xoves, novembro 26, 2015

A eurodiputada galega Lídia Senra rexeita a intervención militar en Siria e insta a establecer "unha cultura da paz"


Senra rexeita a intervención militar en Siria e insta a establecer "unha cultura da paz". | Na mañá de hoxe o Parlamento Europeo debateu sobre a reacción da Unión Europea fronte aos atentados sufridos en París o pasado venres. | AGEe demanda unha estratexia baseada no cese do financiamento aos terroristas e a contribución sólida ao empoderamento dos pobos.


No marco da sesión plenaria que está a ter lugar en Estrasburgo durante esta semana [1], o Parlamento Europeo debateu como primeiro punto da orde do día de hoxe a situación xerada na Unión Europea logo dos atentados sufridos en París o pasado venres.

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, reiterou o seu "máis fondo pesar e total rexeitamento aos recentes atentados de París, Túnez, Beirut e Bamaco. Non hai escusa, nin xustificación para o terrorismo", salientou. Aliás, recalcou a eurodeputada galega, "manifesto tamén o mesmo pesar e rexeitamento polas mortes que ocasionan as potencias occidentais alí onde están intervindo". Porque, abondou, "o  que vostedes chaman 'efectos colaterais', son tamén asasinatos de civís indefensas e indefensos, vítimas exactamente iguais que as que provocan os terroristas".

Senra instou ao Parlamento a reaccionar con responsabilidade e non contribuír a un aumento da tensión internacional, porque "a violencia, xera violencia, e non son as armas nin a vinganza o xeito de resolver os conflitos".

Os intereses económicos e  neocoloniais dos Estados do Norte levan décadas xerando pobreza e miseria nos países do Sur,  provocando e alentando guerras, conflitos e enfrontamentos fraticidas "co único fin de manter no poder a quen en cada momento entenden que apoia os intereses económicos das multinacionais para as que gobernan", sinalou. "Nestes mesmos días moitas voces están lembrando como a propia Hillary Clinton confirmou que os Estados Unidos financiaron a Al Qaeda, ou as recentes declaracións de Blair asumindo que a intervención en Irak foi un aliciente para o reforzamento do ISIS", citou como exemplo.

Polo tanto, tras a esta presión bélica reiterada contra países concretos que están a impoñer as potencias occidentais, "non se atopa a vontade de velar pola nosa seguridade, nin tampouco a de apoiar a democracia nin a mellora das condicións de vida dos pobos do Sur, senón  o interese duns poucos".

Lídia Senra tamén criticou duramente hoxe dende Estrasburgo o xeito no que se están a instrumentalizar os atentados perpetrados en París o pasado 13 de novembro, esixindo que as institucións europeas e os gobernos do Estados "non caian na tentación de  crear pánico nos nosos pobos e xerar un clima de terror para que aceptemos de bo grado mais intervencións militares no exterior e maiores medidas represivas nos nosos países", unha situación que, ademais, contribuiría a xerar medo e rexeitamento cara as persoas refuxiadas que chegan a territorio europeo, "persoas que precisamente foxen das consecuencias das nosas actuacións".

Así, a eurodeputada de AGEe acusou aos gobernos occidentais de estar a intentar empregar a loita contra o terrorismo "para introducir as medidas represivas que vostedes precisan para silenciarnos mentras nos rouban os bens comúns e os servizos públicos, destrúen emprego e déixannos sen teito  nin pan", enfatizou Senra.

"Se realmente queren combater o terrorismo prohiban o tráfico e venda de armas, denuncien a quenes financian estes grupos a través da compra de petróleo a baixo custo, bloqueen as súas fontes de financiamento", recomendou. Para procurar realmente unha convivencia en paz, "permitan que os pobos recuperen realmente a súa soberanía e podan ser donos dos seus propios recursos".

"Eu dígolles que non", concluíu con contundencia a eurodeputada de AGE, "non á guerra, non á intervención militar, nin no meu nome nin no da inmensa maioría da poboación, que queremos a paz, a dignidade e a liberdade e cremos na solidariedade". "Poñan fin á guerra e dirixan os seus esforzos a establecer unha cultura da paz", demandou no Parlamento Europeo.

Estrasburgo, 25 Novembro 2015

No vídeo a Secretaria de Estado, Hillary Clinton, admitiu nunha entrevista concedida á cadea estadounidense Fox News, que o Goberno de EE.UU. (Publicado o 30 de maio de 2012)


https://youtu.be/kz293ocSvJ4

Máis información:
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez .

[1] Orde do día da sesión plenaria.

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
25 de novembro de 2015 15:21

_____________

Foto da cabeceira, do asturiano Manu Bravo, (Premio Pulitzer 2013)  postada por Ártabra 21.
____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon