O próximo 24 de Outubro na Praza do Obradoiro.
As Marchas da Dignidade, estan-se mobilizando este mes de Outubro no contexto das loitas a nivel europeo que teñen lugar en diferentes países, cidades e vilas, por unha outra Europa posíbel, por unha Europa Democrática, Solidaria, Social e dos Pobos. Para responder, desde a mobilización e a concienciación, ás políticas austericidas implementadas pola Troika e secundadas polos gobernos cómplices.
As Marchas da Dignidade pulan pola unidade popular contra as políticas neoliberais emanadas e impostas dede o Eurogrupo, o Banco Centra Europeo e o Fondo Monetario Internacional (Troika) e os gobernos cómplices que as aplican en beneficio propio e das grandes corporacións e bancos transnacionais, que pagan favores contratando, con sumas astronómicas, a membros deses gobernos nos seus consellos de administración e viceversa, o que se ven chamando as portas xiratorias na política das elites corruptas que deciden sobre a vida das persoas..
Despois das mobilizacións e accións comarcais e locais do pasado día 8 deste mes, as Marchas da Dignidade chaman a encher o Obradoiro nunha concentración nacional en Santiago de Compostela, o próximo sábado 24 de Outubro, onde chegarán columnas que desde diferentes vilas e cidades da Galiza confluirán na Praza do Obradoiro, ás 12 do mediodía. Ferrolterra irá na Columna Norte que partirá da explanada do antigo Mercado do Gando, ás 11 da mañá, marchando por Xoán XXIII e San Francisco até o Obradoiro.
Desde Ferrol sairán autobuses, para dirixir-se a Compostela, co fin de mobilizar, concienciar e participar no #OBRADOIRO24O. Precisamente cando se dan a coñecer os datos de que hai máis de 13 millóns de persoas pobres ou en risco de exclusión social no conxunto do Estado Español, cun desemprego de máis de cinco millóns, dos cales 250 mil só en Galiza. Mariano Rajoy e o Partido Popular que goberna, presumen de “medio millón de parad@s menos”, cando marcharon máis de 2 millóns de persoas fóra da península (entre inmigrantes que retornaron empobrecidos aos seus países de orixen e a nosa mocidade xa formada que busca futuro noutros lugares). Ou cando por mor da reforma laboral hai máis de 2 millóns de traballadores/as probes, mais con emprego ou subempregad@s (baixos salarios, sen dereitos, precarizados e moito peores condicións laborais e de seguridade), e máis de 350.00 persoas que perderon a súa vivenda, ...
A crise económica acelerou en Europa a imposición da orde neoliberal, baseada na tiranía do poder financeiro, a primacía do diñeiro sobre a soberanía popular, a privatización da xestión dos servizos públicos e a transformación dos cidadáns en clientes.
A imposición destas políticas na Galiza e no resto do Estado Español, da man do Partido Popular e outros gobernos afíns, xerou pobreza, exclusión, represión e indignación na maioría da poboación. Tamén grandes beneficios para o corrupto poder financeiro e os políticos cómplices.
As Marchas da Dignidade participaron na promoción e preparación das Marchas Europeas pola Xustiza e a Dignidade, xunto a numerosas organizacións do continente e baixo 4 reivindicacións básicas acordadas no Encontro Alternativo en marzo: Confrontar as políticas austericidas e de privatización de servizos públicos da Troika; os pobos teñen que ser consultados; acabar cos Paraísos Fiscais na Unión Europea (UE) e deter as negociacións secretas do TTIP entre Estados Unidos e a UE.
As Marchas da Dignidade incorporarán a estes puntos unitarios as súas propias reclamacións de Pan, Traballo, Teito e Dignidade, facendo especial mención á súa demanda de derrogación das reformas laborais e a lei mordaza; a esixencia de prestacións para todas as persoas sen emprego; rematar coa pobreza enerxética; garantir a alimentación e o dereito a unha vivenda digna, á saúde, aos coidados e ao ensino; e combater a violencia machista, a homofobia e a xenofobia. Na Galiza, o dereito de autodeterminación dos pobos, o dereito a decidir, forma parte das reivindicacións do Manifesto constituínte.
As Marchas, xunto a outras plataformas, percorreron Europa con itinerarios converxentes, tocando todos os paraísos fiscais da UE, realizando actos nas cidades do percorrido, chegando finalmente o pasado 15 de Outubro a Bruxelas, o mesmo día que se iniciou un Cume da Unión Europea. Coa chegada das Marchas, ese mesmo día, apoiando a iniciativa dos movementos belgas, fixo-se un cerco simbólico do Cume oficial, para a continuación abrir un Cume Social Europeo, cunha Conferencia sobre a Débeda e un debate sobre Políticas de “Austeridade” e Pobreza na UE culminando o sábado 17 de outubro cunha gran manifestación europea no Día Mundial contra a Pobreza. O mesmo 16 de outubro instalaou-se en Bruxelas un campamento contra o TTIP (Acordo Transatlántico de Comercio e Investimentos).
En Ferrolterra, desde Marzo as Marchas da Dignidade veñen reivindicando un plan de choque contra o paro e unha renda básica, para toda persoa que non teña ningún tipo de prestación económica. Coa implicación de todas as administracións, para paliar a situación de declive económico e social na que estamos inmersos. Consideramos que a Ría é unha oportunidade para o emprego, comezando polo seu saneamento, limpeza e recuperación, seguindo polo seu aproveitamento pesqueiro e marisqueiro, e mesmo turístico e de lecer, mais tamén a loita contra o cambio climático como xerador de emprego, con empresas públicas ou de economía social dedicadas á rehabilitación, a reciclaxe, a reutilización e a recuperación.
Participa !! Ven a Compostela o 24O !! Nós Imos !!
Fora Rajoy, Fora Troika! Pan, Traballo e Teito !!
Marchas da Dignidade Ferrolterra
Folla Informativa en Formato pdf: Accede/Baixa.
Evento no facebook:
https://www.facebook.com/events/982674298443504/
Contacto: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com | Telefono 603213863 | Blogue de apoio ás Marchas de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/ | Blogue Galego: http://marchasdadignidade.blogspot.com/ | Web Estatal: http://marchasdeladignidad.org/.
______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon