de abril, de 2015

Enviado pola:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
16 de abril de 2015 23:23

http://www.plataformadspferrol.blogspot.com

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon