EN SOLIDARIEDADE CO POBO GREGO, POR TOD@S NÓS,
POR UN NON (OXI) ROTUNDO Á CHANTAXE DA TROIKA
CONCENTRACIÓN NA PRAZA DE ARMAS DE FERROL
SÁBADO 4 DE XULLO DE 2015
ÁS 12 DO MEDIODÍA.
O pobo grego leva tempo sufrindo os graves efectos da crise financeira mundial. Do mesmo xeito que moitos outros países, para evitar o desplome da banca e facer fronte ó buraco deixado por esta endebedouse. A fraxilidade da súa economía produtiva, a incompetencia e corrupción dos seus pasados gobernos, e o elevado dos intereses pagados á banca privada polos empréstitos fixo medrar esta débeda de forma perigosa. Neste panorama, o Fondo Monetario Internacional, o Banco Central Europeo e os estados da Eurozona, que comunmente denominamos Troika, ofreceron adquirir toda a débeda e renegociar as condicións de pago da mesma. O que podía parecer un salvavidas para o pobo grego, terminou sendo un rescate encuberto da banca privada propietaria da débeda, que pasou de correr o risco de non cobrar nunca, a vendela a prezos vergoñentas, facendo un negocio redondo. O peor é que o trato tiña un lado escuro, xa que permitía intervir na política do país. A Troika ditou a aplicación das medidas austericidas que tanto nos soan, os recortes, pero cunha intensidade sen precedentes nun pais europeo en tempos de paz. Todo para derivar eses cartos ó pago dos intereses á banca privada e á propia Troika, danando gravemente ó pobo e á economía de Grecia: destrución de convenios colectivos, descenso dos salarios un 25%, baixada do salario mínimo a niveis dos anos 60, aumento esaxerado da taxa de suicidios, extensión da pobreza ó 35% da poboación, paro do 25 % (no caso dos xovenes, o 60%), etc.
Neste contexto, a vitoria de Syriza nas eleccións marca un cambio de rumbo: da man dun goberno cun proxecto económico racional e socialmente comprometido, conseguen ós poucos meses unha mellora notable: son quen de afrontar os pagos e prorrogar o rescate mentres implantan medidas que permiten subsistir dignamente á cidadanía -dando axudas para enerxía, alimentación e vivenda para a poboación baixo o adro da pobreza, subindo o salario mínimo e complementando as pensións máis baixas- mentres aplican recortes en custos disparatados coma o militar. O último dos seus logros: demostrar hai uns días a ilexitimidade da débeda contraida mediante un estudio da mesma por unha comisión independente, e que aporta argumentos sobre o necesario da renegociación da mesma.
Esta raiola de esperanza, tanto para Grecia como para o resto de economías europeas que, como en Ferrolterra. Galiza e no resto do Reino de España, están a sufrir as consecuencias do austericidio, é unha molestia para a Troika, que só pensa en lucrarse explotando o negocio da débeda, aínda que sexa a costa do sufrimento dun pobo. Temen que cunda o exemplo, que a cidadanía vexa que hai unha forma máis xusta de saír da crise. É por iso que no seu momento se adicaron a facer campaña en contra de Syriza; e tamén o motivo polo que nas últimas negociacións esixiron un recrudecemento inasumible das medidas de austeridade, ou o pago de 1600M€. Unha chantaxe que pretende esmagar o mal exemplo que supón a posición insubmisa de Grecia fronte á Troika: porque se se acepta, o goberno de Syriza quedaría deslexitimado, e o pobo grego condenado á miseria, e abocado ó neonazismo coma opción política. E se non acepta, se ameaza coa suspensión de pagos, a expulsión do euro, a quebra da banca e a ruína.
En xaque, o goberno grego decide convocar un referendo para que sexa o pobo grego quen decida se se aceptará ou non as medidas coercitivas impostas pola Troika, e que terá lugar o vindeiro domingo 5 de xullo.
Hoxe concentrámonos para amosarlle ao pobo grego o noso respaldo e solidariedade e berrar: ¡basta xa de abusos e imposicións!
Porque hai outra Europa posible, a Europa Solidaria, Social e dos Pobos; unha Europa Democrática e con Xustiza Social, medio ambiental e economicamente Sostible.
Porque a vida das persoas debe antepoñerse ós beneficios económicos.
Por to@s nós, no Referendum, un NON (OXI) rotundo á chantaxe da Troika.
¡Troika non! ¡Grecia sí! #Oxi!
En Ferrolterra, 4 de Xullo de 2015
Comité de Solidariedade co Pobo Grego
Discurso do referendum
Alexis Tsipras
Compañeir@s greg@s,
Durante seis meses o goberno grego librou unha batalla en condicións de asfixia económica sen precedentes para levar a cabo o mandato que nos destes o 25 de xaneiro. Mandato que estivemos negociando cos nosos socios para poñer fin á austeridade e para permitir que a prosperidade e a xustiza social regresen de novo ao noso país.
Foi un mandato para un acordo sostible que respectase a democracia e as regras comúns europeas e para dar lugar á saída definitiva da crise.
Ao longo dese período de negociacións, pedíusenos que implementásemos os memorándums acordados por gobernos anteriores, aínda que o pobo grego os condease categoricaemte nas eleccións.
Porén, en ningún momento pensamos en rendernos, é dicir, en traizoar a vosa confianza.
Despois de cinco meses de duras negociacións, os nosos socios, por desgraza, levaron ao Eurogrupo, antes de onte, un ultimátum á democracia grega e ao pobo grego.
Un ultimátum é o contrario aos principios e valores fundadores de Europa, os valores do noso proxecto común europeo.
Pediron ao goberno grego que aceptase unha proposta que inclúe unha nova carga insostible para o pobo grego e que socava a recuperación da economía e da sociedade grega, unha proposta que non só perpetúa o estado de incerteza, senón que acentúa aínda máis as desigualdades sociais.
A proposta das institucións inclúe medidas que conducen á desregulación do mercado de traballo, recortes nas pensións, máis reducións nos salarios do sector público e un incremento do IVE dos alimentos, restaurantes e turismo; ao tempo que elimina as exencións fiscais para as illas gregas.
Estas propostas violan directamente os dereitos sociais fundamentais europeos. Mostran, no que toca ao traballo, igualdade e dignidade, que o obxectivo dalgúns dos nosos socios e institucións non é un acordó viable e beneficioso para todas as partes, senón a humillación do pobo grego todo.
Nestas propostas destaca principalmente a insistencia do FMI na austeridade severa e punitiva e fai máis necesaria ca nunca a necesidade de que as potencias europeas aproveiten a oportunidade e tomen a iniciativa para chegar a un fin definitivo da crise de débeda soberana grega, unha crise que afecta a outros países europeos e que ameaza o mesmo futuro da integración europea.
Compañeir@s greg@s,
Neste momento descansa sobre os nosos ombros a responsabilidade histórica, conducida polo pobo grego a través da loita e dos sacrificios, pola consolidación da democracia e da soberanía nacional. A nosa responsabilidade polo futuro do país.
Hai un intre, na reunión do Consello de Ministros, propuxen a organización dun referéndum para que o pobo grego poida decidir de xeito soberano.
A proposta foi aceptada por unanimidade.
Mañá, a Cámara de representantes será convocada con urxencia para ratificar a proposta do Consello de Ministros de que se celebre un referéndum o próximo domingo 5 de xullo sobre a cuestión da aceptación ou o rexeitamento da proposta das institucións.
Xa informei sobre a miña decisión ao presidente de Francia, á chanceler de Alemaña e ao presidente do BCE, e mañá pedirei formalmente por carta aos líderes e institucións da UE que extendan por uns días o actual programa para que o pobo grego poida decidir libre de calquera presión ou chantaxe, como o esixe a Constitución do noso país e a tradición democrática de Europa.
Compañeir@s greg@s,
Ante a chantaxe do ultimátum que nos pide que aceptemos unha austeridade severa e degradante sen fin e sen perspectivas de recuperación económica e social, pídovos que respondades de maneira soberana e orgullosa, como nos manda a historia do pobo grego.
Ante o autoritarismo e a dureza da austeridade, responderemos con democracia, con calma e con decisión.
Grecia é o berce da democracia e vai enviar unha resposta contundente e democrática a Europa e ao mundo.
Persoalmente, comprometinme a respectar o resultado da escolla democrática, sexa cal sexa.
E estou absolutamente seguro de que a vosa escolla honrará a historia do noso país e enviará unha mensaxe de dignidade ao mundo.
Nestes momentos críticos, temos que lembrar todos que Europa é o fogar común dos pobos. Que en Europa non hai propietarios e hóspedes.
Grecia é, e seguirá a ser, unha parte integrante de Europa e Europa unha parte integrante de Grecia. Pero sen democracia, Europa será unha Europa sen identidade e sen rumbo.
Convídovos a todos a mostrar a unidade nacional e a tranquilidade, co fin de tomar as decisión correctas.
Para nós, para as xeracións futuras, para a historia dos gregos.
Pola dignidade e a soberanía do noso pobo.
Atenas, 27 de xuño, 1 da mañá.
___________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon