quinta-feira, novembro 26, 2015

O candidato marica, ... Por Carlos Callón

Carlos Callón [*]
26.11.2015


Teño sufrido moito por ser diferente. Por non encaixar no modelo de neno normativo, nin da nena normativa, por estar en terra de ninguén.

Por aceptar representar na obra de teatro do colexio o papel protagonista de prostituta, travestido con 9 anos. "Connosco non xogues, que isto é cousa de nenas"; "larga de aquí, marica, que estamos os homes". Fun invisíbel até case os 20. As primeiras décadas da miña vida paseinas sen ser eu. Cando optei por saír do armario non había na esfera pública referentes cunha sexualidade abertamente diferente, como moito para facer a graza ou para a crónica rosa.

Aínda así, que ninguén se quede cunha imaxe negativa. Loitei, como hai que loitar na vida, e logrei encontrar o camiño para ser un rapazolo alegre, antes, e agora un adulto tamén razoabelmente feliz. Loitei pola miña identidade, igual que loitei pola miña lingua, pola miña cultura, polos dereitos deste país e da súa xente.

Hoxe o meu papel é outro. Son militante de base do BNG, e agora encabezo a lista NÓS-Candidatura Galega pola Coruña, e asumo facer o que desexei que outras e outros fixeran no seu día para evitar que me sentise só. Dispóñome a entrar na esfera pública da política coa miña sexualidade non heteronormativa como bandeira, xunto con outras bandeiras que me comprometo a soster sen que me trema o pulso.

Vou ser o deputado de todas as veces que me chamaron marica, a min e a todos.

Vou ser un deputado de todas as persoas ás que, como a min, por ir collido da man co meu mozo pola rúa, lle ofreceron "unhas hostias". E dos que as levan. E dos que se defenden con uñas e dentes.

Vou ser o deputado da pluma orgullosa e da dignidade das diferentes maneiras de organizar as vidas. Por responsabilidade comigo mesmo, polas persoas que aínda hoxe son discriminadas e polas que van alá, vou ser un deputado marica. Un deputado galego, nacionalista, de esquerdas e homosexual.

Non vou ser o único deputado homosexual no Congreso, seino, mais si un dos poucos fóra do armario, a pesar do camiño andado por algúns grandes como Pedro Zerolo. E vou decidido a exercer como deputado das diversidades. Galiza vai abrir aínda máis as portas do Congreso tamén nese campo. Porque a plena igualdade de dereitos e a fin das discriminacións aínda están por conquistar.

A quen defende os modelos heterocéntricos, os arquetipos rosa e azul, quero dicirlle: aquí estamos eu e a miña pluma multicores, e viñemos para ficar.

Publicado en LVG, o 25 de Novembro de 2015

[*] Carlos Manuel Callón Torres - nado en Santa Uxía de Ribeira o 26 de agosto de 1978, é activista, profesor e escritor, na actualidade é o candidato -cabeza de lista pola Coruña, de Nós - Candidatura Galega. Licenciado en filoloxías galega e portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerce como profesor de lingua e literatura galega no ensino secundario [Galipedia]. Blogue persoal: http://www.carloscallon.com/  | Conta de twitter: https://twitter.com/carloscallon | Conta no facebook: https://gl-es.facebook.com/CarlosCallon|
_____________

1 comentarios so far

Amarillismo tipo SALVAME, utilizar a súa condición sexual para victimizarse a arrabuñar uns poucos votos.
Mire Sr. Callón o cabeza de lista do Partido Popular pola Coruña, nunca escondeu a súa opción sexual, pero nunca tirou dela para sacar rédito politico


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon