xoves, novembro 05, 2015

Xornada "As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da Política Pesqueira Común (PPC): retos e propostas de futuro" - Cangas do Morrazo, 6 e 7 de Novembro


"As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da PPC: retos e propostas de futuro". | Xornada informativa e de debate sobre o sector pesqueiro. Auditorio Municipal de Cangas, venres 6 e sábado 7 de novembro. | Acuicultura, cotas pesqueiras, pesca artesanal, marisqueo, acordos de pesca da UE ou o papel das mulleres na pesca galega, temas principais.


Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) e o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) -do que AGEe forma parte no Parlamento Europeo-, desenvolverán este venres 6 e sábado 7 a xornada "As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da Política Pesqueira Común (PPC): retos e propostas de futuro" [1], que terá lugar no Auditorio Municipal de Cangas e será introducida polo alcalde desta vila fortemente vinculada ao mar, Xosé Manuel Pazos Varela.

Da man da eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, e a través dun esquema de traballo en torno a oito mesas temáticas, abordaranse aspectos clave do sector pesqueiro galego, "procurando ao mesmo tempo propiciar un espazo de encontro e intercambio entre os distintos colectivos profesionais", apunta Senra.

Así, o deputado de AGE Juan Fajardo, encetará a xornada do venres 6 dando conta dos riscos do modelo de acuicultura que proxecta a Xunta de Galicia, entre o que podemos atopar a controvertida mudanza da actividade marisqueira en "acuicultura" a nivel lexislativo. Nesa mesma xeira, o técnico superior en produción pesqueira e acuícola, Xurxo Pérez Rodal, e o responsábel de pesca sostíbel de Anova Terra, Miguel Ángel Arís Abilleira, abordarán criticamente as estratexias de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+I) no eido acuícola.

Como non podía ser doutro xeito, a problemática das cotas pesqueiras e a loita dos mariñeiros do cerco, será tamén tratada pormenorizadamente na tarde do venres a través do representante da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA), Andrés García Boutureira.

Será tamén neste primeiro día de xornada en Cangas cando se debata en torno á situación do sector mexilloeiro, cun relatorio a cargo de Alfonso Alcaide Núñez, do Consello Regulador do Mexillón de Galicia.

A xornada do sábado 7 articularase ao redor de catro eixos principais: marisqueo, as mulleres na pesca, a pesca artesanal e os acordos pesqueiros da UE con terceiros países.

"O marisqueo na Galiza. Situación, retos e propostas", é o epígrafe que dará cabida ás intervencións de Marina Buceta Alonso, mariscadora e vicepatroa  da Confraría de Pontevedra, quen porá sobre a mesa as claves do marisqueo a pé, e o mariscador Rafael González Ferreiro, quen dará conta da situación do marisqueo a flote na Ría de Ferrol; José Luís Lorenzo García e o patrón maior da Confraría da Pobra do Caramiñal, José Manuel Iglesias,  completarán esta mesa.

Nesta liña produtiva, a pesca artesanal contará con dous ámbitos de análise. Por unha banda, exporanse os retos e propostas deste sector, que serán trasladadas polo pescador e patrón maior da Confraría de Cangas, Francisco Javier Costa. Pola súa banda, o patrón maior da Confraría de Corucubión, José Dominguez Buitrón, exporá os principais riscos para a pesca de baixura.

A quenda de mañá pechará ca intervención "Os acordos de pesca entre a Unión Europea e países terceiros. Do papel á realidade", introducida pola eurodeputada de AGEe, Lídia Senra.

O sábado será tamén o momento de abordar a situación de invisibilidade das mulleres no mundo da pesca, salientando a situación das mariscadoras a pé e o seu modelo de organización nun espazo desenvolvido por Pencha Santasmarinas Raposo, unha das mulleres feministas máis destacada no sector pesqueiro, merecedora da Medalla Castelao 2010, e que ten asumido distintas responsabilidades na Consellería de Pesca da Xunta de Galicia, entre elas a de Xefa do Servizo de Organización no Sector Marisqueiro.

Santasmarinas estará acompañada pola redeira Geli Martínez Sotelo; a patroa maior de Arcade, Rita Míguez de la Iglesia e a presidenta da Agrupación de Mariscadoras de Arcade, Rosa Vilán Branco, que completarán a análise da situación das mulleres no sector pesqueiro galego.

A  posta en común das mesas temáticas será realizada a través de distintos espazos de debate ao longo dos dous días nos que desenvolverá a xornada.

A deputada de AGEe, Lídia Senra, salientou como obxectivo principal da mesma "ter a oportunidade de intercambiar puntos de vista con representantes de distintos ámbitos das pescas,  para deste xeito obtermos unha visión ampla e clara de cales son as preocupacións do sector con respecto á Política Pesqueira Común (PPC) e traballar dende AGEe para poder trasladalas no Parlamento Europeo".

Bruxelas, 5 Novembro de 2015.

[1] Adxuntamos cartaz e programa.

---

Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Enviado por:
MONTOTO VAZQUEZ Vera
-vera.montotovazquez@europarl.europa.eu-
5 de novembro de 2015 11:22
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
5 de novembro de 2015 18:13

_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon