martes, novembro 24, 2015

Como no resto de cidades e vilas galegas, en Ferrol, a CIG convoca concentracións, este 25N, n Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres

A secretaría da Muller lanza unha campaña, con motivo do 25 de Novembro, alertando de que “Na túa empresa tamén hai violencia”

A CIG convoca concentracións, o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, en cidades e vilas galegas. En Ferrol: ás 12 horas diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galiza.

A CIG convoca concentracións en cidades e vilas galegas contra a violencia machista, mañá mércores, día 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Unha data con motivo da que vén desenvolvendo unha campaña baixo o lema “Na túa empresa tamén hai violencia”, para chamar a atención sobre as agresións e a violencia simbólica, de abusos cotiáns, que sofren as mulleres no ámbito laboral -que foi presentada a semana pasada no marco dun encontro nacional de mulleres da CIG- e chama a participar das mobilizacións convocadas polo movemento feminista.

“Na túa empresa tamén hai violencia”


Con esta campaña a CIG pretende dar claves de identificación das múltiples manifestacións de violencia e sexismo no ámbito laboral, na propia empresa, para comezar polo máis próximo. Deste xeito advirte que “son violencia machista os achegamentos físicos excesivos por parte dun xefe ou un compañeiro de traballo” mais tamén que se poña en risco a saúde da muller ou do feto cando a empresa non adopta medidas preventivas no traballo; as diversas formas de humillación que sofren as traballadoras cando non se recoñece nin o seu traballo nin a súa valía; cando se paga menos polo mesmo traballo; cando non se promociona á muller polas cargas familiares ou cando se culpabiliza a unha traballadora que solicita unha redución de xornada por coidado creando un clima de traballo hostil “facendo crer ao cadro de persoal que teñen que traballar nun horario incómodo pola súa culpa”.

Na campaña alértase tamén dos micromachismos que se poden manifestar na propia entrevista de traballo cando á muller se lle pregunta se ten familia o seu cargo ou se ten previsto tela; cando lle quitan valor ás ideas ou opinións das mulleres minusvalorándoas ou mesmo cando se cambia unha reunión cando cadra cun partido de fútbol, mais non cando coincide con actividades extraescolares das crianzas.

Para a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral cómpre recoñecer estas actitudes para poder combatelas e é imprescindíbel incrementar o investimento público nos programas de atención e protección das vítimas, penalizando aos agresores e evitando que poidan reincidir e unha intervención directa nas causas da violencia de xénero. “Para irmos á raíz, temos que ir ás orixes, valores e condutas xerados pola cultura dos xéneros e propiciar cambios e alternativas".

SITUACIÓN ALARMANTE

Para a CIG é alarmante que en 2014 foran asasinadas 9 mulleres –oficialmente só se recoñecen 6- e que no que vai de ano 2015 xa foran asasinadas 8. Lembra que actualmente en Galiza están vixentes 7.759 ordes de protección; que o centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero atendeu, desde xuño de 2014 até decembro, a 28 persoas: 14 mulleres e 14 crianzas ou que o teléfono da Muller atendeu o ano pasado un total de 4.870 chamadas.

Unha situación que para a secretaria das Mulleres, Margarida Corralé máis que grave” e que porén non foi considera así polo goberno do PP, que aínda que incrementou este ano os recursos públicos nun 5,3% respecto do anterior, chegando aos 10.310,2 millóns de €, non chega para compensar os recortes introducidos desde 2009 cando o orzamento foi de 11.792,8€.

Corral denuncia ademais "o impacto que os recortes, en xeral, tiveron na vida das mulleres. Recortes cos que a Xunta de Galiza provocou o desmantelamento das políticas e igualdade, incidindo directamente nos dereitos humanos das mulleres". Neste sentido sinalou que "a ONU suspende ao goberno do PP en todas as áreas que, de xeito directo e indirecto consolidan a discriminación das mulleres: violencia de xénero, igualdade, saúde, emprego, dereitos sexuais e reprodutivos… e un longo etcétera”.

Tal é así que o Estado español ocupa o posto 29 dun estudo que abrangue a 142 países e que sitúa entre os dez primeiros, ademais de europeos como Islandia, Finlandia, Noruega ou Suecia, a outros como Ruanda ou Filipinas, que van 20 postos por diante.

Compostela, 24 de novembro de 2015

Gabinete de Comunicación da Confederación Intersindical Galega - CIG.

Enviado por:
CIG FERROL INFORMA
-ferrol@galizacig.net-
24 de novembro de 2015 12:36

_____________

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Baixo o lema "Paremos o Feminicidio", a Marcha Mundial das Mulleres convoca en Ferrol, como noutras cidades da Galiza, actos de denuncia e reivindicación para este 25 de Novembro Día Internacional Contra a violencia Machista
_____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon