No Día das Nosas Letras, como en toda Galiza, en Ferrol está convocada unha mobilización pola Lingua, este Domingo 17 de maio, na Praza do Cruceiro de Canido, ás 12 do mediodía.
Manifesto
Galego, garantía de futuro
O galego garantía de futuro, ten pasado e presente. É a máis grande obra colectiva do pobo galego. Galiza, o galego, non desaparecerá mentres non deixemos de usalo, mentres nós reivindiquemos a súa normalidade e actuemos no noso día a día para revitalizalo.
O galego ten presente porque malia o decretazo contra o galego, as reformas na administración, a limitación de recursos que permitan usalo na xustiza, na sanidade; malia a continua utilización de toponimia deturpada no transporte e sinalización en estradas, vilas e cidades; malia a súa exclusión da igrexa ou de empresas que reciben abondosas axudas públicas; malia todas as dificuldades e exclusións forzosas que nos limitan para vivirmos nel con absoluta normalidade, usámolo sempre, en todo e para todo, facéndoo por nós útil e vivo.
Mantémolo a pesar de termos un goberno que a través dun decretazo reducíu a súa presenza no ensino ou o prohibiu para as matemáticas, a física, a química e a tecnoloxía. Mantémolo aínda que por acción ou omisión a Xunta néganos a posibilidade elemental de recibirmos, ou mesmo de optarmos polo galego no audiovisual, na dobraxe, no lexendado de filmes e series, nos servizos de atención telefónica, na etiquetaxe, na formación profesional a distancia ou na formación de adultos, na administración electrónica, na xustiza ou na saúde, nos xoguetes e xogos infantís e xuvenís.
Usámolo os 365 días do ano, os sete días da semana e as 24 horas do día, non só o 17 de maio. Insistimos no uso da lingua porque é a nosa, a de todos e todas as galegas, e queremos que viva e vivir nela, porque é a existencia de Galiza e porque existir é a nosa maior necesidade.
Hai unanimidade en que os datos estatísiticos sobre o uso do galego na xente máis nova supoñen un grave problema. Mentres, o goberno da Xunta, que debe a súa propia existencia á lingua galega, só mostra falsa preocupación ou realiza hipócritas declaracións sobre o noso idioma.
O goberno que lexislou contra o galego quere facernos crer que co anuncio dun suposto Plan para elaborar un documento estrutural básico de dinamización da lingua galega no tecido económico, xa está solucionado o problema do descenso do uso do galego e todas as limitacións para a súa normalidade. A lingua galega non precisa propaganda. Precisa accións concretas a favor dela como as xa aprobadas unanimemente hai dez anos, no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e sobre as que só tivemos retrocesos. O galego precisa tamén dun goberno que deixe de lado a irresponsabilidade e asuma as funcións que ten encomendadas, apoiando un amplo movemento que neste momento actúa en solitario todos os días.
A Xunta de Galiza ten que defender a lingua non só porque é a súa obriga mais tamén porque é o principal factor de cohesión social e de unidade, e porque ningún pobo pode progresar de costas ao seu idioma.
Hai outros gobernos, como os das institucións locais, que deberían estar máis próximas ás sensibilidades e preocupacións dos cidadáns e cidadás, onde tamén se poden aplicar as medidas contempladas no Plan xeral de normalización da lingua galega, para repor a nosa lingua en todos os espazos que nunca debeu perder e para restaurar o seu uso como lingua propia e oficial. Aínda así, son cada vez máis os que exclúen a lingua galega, nomeadamente dos servizos externalizados ou privatizados.
O futuro do galego, o noso máis importante sinal de identidade colectiva, é unha demanda social, a da nosa existencia colectiva, que os gobernos deben ouvir e atender para actuar. A garantía de futuro do noso país é o galego.
Queremos galego, e activámonos como sociedade para telo e repolo nas rúas, nas escolas, nos parques, nos centros de traballo, nos medios de comunicación, na música, na literatura, na saúde, na xustiza e na administración. Queremos galego e precisamos pasos adiante, non retroceder sobre os acordos, para reverter por fin un proceso de substitución lingüística que nos debilita e nos limita como país.
Por iso hoxe estamos nas prazas e rúas de Galiza, para dicir ben alto: Queremos Galego, Queremos Galiza con futuro!
Enlaces de interese:
- A Mesa Pola Normalización Lingüística
- Asociación de escritores en lingua galega
- Asociación de Medios Escritos en Galego
- Asociación Puntogal
- Associaçom Galega da Língua
- Bivir Traductores Galegos
- Galego21
- Páxina oficial de WordPress en lingua galega
- Plataforma Queremos Galego
- Portal Galego da Língua
- ProLingua - Plataforma a prol da defensa e promoción da Lingua Galega
- RAG
Queremos Galego
-queremosgalego@queremosgalego.org-
14 de maio de 2015 18:28
_________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon