terça-feira, maio 05, 2015

O despropósito do Ticket Eléctrico da Xunta: Non se xoga coas necesidades básicas


O despropósito do Ticket Eléctrico da Xunta: Non se xoga coas necesidades básicas


O pasado martes 28 de abril varias ducias de persoas, convocadas pola ODS-Coia, G.A.S. e a parroquia do Cristo da Vitoria, concentrámonos diante da delegación da Xunta de Galicia en Vigo para denunciar que non aceptamos “Ningún negocio coas nosas necesidades”. A través dun acto de entrega colectiva do ticket eléctrico deixamos de manifesto que esta medida nin remata coa pobreza enerxética, a cal sufrimos cada días máis fogares, nin serve para garantir o dereito ao subministro eléctrico, independentemente de ter ou non ingresos.

As respostas da Xunta a necesidades tan básicas como a electricidade é, ademais desta esmola asistencial en forma de ticket, son as seguintes:
  • Unha chea de policía (secreta incluída) e gardas de seguridade, que coma en anteriores ocasións, estaban pendentes dos movementos dun grupo de persoas que acudían a denunciar a “mala vida” que nos ofrecen os poderes a través da presentación desta axuda.
  • Un informe asinado polo xerente do INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) en resposta á queixa feita na presentación colectiva do ticket eléctrico realizada o 24 de novembro de 2014. Chama a atención que a resposta chegou días antes de facer pública a convocatoria do acto na Xunta. Pero máis que a data da resposta o chocante é o contido da mesma. Por partes a comentamos:
  • Solicitudes só por vía telemática: o INEGA xustifica a obrigatoriedade e exclusividade da presentación telemática das solicitude, no“alto número de solicitantes potenciais”. Compartimos ese argumento, pero unha cousa é que unha ampla maioría de persoas suframos para pagar as facturas da luz e outra diferente é que sexamos quen de cumprir os restritivos requisitos que establece a Xunta. E sempre e cando teñamos a capacidade de cursar unha solicitude que semella pensada para que non a presentemos.
  • Negativa do Concello de Vigo a colaborar coa documentación: estamos acostumadas a estar no medio das leas entre administracións nas que a peor parte sempre recae sobre nós. Neste caso o concello négase a emitir o informe social da solicitante requirido na convocatoria. Informe social que é absolutamente innecesario, xa que debería ser unicamente o nivel de renda o criterio para conceder ou denegar a axuda, non precisando dun informe dunha traballadora social para acreditar tal extremo.
  • Impedimentos para tramitar a solicitude na Xunta: o xerente parece presumir de que o 24 de novembro mandaron de Compostela dúas funcionarias para axudar cos trámites ás persoas que nos concentramos para solicitar a axuda. Dende a apertura do prazo até a finalización do mesmo, coa excepción do día de dita concentración, na delegación de industria en Vigo o que había era descoñecemento e desinformación e falta de equipos e material para cursar as axudas: a plataforma tiña un funcionamento precario e non existían ordenadores a disposición do público.
  • A miseria da contía da axuda: véndesenos que nesta convocatoria a contía da axuda aumentou até os 90 €, ou 150 de sermos familia numerosa. En tempos en que unha gran parte da poboación sofre a cotío a chamada pobreza enerxética, en que moitas de nós sufrimos cortes de luz por non poder pagar as elevadas facturas, a escaseza do importe das axudas parécennos un insulto. Unha vez máis temos que tragar coa propaganda de medidas miserentas e insuficientes que non serven para nada.
  • Excesiva burocratización das convocatorias: ademais de termos que salvar a presentación telemática, a falla de persoal e equipos para a tramitación, volvemos a sufrir os atrancos administrativos, a esixencia de documentación, unha dobre convocatoria para unha única axuda, que nos obriga a superar a mesma “carreira de obstáculos” para conseguir uns poucos euros.
Esiximos que a Xunta, como o resto das administracións, tome en serio o benestar das persoas, e que, dunha vez por todas, mude a concepción asistencialista e miserenta á que nos ten acostumadas, por medio de políticas que vaian a orixe do problema, que ataquen e rachen con este sistema no que mentres moitas pasamos frío, uns poucos enchen os petos especulando coas nosas necesidades básicas.

Coia, maio 2015

Oficina Dereitos Sociais - Coia

Documentación:
Copia do Informe emitido polo xerente de INEGA da consellería de Economía e Industria | Acceder/Baixar.

-- --
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia) | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
5 de maio de 2015 11:51

___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon