venres, xullo 10, 2015

Convocada a 9ª Marcha a Pé Ferrol-Mugardos contra o despropósito gasista de Reganosa - O venres 17 de xullo, desde Caranza ás 5 da tarde, no Parque Caremelo Teixeiro

Tags

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, como xa é tradicional, convoca para o vindeiro:

Venres 17 de Xullo, de 2015 a IX Marcha a pé Ferrol-Mugardos

Co lema: Móvete contra a impunidade. Planta de Gas: Peche Xá! Fóra da Ría!
A saída será ás 17:00hs (cinco da tarde), desde o Parque Carmelo Teixeiro, en Caranza – Ferrol; percorrendo a ponte de As Pías, Perlío, Barallobre, Maniños, Franza, A Pedreira, Reganosa, Mehá e chegada ao Campo dos Carneiros en Mugardos, onde se celebrará un sinxelo acto de confraternidade, con música e merenda.​

Desde hai oito anos vimos marchando ano pos ano, covocad@s polo  Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, desde que o fixeramos por primeira vez en Xullo de 2007, trataba-se de solidarizar-se coa veciñanza de Meá que comezara un peche na Casa do Concello de Mugardos, peche que durou 111 días. Na dura loita contra REGANOSA, desde 1999, o papel da veciñanza de Meá, perante estes 16 anos foi e segue sendo moi importante, mais estes 111 días de peche, foron enriquecedores para o movemento social e cidadán opositor a REGANOSA e ao seu despropósito gasístico no corazón da nosa Ría: a Planta de Gas. [1]

As tácticas de Reganosa, para asentar-se na Ría de Ferrol xogan co mecenado e cunha suposta, por non dicir falsa, contribución ao desenvolvemento industrial e a creación de emprego. O que supón de chantaxe, nunha comarca en declive e deprimida, social e economicamente. A pesar, non só de ser un potencial perigo para a poboación que moramos na contorna da ría de Ferrol (pois a capacidade de destrución de Reganosa, e mesmo a dun buque gaseiro, é similar a dunha bomba atómica, maior que as que destruíron Hirosima e Nagasaki en Agosto do 1945), senón que tamén, por ser unha planta deficitaria desde que se puxo en funcionamento, porque ademais do custe millonario inicial, ven-nos custando a tod@s, ano pos ano, ao redor de 60 millóns de euros. Reganosa xoga ao mecenado con clubs deportivos; coa construción dun museo que albergará ao desmantelado (por eles mesmos) asentamento romano de Cadaval; como fonte de ingresos en concepto de propaganda (moitas veces encuberta) para os medios; con que enche o peto municipal de Mugardos;  ou que dispara as estatísticas do Porto de Ferrol en movemento de toneladas de mercancías ano; ... anda ás voltas con Navantia, a Xunta de Galicia -que puxo 222.000 euros- e a Autoridade Portuaria, para un "proxecto" de buque gasofeiro que desenvolvería a súa actividade con base en Punta Promontorio, coa suposta perspectiva mundial do aumento de buques que van utilizar o GNL como combustíbel, establecendo un Hub de suministro de LNG/GNL na Ría de Ferrol. Para o que solicitan xa, a prevista ampliación da súa capacidade de almacenamento de gas natural licuado. Sacrificando unha vez máis a Ría, a nivel medio ambiental e aumentando o perigo potencial de por si ameazada seguridade e vida da poboación.  Asunto ao que o Comité Cidadán xa manifestou a súa oposición.

O último de Reganosa é a solicitude de ampliación da concesión das instalacións portuarias que ocupa xunto a Forestal del Atlántico (Grupo Tojeiro) que remata en 2017. Solicitude que se realiza con dous anos de antelación! Asunto ao que o Comité Cidadán de Emerxencia ven presentar as oportunas alegacións, partindo en primeiro lugar de que a concesión está feita a Forestal, e o cambio de uso, ao compartila con Reganosa, debera iniciar un novo trámite para concederlla, cousa que o Comité ten denunciado.


Pasaron xa tres anos desde que o 11 de Maio de 2012 se ditou a Sentenza polo Tribunal Supremo, onde a planta xa foi declarada ilegal, en sentenza inapelábel. O 15 de Setembro de 2014, foi admitido a trámite, polo Tribunal Supremo, o Recurso de Casación contra a decisión da Xunta de Galicia e o Concello de Mugardos que denegan a nulidade do novo PXOM en execución da mencionada Sentencia.

Tras a Sentenza do Tribunal Supremo, que declara ilegal a localización de Reganosa, temos que esixir o fin desta ameaza e deste malgasto de cartos públicos. Temos que esixir o seu peche definitivo.
  • QUE SE CUMPRA A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO XA! 
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA  !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA  !!
  • MÓVETE CONTRA A IMPUNIDADE !!
  • PECHE XA!!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA  !!

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


[1] Podes-se ver a crónica destes 111 días, no blogue: "Rompendo muros de silencio".

Información baseada na enviada por:
comitecidadan
-comitecidadan@gmail.com-
10 de julho de 2015 00:59
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon