domingo, xullo 05, 2015

Sorpresa e desconcerto, ... Por Rafael Pillado


Por Rafael Pillado [*]
05.07.2015


Sorpresa e desconcerto

Lía esta mañá a columna que escribe Enrique Barreira. Debo dicir que o autor meréceme respecto, o mesmo que a súa opinión manifestada ao longo de moitos anos. Con todo, o que hoxe escribe sobre Grecia rompe esa opinión de forma rotunda.

Segundo el, para defender a dignidade do pobo heleno, hai que contar con moeda propia, lograr complicidades e dar garantías de loita contra a fraude, ademais de acabar con abusivas pensións. Ata, reestruturar a débeda para crecer economicamente e dispoñer de recursos para axudas sociais. E di, ¡así de sinxelo!

Conclúe coa idea de que era unha quimera impoñerse á unión europea. Ata nos di aos que aplaudimos o triunfo de Syriza que hoxe miramos para outro lado.

Ao meu xuízo, totalmente desenfocado. Non sé o que pensa Enrique das medidas que a troika aplicou a España. En calquera caso, ditas medidas foron ditadas polos intereses económicos e financeiros. Seica os desafiuzamentos, a reforma laboral, os baixos salarios, a progresiva liquidación do fondo de pensións, a privatización xeneralizada, etc. son aceptables? ¡Que nolo explique!
Que suxire, que asumamos as directrices da chamada troika? Que traguemos o que nos boten?

Algunhas ideas respecto diso. Estes días reuníase un comité constituído por personalidades internacionais que ditaminou que a débeda grega é ilexítima. Pero é que a súa débeda non caeu, como en España, do ceo. Nace das políticas desenvolvidas durante anos polos partidos Pasok e Nova Democracia nun proceso bipartidista, a semellanza do sucedida en España, cuxos beneficiarios eran os bancos e multinacionais. E, ademais, ambos partidos aplicaron as esixencias da troika, sen poñer resistencia. ¡Así chegamos ata aquí! Lograron solucións? ¡Pola contra a crise profundouse! E hai que dicir que cun descrédito superlativo deses partidos. Syriza leva só meses gobernando.

Por outra banda, non ter moeda propia, impide defender a dignidade, que é o que nos queda aos que nada temos ou tendo-o quítannos-lo?

E di Enrique que garantan a loita contra a fraude fiscal. Pero, quen son os defraudadores e os corruptores? Seica non comprobamos como Jean-Claude Juncker Presidente da Comisión europea fixera trampa a toda Europa, dando refuxio a empresas e entidades financeiras en Luxemburgo; Mario Dragui, sendo asesor do desastre financeiro en Grecia. Logo pasan a postos claves.

E fala de abusivas pensións. Cando os que se levan os diñeiros son empresas e financeiros, burlando a legalidade, cando non se escudan nunha legalidade á súa medida.

Non che entendo Enrique. Os rescates sucesivos, é dicir, os millóns de euros que entregou a troika a Grecia, foron aos bancos alemáns e franceses. O pobo grego non os viu nin polo forro. Claro que o goberno de Syriza quere reestruturar a débeda, promover o crecemento. Pero o que queren, non Europa, senón os grupos financeiros que a teñen secuestrada, é dar un escarmento ao pobo que non se resigna a ser un mero convidado de pedra. Sinalándolle que as súas decisións soberanas non poden apoiar a un partido como Syriza, por moi democraticamente que o decidiron. Para eses poderes, a democracia vale ata onde eles queren.

Laméntoo Enrique. Prefiro estar con ese pobo e o seu goberno que rexeitan a imposición da troika a ser un mero instrumento de interese espúreos. Hai que apoiar á nación grega. Hai que mobilizarse, como fixeron os pobos alemán, británico, francés, etc.

Por certo, moitos miramos aos helenos convencidos de que gañarán esta partida, por dura que lla poñan.

Nota.- Escrito o 29 de Xuño de 2015

[*] Rafael Pillado Lista, San Cibrao (Cervo) o 12 de xuño de 1942, xubilado de BAZAN,  é Vicepresidente da A.C. Fuco Buxán e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Foi un activista sindical e político nos anos da ditadura franquista, sen deixar nunca a súa actividade social e política. Participou no Encontro Social e na Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra. Agora fai-no nas Marchas da Dignidade de Ferrolterra. Escribe artigos sobre a actualidade nos medios locais. Ten escrito un importante e moi interesante libro sobre unha parte da nosa historia recente "O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado - I (Primeiro Volume)".

Enviado por:
Rafael Pillado
-rafaelpillado@gmail.com-
4 de julho de 2015 12:37
__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon