Por Iolanda Teijeiro Rey [*]
05.04.2015
Hai días surrealistas nos que non atinas a enxergar cal é a limia entre a realidade e o maxín. Son días bretemosos, neboentos onde a auga enche cada poro do ar e a pel, as pucharcas da rúa espellan un ceo grisallo e semella caroso albiscar a alguén que se achegue a poucos metros sen topenexar con el. En días orballentos coma este é cando máis imposivel se fai comprender a política municipal de augas do concello de tan alto custe coma na zona máis seca das Españas, Almería.
E pasa en días coma este que unha camiña a praza de Armas enteiramente desarmada e atopa nun anco un feito surrealista da categoría dun García Márquez, dun Torrente Ballester ou dun Cunqueiro. Iso non pasa en calquera cidade, nin siquera nas cidades deses que pasan por ser cidadáns do mundo. Unha broncínea estatua tamaño pouco máis dun metro dun cofrade con capirote e todo. A mente foise ao máis recurrido e sensato na cidade de máis paro da Galiza: Un home-estatua pedindo a vontade e neste día...! Meu pobre, cismei para os meus adentros. Mais chamoume a atención que ao redor dela houbera tanta patuleia de xentes. Entrei na farmacia a mercar a tila alpina e o anisete. Era un encárrego e non era cuestión... Ao saír esquecino todo por andar a fume de carozo para ver de entregar hoxe sen falla A escadeira de Jacob do Blanco Amor na biblioteca. E aí ficou todo.
Mais ao chegar ao xantar informáronme de que en Ferrol acababan de inaugurar unha nova estatua polo módico prezo de vinte mil euros. Chámase O Penintente e pasa por ser unha homenaxe ao pequeno cofrade. Seica o alcalde de Ferrol non lle canta á mocidade aquel poema de Ferreiro que comeza: Tendes que acender un facho de baril inconformismo... senón que prefire louvala como ás mulleres coa Meca Arcos, chiscándolle o ollo á igrexa e aos mozos presentes nos desfiles procesionais. Porque o alcalde popular ten a un penitente como un dos elementos característicos da urbe naval! E certamente, esta é a primeira vegada que, ao meu xuízo, atina. Acaso non é Ferrol a cidade da penitencia? Mais da penitencia coma castigo dos deuses meseteiros e europeos que decidiron nos outos despachos do reparto planetario que a eles non lles acaía a nosa competencia na construción naval.
Hai poucos días, (cando o papa visitaba Nápoles e xostregaba daquela maneira á camorra esquecendo á Banca Vaticana e a pesares de que alí acolleran a outro papa, Pío IX, forzado a fuxir de Roma por mor dunha revolta popular e terreal) disque o sangue de San Xenaro licuouse. Escorregou cando non lle tocaba milagreando nun ventar malos presaxios do pasado! Eu non sei se Ferrol gardará algunha reliquia tamaña como a deste santo. A virxe de Chamorro, o San Xiao ou a das Dores non creo que cheguen a esa categoría de banzos celestiais. Mais teño para vin que se a houber tamén se licuaría de todo. Faríase auga a esborrelar polos desaugues dos milleiros de tanques de treboadas que inzan a cidade, mesturaríase coas limpas augas dos tronantes da semana santa internacional e coas suxas dos centos de vertedoiros incontrolados e debidamente consagrada coa das pías bautismais que deben vir alomenos do Xordán espertaría unha milagre senlleira (non a do partillamento dos panes e os peixes que iso é máis difícil coa evasión dos montantes) senón a milagre da remunicipalización das augas cotiás, esas augas profanas que así coma de balde caen do ceo atlántico para lucro das empresas privadas agraciadas no reparto municipal.
Ai, tempos estes de pascua e penitencia onde a igrexa perde todos os tesouros acumulados tras séculos de traballo popular e laico. Primeiro foi o códice calixtino aparecido marianamente no sobrado dun eleutricista da catedral compostelá. Máis tarde o lume que papou o tellado da Virxe da Barca de Muxía sen que a pedra abaladoira falase, crebada coma está. Hai uns días roubaron a virxe do cristal de Vilanova dos Infantes, do peto do cura que apareceu morto. Era unha pedra, pedriña, era unha pedriña pedra... que cantaba o poeta anticlerical en honra da súa nai. Onte amencimos coa liorta antigaleguista de Muxía. E hoxe, para a rematar, erguen a estatua do penitente ferrolán!.
Disque a penintencia é un arrepentimento por ter pecado. Eu, que non creo nin no pecado nin na culpa porque gosto das mazás, das maciñeiras e da sidra. Das serpes e dos adán. Eu que, aínda así teño embigo anque non me teña polo centro do mundo. Eu, dígovolo con fiúza, así coma entre nós: canto mellor non sería que con eses vinte mil euros o Gascón fixera todos os capirotes de chiculate que lle dera o presuposto para alomenos dar de comer ao famento e pousada ao habitante de Ferrol!
Publicado no Diario de Ferrol e no Sermos Galiza. | 05.04.2015
[*] Iolanda Texjeiro Rei, Pedagoga Social. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. Pertence á Asociación Hun Yuan Tai Chi Chuan. | Artigos no xornal comarcal 'Diario de Ferrol': Acceder. | Artigos no Sermos Galiza: Acceder. | Conta no facebook: Acceder.
A imaxe da cabeceira é de RecursosGZ.
Enviado por:
Inácio Caranza
-inaciogz@gmail.com-
5 de abril de 2014 19:07
__________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon