venres, maio 15, 2015

Sós ante a soidade, ... Por Xaquín Campo Freire

Por Xaquín Campo Freire [*]
15.05.2015


Hai unha soidade que buscamos e necesitamos para realizármonos na propia persoa en harmonía e con autonomía. Para a reflexión e o estudo. Para facérmonos adultos e crecermos. Ata para atopármonos co transcendente. Pero hoxe non vou referirme a esa.

Hai outra soidade, a do home e muller solitarios, a do neno e do ancián, que van pola vida sen atoparen amizade, nin pan, nin abrigo. A soidade afectiva do que sabe que a súa vida non lle importa a ninguén. Ninguén estaría disposto a arriscar o máis mínimo por media hora de escoita activa e moito menos mostrarlle un mínimo de consideración positiva. A súa persoa está nese terzo da desfeita e do lixo do que falou a señora M. Thatcher.

Canto antes desaparezan, menos consumo, menos gasto inútil e menos sufrimento para eses desgraciados que viñeron á vida por un fallo do sistema. Non deberían ter vido. Sobran. Son un excedente. Esa é a teoría que reina e impera. Sobran das rúas de Madrid, dixo dona Esperanza Aguirre porque molestan aos turistas. E é verdade. A pobreza molesta aos ollos da cara e do corazón e dan “mala imaxe”.  Que morran! Iso xa é cousa deles. Que non nacesen.

Hai unha gran soidade en quen perde un ser querido, por morte ou desafecto. Cando se che vai un amigo ou amiga, morre moito aló na alma. Hai unha grande perda. E as feridas da alma son profundas a máis non poder e doen. Como doen!

Nunca sufriches a perda dun amigo ou amiga deses cos que perece que ao írense a vida perdeu o sentido por desapareceren da túa esfera afectiva? Despois de térmonos querido tanto! A pobreza de agarimo ou amor que se sente logo arrinca bágoas amargas e as pegadas emocionais son profundas. Andas vagando sen saber cal sexa a utilidade do teu propio futuro. Total, para que vivir.

Resituármonos de novo e con sentido na vida pódenos levar anos se non se fai unha terapia adecuada. Apréndese duramente o que é sufrir. Ata nos pode volver duros, a tal punto de caermos na tentación de alegrármonos de que aos outros lles pase algo parecido. Para que saiban o que é sufrir! Sóache?

As separacións de parella deixan unha frustración inmensa sobre todo na parte, chamémoslle, “inocente”. E nos nenos. Para superar a crise recórrese moitas veces a solucións desesperadas que só agravan a situación, non remedian nada e todo o complican. Emparellar de novo sen estar curado no dá bo aquel.

E está a soidade do adolescente nos seus amores primeiros ou na sensación subxectiva da incomprensión universal cara a el ou ela. Os entendidos din que é a idade do maior sufrimento por soidade, polo convencemento de que todos están contra el ou ela e ademais sen saber por que. Falan dos intentos frecuentes de desapareceren.

A soidade dos sen teito, dos que viven na rúa, dos abusados e desprezados, dos enfermos mentais, dos que chegan do mundo da fame ou de culturas distintas, Etc. A inmensa soidade das mulleres maltratadas!

E está a soidade das persoas presas, secuestradas e a súa contornas familiares. E están o sen fin de situacións de todas as miserias e pobrezas.

Cales son as máis rechamantes no medio no que vives e vivimos? Temos un mapa axeitado e estudado das soidades das nosas contornas e como tratalas?

E ante isto, que temos de facermos?

Talvez sería bo empezar por analizar en profundidade a propia soidade, ver se temos as feridas curadas e as estamos a tratar adecuadamente para facer de min unha persoa equilibrada e xa que logo sanante e sandadora. A “parábola do sandador ferido”, de H. Nouwen.

Hai unha gran capacidade de saúde e amor dentro de cada un de nós. Voluntarios fronte á soidade e ás soidades para acompañar e sementar sanación.

Para iso non fai falta nin estar apuntados en ningunha organización. Precísase cobrar conciencia da miña propia riqueza de amor e ir repartindo, “con sentidiño”, anacos de amor, comprensión, diálogo e acompañamento.

Advírtoche, amigo, amiga, que logo cando os ves marchar, xa mellorados, sófrese, porque un tamén ten o seu corazonciño. Pensemos nos nenos do Sáhara que veñen á Galiza. Quéreselles e deséxaselles libres. E mesmo se ten medo de que fracasen de novo. As despedidas son saudábeis. Porén son dolorosas. E é un sinal de adultez non retelas nin demoralas. Pero cando se lles quere, logo bótaselles de menos e convén sabelo para sermos normais.

Tamén están as formas xa organizadas e con persoal preparado en habilidades e técnicas de acompañamento e axuda especializadas.

Se te sentes con forza e estás ben disposto a deixarte construír a ti mesmo para a axuda ao outro, non malgastes o caudal de amor que a vida che deu. Vaiamos a unha rexeneración do mundo por un amor coherente, sen enganos. E se xa sufriches desamor e estás curado, a túa experiencia vale un mundo.

XAQUÍN CAMPO FREIRE. FONTE DA CRUZ, NARÓN, 14.05.2015.

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola e Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@mundo-r.com-
14 de maio de 2015 21:56

_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon