Este xoves, 8 de Outubro de 2015, igual que nas outras cidades da Galiza, en Ferrol vai ter lugar unha mobilización das Marchas da Dignidade. Ás 18:30hs realizara-se unha concentración na Praza Amada Garcia (Diante do Edificio da Xunta de Galicia).
A Asemblea das Marchas da Dignidade de Ferrolterra, acordou convidar a todos os colectivos, organizacións sociais e políticas, comprometidos coa transformación social e a defensa do ben común, a participar neste acto, tomando a palabra para explicar os seus obxectivos de loita, a problemática social á que se enfrontan, ou simplemente compartir análise da conxuntura onde temos que dar esta loita que se vai concretar o próximo 24O na Praza do Obradoiro.
As Marchas da Dignidade reunidas na cidade da Coruña o pasado 19 de setembro decidiron ratificar o calendario de accións, que se realizarán no contexto da loita europea que están tendo lugar neste mes de Outubro, por unha outra Europa posíbel, para responder, desde a mobilización e a concienciación, ás políticas austericidas implementadas pola Troika e secundadas polos gobernos cómplices.
As Marchas da Dignidade da Galiza, acordaron neste contexto que a súa participación se concreta, ademais das mobilizacións e accións comarcais e locais, nunha concentración nacional en Santiago de Compostela, o próximo sábado 24 de Outubro, onde chegarán columnas que desde diferentes vilas e cidades da Galiza confluirán na Praza do Obradoiro, ás 12 do mediodía.
A concentración en Ferrol para este xoves 8 de outubro, tamén ten o fin de mobilizar e concienciar na participación cara o #OBRADOIRO24O.
O lema que escolleron foi "Camiñando cara ao Obradoiro: Fora Rajoy, Fora Troika! Pan, traballo e teito" .
A crise económica acelerou en Europa a imposición da orde neoliberal, baseado na tiranía do poder financeiro, a primacía do diñeiro sobre a soberanía popular, a privatización de servizos públicos e a transformación dos cidadáns en clientes.
A imposición destas políticas na Galiza e no resto do Estado Español, da man do Partido Popular e outros gobernos afíns, xerou pobreza, exclusión, represión e indignación na maioría da poboación. Tamén grandes beneficios para o corrupto poder financeiro.
As Marchas da Dignidade participan na promoción e preparación das Marchas Europeas pola Xustiza e a Dignidade, xunto a numerosas organizacións do continente e baixo 4 reivindicacións básicas acordadas no Encontro Alternativo en marzo: Confrontar as políticas austericidas e de privatización de servizos públicos da Troika; os pobos teñen que ser consultados, acabar cos Paraísos Fiscais na Unión Europea (UE) e deter as negociacións secretas do TTIP entre Estados Unidos e a UE.
As Marchas da Dignidade incorporarán a estes puntos unitarios as súas propias reclamacións de Pan, Traballo, Teito e Dignidade, facendo especial mención á súa demanda de derrogación das reformas laborais e a lei mordaza; a esixencia de prestacións para todas as persoas sen emprego; rematar coa pobreza enerxética; garantir a alimentación e o dereito a unha vivenda digna, á saúde, aos coidados e ao ensino; e combater a violencia machista, a homofobia e a xenofobia. Na Galiza, o dereito de autodeterminación dos pobos, o dereito a decidir, forma parte das reivindicacións do Manifesto constituínte.
Entre o 1 e o 15 de outubro, estas Marchas xa comezaron a percorrer Europa con itinerarios converxentes, que tocando todos os paraísos fiscais da UE, realizando actos nas cidades do percorrido, para finalmente chegar o 15 de Outubro a Bruxelas, o mesmo día que se iniciará un Cume da Unión Europea. Coa chegada da Marcha, ese mesmo día, apoiando a iniciativa dos movementos belgas, farase un cerco simbólico do Cume oficial, para a continuación abrir un Cume Social Europeo, cunha Conferencia sobre a Débeda e un debate sobre Políticas de “Austeridade” e Pobreza na UE que culminará o sábado 17 de outubro cunha gran manifestación europea no Día Mundial contra a Pobreza. O mesmo 16 de outubro instalarase en Bruxelas un campamento contra o TTIP (Acordo Transatlántico de Comercio e Investimentos).
En Ferrolterra, desde Marzo as Marchas veñen reivindicando un plan de choque contra o paro e unha renda básica, para toda persoa que non teña ningún tipo de prestación económica. Coa implicación de todas as administracións, para paliar a situación de declive económico e social na que estamos inmersos. Consideramos que a Ría é unha oportunidade para o emprego, comezando polo seu saneamento, limpeza e recuperación, seguindo polo seu aproveitamento pesqueiro e marisqueiro, mais tamén a loita contra o cambio climático como xerador de emprego, con empresas públicas ou de economía social dedicadas á rehabilitación, a reciclaxe, a reutilización e a recuperación.
Marchas da Dignidade Ferrolterra
Contacto: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com | Blogue de apoio ás Marchas de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/ | Blogue Galego: http://marchasdadignidade.blogspot.com/ | Web Estatal: http://marchasdeladignidad.org/ .
____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon