venres, xuño 05, 2015

O éxito das candidaturas cidadás e de esquerdas abre a porta ao recoñecemento real da auga como un dereito - A xornada “A auga: un dereito humano”, terá lugar o sábado 6 de Xuño en Santiago de Compostela


Presentación da Xorna "A auga un dereito humano"

“O éxito das candidaturas cidadás e de esquerdas abre a porta ao recoñecemento real da auga como un dereito”. | A xornada “A auga: un dereito humano”, terá lugar mañá en Santiago de Compostela, de 09.30 a 19.00hrs. na Facultade de Filosofía. | Recollerá experiencias contra a privatización en Grecia, Irlanda e Galiza poñendo en común estratexias de loita polo dereito á auga.


Na mañá de hoxe a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, presentou en rolda de prensa a xornada “A auga: un dereito humano”[Programa], que terá lugar durante o día de mañá, sábado 6 de xuño, de 09.30 a 19.00hrs, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía en Santiago de Compostela.

Para Alternativa Galega de Esquerda en Europa “foi sempre unha prioridade colocar na axenda política o debate sobre os bens comúns, que son imprescindíbeis para a vida, entre eles a auga”, polo que este encontro “que pretendemos sexa unha xornada de debate, intercambio e formación”, será realizado “ca esperanza de que na Galiza as cousas poden mudar para ben”, xa que, no marco do éxito das candidaturas cidadás e de distintas candidaturas de esquerdas nos concellos, “que van supoñer que o PP, a dereita máis neoliberal, deixe de gobernar”, dende Alternativa Galega de Esquerda en Europa entendemos que “ábrese unha porta á remunicipalización da auga e para avanzar en que a auga sexa realmente recoñecida como un ben común e, polo tanto, que non se privatice, facendo valer o feito de que é un dereito humano básico ao que tódalas persoas temos que ter acceso”.

Na súa intervención, Senra lembrou como a partir da década dos oitenta do século pasado “o neoliberalismo económico impuxo privatizacións de servizos públicos e bens comúns”. É neste contexto no que no ano 1992 decídese na Conferencia Internacional sobre a Agua e o Medio Ambiente (Conferencia de Dublín) darlle un valor económico a auga “provocando que, a partir deste momento, a cobiza para conseguir a privatización da auga aumente cada día”.

A día de hoxe, en todos aqueles Estados intervidos pola Troika, como no caso de Irlanda, Portugal, Italia, Grecia ou o Estado español, “arrecia este intento de obter beneficios económicos a partir deste ben básico, aprobando leis que avanzan no camiño da privatización”. Tamén na Galiza, onde no ano 2010 aprobouse a Lei de Aguas de Galicia, “que abre as portas a esta privatización”.

A  eurodeputada de AGEe, salientou dous eixos principais do debate a desenvolver na xornada deste sábado,  “un deles é a privatización do propio acceso ao dereito á auga, ao ben común da auga, que significa pagar polo simple feito de acceder a auga” e, por outra banda,  “a privatización do propio servizo de subministro de auga”.

A xornada contará con tres bloques temáticos diferenciados. O primeiro deles, “As loitas sociais en contra da privatización da auga”, recollerá as experiencias do grego Georgios Archontopoulos, Presidente do Sindicato ΕΥΑΘ e membro do Secretariado de “SOSte to nero” -“Salvemos a auga”; Brendan Ogle, da Campaña polo Dereito á Auga en Irlanda; Isabel Vilalba Seivane, Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego e integrante da Plataforma Galega contra a Lei de Augas, e Alexandre Carrodeguas, da Iniciativa Cidadá pola Xestión Pública e Social do Ciclo da Auga e do Saneamento en Ferrol.

O segundo eixo desenvolverase baixo o epígrafe “A privatización do acceso á auga en países intervidos pola Troika”, no que participarán a membra do Secretariado de Syriza en Tesalónica Alexandra Krasopoulou, integrante tamén do Comité de Syriza contra a privatización da compañía de augas de Tesalónica; o irlandés Daithí Doolan, concelleiro do Sinn Féin en Dublín, e Antón Sánchez, deputado da Alternativa Galega de Esquerda (AGE).

A xornada pechará cun bloque temático especificamente galego, “A xestión da auga. O papel das empresas. O proceso de privatización nos concellos. Experiencias de re-municipalización”, a cargo de Rafael Sisto (Anova), que debullará as claves da recente remunicipalización da auga no Concello de Teo, e  Rubén Pérez (Marea de Vigo) que exporá cal é actualmente a situación do subministro no Concello de Vigo.
---
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde (AGEe - GUE/NGL).
|
Tlf: 609 845 861
|
lidia.senra@europarl.europa.eu



Máis información en
:

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
5 de junho de 2015 17:49
______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon