Nas últimas semanas, coñecíase en Ferrol a decisión das forzas políticas (Anova-EU) de retirar o seu apoio á Marea Ártabra e constituír, xunto a persoas inscritas en Podemos, unha nova proposta electoral, Ferrol en Común que se constituíu o pasado sábado 28 de marzo. Ante as diferentes aparicións nos medios de comunicación e redes sociais, de representantes das forzas políticas que promoven o novo referente electoral, mencionando á Marea Ártabra como posible actor político no citado referente electoral, a Marea Ártabra acordou convocar unha Asemblea Xeral Extraordinaria, para informar, analizar, clarificar e resolver sobre esta situación, Asemblea que acordou facer pública a seguinte declaración.
Comunicado
Marea Ártabra, reunida en asemblea xeral extraordinaria, neste luns 30 de marzo, quere trasladar á opinión pública os seguintes acordos e consideracións:
1º Que a Marea Ártabra ven desenvolvéndose desde a súa constitución en setembro de 2014, como un espazo de confluencia para construír unha alternativa cidadá ao actual goberno municipal e ás súas políticas.
2º Que a radicalidade democrática, horizontalidade e toma de decisións colectivas, son un sinal de identidade da Marea Ártabra. Que ese sinal de identidade non aparece só nos documentos da Marea, senón que é unha práctica política que impregna toda a nosa actividade. Así a puxemos en práctica no proceso de primarias que recentemente celebramos, na aprobación do código ético e o regulamento de funcionamento, así como na elaboración e aprobación do programa que está na súa fase final.
3º A día de hoxe, e inexplicablemente, a Marea Ártabra non ten coñecemento das razóns que levaron ás direccións de Esquerda Unida e Anova a retirar o seu apoio a este espazo de confluencia na Marea para formar unha nova e apresurada alternativa electoral.
4º Na Marea continúan participando militantes de Anova, de Esquerda Unida, persoas inscritas en Podemos e militantes de Espazo Ecosocialista Galego. Esta última organización política, que forma parte da coalición AGE e AGEeuropa, mantén desde o principio o apoio á confluencia cidadá que se dá na Marea Ártabra.
5º Todas estas persoas, xunto con activistas sociais e persoas sen adscrición partidaria algunha, conformamos un espazo político lonxe de pactos e manobras políticas obscurantistas e de cúpulas que reproducen a vella política. A pluralidade e a diversidade conviven no seo da Marea, apoiándose nos valores do respecto e na defensa do ben común.
6º Parécenos irresponsable, aínda que lexítimo, abandoar este espazo común que é a Marea Ártabra, para dividir, para restar forzas no campo democrático fronte aos que impoñen as políticas de recortes, malgasto e corrupción. A Marea Ártabra segue a ser un espazo aberto á participación, onde todas as voces teñen o mesmo valor e onde as decisións tómanse por consenso ou por maioría, mais sempre en Asemblea. Un espazo para compartir, para a colaboración e a complementariedade, e non para a competencia.
As portas da Marea Ártabra, como espazo común de unidade popular, seguen abertas.
---
Mareaartabra.gal | #MareaArtabra | @mareaartabra | info@mareaartabra.gal | Facebook
Local Electoral da "Marea Ártabra", sito na rúa Rochel, Nº14 e rúa Madalena, Nº5 (15401 - Ferrol).
A Marea Ártabra é un proceso asambleario para acadar unha maioría social ferrolá, unha candidatura de unidade popular para as eleccións municipais.
Como asinar o manifesto e unirse á 'Marea Ártabra'
Pode-se asinar o manifesto de apoio cubrindo un formulario no seu sitio na rede: Acceder.
Información enviada por:
MAREA ÁRTABRA
-mareaartabra@gmail.com-
31 de março de 2015 16:11
_______________
Enlaces relacionados:
_____________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon