terça-feira, março 31, 2015

Un relato compartido, ... Por Manuel Dios Diz

Por Manuel Dios Diz [*]
31.03.2015


Está moi de moda, nalgúns ambientes, falar da necesidade de que Santiago de Compostela escriba un novo relato de cidade. Non serei eu quen contradiga semellante aspiración. Entre outras razóns, porque entre as personalidades que o reclaman teño bos amigos. Sen embargo, como picheleiro vello, penso que aquí e hoxe, como sempre, conviven varios relatos, ou mellor dito, ideas e modelos de cidade que debemos compartir, asumindo que Santiago nace e se desenvolve, durante séculos, arredor dun único relato, tan eficaz como ficticio…

Coa modernidade, en paralelo co proceso de secularización, imos debuxando relatos novos, máis laicos, máis públicos, máis políticos, o que non significa que o orixinal non o fose, que o era. En calquera caso, ademais da Igrexa, a Universidade, o Movemento Obreiro, a tradición republicana, o galeguismo… van aportando os seus propios relatos, matices, visións e enfoques novidosos, miradas intercambiadas, de fronte ou de esguello, con máis ou menos complicidade, asegún, interactuando, entre pedras, campás, martelos e rezos, mercados, historia viva...

Para compartir relatos, que teñen que ver coas clases, coas procedencias, co nivel de estudios, cos modos de vida, coa ubicación de cada quen, coas correntes de pensamento, as ideoloxías… sería previo compartir diagnósticos, aínda que non sexa na súa totalidade. Non sempre é posible. Creo que, agás excepcións raras, hoxe, a maioría da cidadanía desta vella aldea europea coincide en sinalar que Santiago de Compostela está en aluguer ou en venta, triste, silenciosa, sen nenos pola rúa, sen vida, apática, como paralizada, zombie, e non debemos atribuílo, exclusivamente, ás consecuencias da crise ou da burbulla inmobiliaria, que tamén.

Non sería allea a esta percepción cidadá a situación insólita vivida nos últimos catro anos nos que, cunha maioría absoluta do PP no concello, a inestabilidade política, a incerteza, a corrupción e o desgoberno foron norma e portada dos medios de comunicación, aquí e no conxunto do estado, enchendo de indignación e vergoña á cidadanía.

Durante estes anos, a condena do alcalde Gerardo Conde Roa, a imputación do seu sucesor (e por el nominado), Angel Currás, ou as conversas telefónicas coñecidas entre membros da súa Xunta de Goberno, deterioraron, ate a náusea, a imaxe e a marca dunha cidade construídas con tanto esforzo.

Falamos moito de rexeneración democrática, de cambios profundos nas maneiras de gobernar, de vella e nova política, pero creo que, para algúns, o seu tempo xa pasou, está esgotado, trátase dun fin de época, as súas posibilidades autoestragaronse, non lles queda xa fondo de credibilidade algún para, desde un goberno municipal deteriorado, abandeirar o cambio e a renovación. Non vai máis. Compre reiniciar, resetear o sistema. Darlle a oportunidade a outras persoas, con outros proxectos máis abertos, con miradas distintas, por saúde e hixiene democrática, para que, coa cidadanía empoderada, debuxemos -conxuntamente- relatos e solucións compartidas.


Publicado no seu blogue 'A paz é o camiño' | 10.09.2014.

[*] Manuel Dios Diz -Santiago de Compostela 1953, é mestre, licenciado en Xeografía e Historia, doutorando en Estudios Contemporáneos pola Universidade de Santiago de Compostela, fundador e presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz (1985-2008), profesor xubilado. Activista pola non violencia, pola Paz e a concordia. Escritor, articulista, investigador, ... foi varias veces premiado polos seus numerosos contributos sociais e pedagóxicos. Leva un interesante blogue persoal: A Paz é o Camiño ... [+info].

Enviado por:

Educación e Paz
-paz@sgep.org-
11 de setembro de 2014 08:23
_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon