xoves, xullo 09, 2015

A alianza neoliberal vota no Parlamento Europeo a favor do mecanismo de resolución de conflitos entre empresas e Estados (ISDS) - Para eludir votar a emenda que podía parar o ISDS, o Partido Socialista presentou unha emenda de compromiso, que foi aprobada - Lidia Senra: "O TTIP converteríanos en persoas sen dereitos escravas das multinacionais"


Lidia Senra: "O TTIP converteríanos en persoas sen dereitos escravas das multinacionais". | A alianza neoliberal vota no Parlamento Europeo a favor do mecanismo de resolución de conflitos entre empresas e Estados (ISDS). | Para eludir votar a emenda que podía parar o ISDS, o Partido Socialista presentou unha emenda de compromiso, que foi aprobada.


Na mañá de hoxe tivo lugar a votación do informe de recomendacións do Parlamento Europeo á Comisión Europea relativas ás negociacións da Asociación Transatlántica de Comercio e Inversión (ATCI) -máis coñecido como o TTIP (Transatlantic Trade and Investment Partnership)-, elaborado pola Comisión de Comercio Internacional do Parlamento Europeo.

O debate e votación deste informe foron adiados polo presidente do Parlamento, o socialista Martin Schulz, na sesión plenaria do mes pasado, diante da posibilidade de que o mecanismo de resolución de conflitos ISDS ficase excluído[1].

Hoxe asistimos de novo á confirmación de que a grande alianza neoliberal está disposta a empregar todo tipo de artimañas para sacar adiante instrumentos cos que someter aos pobos baixo os intereses do capital. Para impedir o bloqueo do ISDS foi presentada polo autor do informe, o tamén socialista Bernd Lange, unha enmenda de compromiso -aprobada- que deixa a porta aberta á implementación destes pseudotribunais entre empresas e Estados. Finalmente, o informe de recomendacións saíu aprobado con 436 votos a favor e 241 en contra.

Dende Alternativa Galega de Esquerda en Europa e dende o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nordica "temos a responsabilidade de seguir alertando de que a Unión Europea e os Estados Unidos están negociando un grande nivel de transferencia de soberanía dos pobos ás grandes corporacións transnacionais", sinalou Lídia Senra.

De feito, moitos dos recortes impostos á cidadanía pola Troika a través do Partido Popular, como a restrición de dereitos laborais, os recortes en servizos públicos... ou medidas impulsadas directamente dende a Unión Europea, como a liberalización de sectores produtivos como o leiteiro,  "xa están na liña de preparar o terreo para este grande acordo que, se non paramos, convertiranos en persoas sen dereitos e escravas das multinacionais".

"Estamos diante dun acordo que ataca a democracia", advertiu a eurodeputada galega, "que ataca o principio de precaución, os servizos públicos, os dereitos laborais, as pequenas e medianas explotacións agrarias, as pequenas e medianas empresas, e que aparta aos produtores e produtoras dos seus mercados locais e de proximidade".

AGEe votou en contra deste informe e seguiremos esixindo a suspensión inmediata das negociacións.

Estrasburgo, 8 Xullo 2015.

[1] Ver NdP100615AGEe_A suspensión do debate sobre o TTIP é unha burla á cidadanía
---
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde (AGEe - GUE/NGL). |
lidia.senra@europarl.europa.eu



Máis información en
:
Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
8 de julho de 2015 18:07

_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon